Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

sábado, 20 de junio de 2009

Longa noite I (Eduardo)

Tardei tanto en escribir no blog que algúns dos temas van parecer prehistóricos; aínda así, quero saldar débedas e poñerme ao día.

Graciñas, Andrés, polo parto feliz e por ofrecerte como operador voluntario. O bebé goza de saúde (suprimín boa despois desta semana de apagón). Xa emerxeron , os primeiros, catro inéditos: López, S. Cotelo, Puertas e Paio. Xa o fixera antes Chucho mediante correo. Benvidos á rede. O infante non engorda agora, quizais polo cambio de alimentación, pero ten tempo de medrar, se o coidamos.

Ler a Rafael é coma estar ante unhas memorias colectivas. Todos os escritos que vaian aparecendo darán, polo menos, unha imaxe cubista da nosa estadía en Santiago, que se podería estirar cara ao presente, porque a actualidade manda; será un libro dixital colectivo de memorias individuais/colectivas.

Xa que temos párroco e coadxutores, propoño nomear a Rafael letrado do blog, pola información xurídica que achega.

Valor e optimismo para os que sofren con ánimo doenzas e son quen de gozar dos pequenos praceres que cada día recibimos como agasallo. Os mellores desexos para ti, Rafael.

Os curas obreiros, movemento que tanto calou no noso grupo, pretendían poñer o mundo do dereito, Rafael, que do revés xa estaba. Había que ter moito valor e seguridade para tomar decisións tan rompedoras.

Á luz dalgunhas declaracións e noticias cústame evitar temas incómodos como a López lle custaba non opinar no foro. É saudable disentir para ir facendo cambiar as doutrinas esgotadas. Os temas A. Torres Queiruga e conflito lingüístico lévannos a outros tempos. ¿Estaremos entrando noutra longa noite de pedra... e chumbo? Celso Emilio:

O teito é de pedra.
De pedra son os muros
e as tebras.
Os corazóns dos homes
que ao lonxe espreitan,
feitos están
tamén
de pedra.

O outro día contáronme un soño:
"Había unha vez un poderoso e rico floricultor que cultivaba vastos xardín en todos os continentes e illas.
Un mal día saíu a traballar a Comisión de Poda e Desvaste para manter limpo o seu tesouro. No suroeste europeo, no Finis terrae galaico, florecía unha planta moi valiosa, posiblemente a máis valiosa desde a anada centroeuropea, acariciada pola bondade meteorolóxica, a humidade creativa do ar e a psicofitoloxía das plantas do contorno.
Os obreiros do Señor toparon cunha flor estraña, descoñecida, provocadoramente fermosa, que desafiaba a sapiencia botánica dos empregados. Dominaban o mundo das plantas tradicionais, pero este exemplar desacougábaos e poñía en evidencia as súas limitacións. Non era unha orquídea negra pero sobresaía no xardín coma ningunha.
Os mandados consultaron co Señor, que lles ordenou afiar as tesoiras. Os seus xardíns
de sempre non necesitaban innovacións neóxenas periféricas.
Algunhas plantas amurcharon prematuramente en solidariedade. As irmás de especie, que esperaban a calor do verán para florecer noutras latitudes, encapsuláronse no seo da nai terra e non fermosearon ningunha paisaxe á espera de mellores condicións ambientais.
O interese dos turistas decaeu, as visitas reducíronse e a caixa do Señor minguou por tantos atopelos cometidos coas plantas indefensas.
Disque se planeou unha folga de celo de pétalos caídos, moitas especies renunciaron aos seus xenes e adaptáronse ás novas cirunstancias. Os narcisos, envexosos e soberbios, celebraron en secreto as ameazas anunciadas ao rival. Escasos exemplares prefiren florecer, fermosos coma sempre".
¿Cando estarán as tesoiras afiadas para cortar flores?

Volvendo ao pasado, pareceume emotivo ver no altar a cinco ex compañeiros recomendando a Severino, con homilía tan positiva de Andrés, en circunstancias tan negativas. Á volta da Coruña, escribín esta despedida:

IN MEMORIAM.
Severino Calvo Barros.

Home pícnico, bondadoso,
de corazón reloxeiro,
animador do tic-tac vital,
estrela fugaz
que cruzou o espazo noso
camiño de Belvís.

Nós, vagalumes insignificantes,
empedramos a Vía láctea,
camiño de Compostela
na procura de algo.

Os anos convividos,
relampos ou solpores demorados,
teceron unha rede,
puntos e feixes de luz,
que nos ata e libera.

Cambios de órbita sucesivos:
ausencias aparentes,
presenzas recuperadas.
Longos camiños de Emaús
ata con-partir o pan.

Presenza breve pero intensa.
Dispensador de vida,
ministro de Deus, Vida e saúde,
infusor de confianza,
orixe de esperanza.
Xeneroso cos demais
e contigo rigoroso.

Vida, misterio contraditorio:
aire e terra,
aguia e sapo,
big-gang, burato negro,
clímax, abatemento,
rutina e sorpresa.

É luz e tebra,
sima e cima,
cara e cruz.
É proxecto, compartido ou egoísta,
doazón e amizade.
A vida somos nós.

A morte, salto á vida.

Tocados quedamos:
apagouse un facho
que acendemos un día
e xuntos avivamos.

Grazas, Severino,
por compartir con todos
anos de vida e entrega.
Paz e gozo para sempre.
Amigo.


A entrevista a Andrés é moi simpática e distendida, con afirmacións importantes:
  • A lingua, distintivo noso.
  • Perda de lingua, empobrecemento cultural.
  • Federico: actitudes non presentables ética e evanxelicamente.

A saída da Cope deste predicador ateo (así se autodefiniu) e de César Vidal é unha ganancia incalculable. Mágoa que haxa que esperar ata o 31 de agosto. Á Igrexa (episcopal) vaille custar bastante tempo recuperar o crédito perdido.

Asociei o tema da lingua coa referencia que facía Rafael á asociación cultural O Facho; e cheguei a aqueles anos case heroicos nos que había unha ilusión por recuperar a democracia e a dignidade do galego e da nosa realidade cultural. Desde outras asociacións e colectivos de ensinantes tentabamos conseguir os mesmos obxectivos.

Despois de 30 anos longos, parece que as pantasmas do pasado volven axotarnos, como se da noria histórica mansasen chorros de asneiras cada certo tempo.

A Xunta publicou no 2005 Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego. É a parte normativa aprobada pola RAG no 2003, consensuada co Instituto da Lingua Galega (ILGA). Creo que debemos tentar seguir este modelo para ir fixando a norma dunha lingua minorizada que xa sofre proceso de substitución polo castelán. De todos os xeitos, o máis urxente no é a normativa, senón usar o idioma, como ADN no que nos debemos recoñecer, sobre todo nestes tempos de baixón no número de galegofalantes.

Se interesa o tema, recomendo ler A lingua en Galicia, de Agustín Fernández Paz, en Encrucillada. 161.

O falso conflito lingüístico creado está provocando a saída de numerosos manifestos de protesta. Os 30.000 manifestantes chegados a Santiago o 17 de maio permiten agochar algunha esperanza de frear esta desprotección que vai sufrir o idioma propio de Galicia. Pero deste asunto temo que vai haber moitas ocasións de falar.

Onte, 19, houbo outra concentración masiva en Pontevedra para pedir a anulación do decreto que divide a provincia en dúas entidades territoriais, en contra, segundo os xuristas, da Constitución Española e do Estatuto de Autonomía. Non é un problema de localismo trasnoitado, como teño oído despachar.

Hai que lamentar a morte do ex xesuíta Vicente Ferrer, que soñou con erradicar a pobreza de millóns de persoas nunha rexión extremadamente p0bre. Estes si que son exemplos para admirar. A Fundación creada parece en condicións de seguir desenvolvendo o magnífico labor filantrópico, afortunadamente.

Eduardo Seco.

3 comentarios:

  1. Como se nota,EDUARDO,que continuastes a tua formación no Seminario Maior...Eu,pobre de mín,non pasei de Belvís,e eso notase..É unha verdadeira ledicia ver como escribes e como dominas a nosa lingua galega.Noraboa compañeiro.
    Ahora,como eu solo escribir poesías,(pobres poesías),e nn estón pasando,prcisamente,por bos momentos,desafógome con élas e vos,si queredes,aguantádesme.
    Vai por un fillo:

    ANTON


    ¡Silencio,calade!,
    non sexa desperte
    este rapaciño.

    Que o sol nalumée máis,
    E a lua contemple
    A este neniño.

    Ollos de azabache
    e de pél branquiño,
    sorríe sonando
    cós seus anxeliños.

    Cantade unha nana,
    E darlle un biquiño,
    Pecháde a porta,
    Pecháde amodiño.

    ¡ Silencio,…calade!
    Non sexa desperte
    O meu Antonciño.

    Antonio Puertas

    ResponderEliminar
  2. Antonio Puertas:Os que tendes esas habilidades para crear beleza coas palabras estades tocados polos deuses.Os clásicos relacionaban a poesía coa fermosura e por iso a poética era unha mais das artes . Rosalía, pese a ser filla dun crego, non pasou por Belvis nin por Sanmartiño e é unha das grandezas planetarias.Sigue creando e nos,polo menos eu, encantado de lerte e admirarte.Se estás pasando por un mal momento, eu tamén o pasei e ofrézome a comprenderte. Mándoche o meu correo por se me queres comentar algo:buxarelo@mundo-r.com.Cos mellores desexos.Rafael García Ramos

    ResponderEliminar
  3. GAITA GALEGA

    Sopla,sopla gaiteiriño
    Sóplalle á gaita galega,
    Que o aire que ti lle soplas
    O fol devólvecho en festa.

    O milagre de San Antonciño
    Que se extende pola ribeira,
    Tranformando o teu airiño
    En arte da nosa terra.

    Antonio Puertas

    ResponderEliminar