Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

domingo, 6 de diciembre de 2009

ACORDANZAS I


Ben queridos compañeiros: Durante a semana tiven que practicar a obra de misericordia de visitar aos enfermos. E das poucas que non precisan actualizarse. Lembrades que eran catorce: sete de orde corporal e outras sete de orde espiritual. Das corporais so podemos practicar esa e a de dar de comer ao famento. (Darlle para comer),porque beber ao sedento, vestir ao nu, dar pousada ao peregrino,redimir ao cativo i enterrar aos mortos, se non vives cerca do camiño de Santiago, non te secuestran, foise a auga, ou tes unha funeraria, son moi difíciles de practicar.


Outra cousa é as de orde espiritual .Os ensinantes temos a obriga de practicalas a diario: Ensinar ao que non sabe, dar bos consellos aos que os necesitaren, corrixir ao que erra, perdoar as inxurias, consolar ao tristeiro e sufrir con paciencia os defectos do próximo.(´Cacho lección de cartilla vos acabo de dar¡).


Indo ao tema. Quedaramos no ano 1962 xa instalados en San Martiño. Foi como pasar do século XX ao XIX. Precisamos levar xarro para a auga de lavar a cara e almofía (palangana). O espectáculo de cruzar Santiago cos colchóns mangados ao lombo e unha estampa típica de Berlanga. Tempos aqueles¡ Na miña casa facían augardente e levaba varias botellas para ao levantármonos tomar un trago. Sanmartín Ovelleiro, supoño que algúns mais, era un visitador asiduo ao tramo onde eu estaba.


Dos profesores de Filosofía gardo moi bo recordo unicamente destes tres e por orde xerárquica: Juanjo Cebrián, Manuel Bugallo e Luciano Palleiro. Este último descoñezo se inda vive. Juanjo era un defensor acérrimo dos grupos de “Jesús Obrero”Era o consiliario da JOC en Santiago. Admiraba o papa León XIII e a doutrina social que impartiu. Uníaa directamente coa do papa Juan XXIII nas bonitas encíclicas “Mater et Magistra” e“Pacemin terris.” Esquecía que o papa San Pío X foi un papa conservador, integrista e antimodernista como o actual. Acolleu aos de Lefebre pola porta grande mentres amargou dende o ex “Santo Oficio” aos ex-peritos conciliares. E bo lembrar que a seta cismática que costituiron chamábase a fraternidade de San Pío X. Por algo é. A Juanjo eu colocarao nun altar. Estaba desexando ter clase con el. Para min era como un cura obreiro. Os demais viñan moi pulcros á clase. El sempre enzoufado. Fernando Ledo dicía que viña sempre cos gardabarros enlordados. A min contaxioume conciencia social e inquietudes. Tiña claro que antes de ser un cura de misa e ola marchaba para os barcos bacalleiros nos que andaban os do meu tempo.
D. Manuel Bugallo era na realidade, se o tratabas, a antítese da idea que se tiña del, xeralmente, de home frío, calculador, cerebral e sen sentimentos. Era todo o contrario. Facía o imposible para darnos unha ética e dereito natural que nos fixese pensar. Tiña un pensamento moi moderno. Admiraba a democracia. O día que elixiron en Chile a Eduardo Frei,demócrata cristián, presidente,comunicounos que era o día mais feliz da súa vida. Cando Gironella escribiu, non sei se foron “os cipreses cren en Dios” ou “un millón de mortos” quería  quese lese. Trataba da guerra civil. El quería elevar o noso pensamento pero nós tamén moito non lle deixabamos. Estaba incómodo cos demais superiores do Seminario que eran o contrario del. Amaba o saber e o pensar e os demais so lles importaba o silencio e a puntualidade,que foses submiso e obediente . As novidades do Concilio a medida que se aprobaban xulgábaas fantásticas. Adoraba a palabra “agiornamento”. Era un lector incansable.

D.Luciano Palleiro era pulcro na dicción. Afable e moi atento se lle preguntabas algo. Renovador nos métodos de ensino. Viña cunha flor á clase e ía desfollándoa para ver cando lle diciamos que xa non era unha rosa. Os últimos pétalos que lle quitaba eran os accidentes substanciais. Tiña unha manía. Todo o tiñamos que coñecer en profundidade. A través das últimas causas. Sempre había que estarse interrogando. Mandou mercar o volume 8 ou 9 de “Los problemas fundamentales de la filosofía y del dogma “ de Amor Ruibal .Alí estaba a esencia ontolóxica do seu pensamento. Sempre o tiñas que ter á man. Tamén falaba de X. Zubiri. Intentaba que practicásemos o pensamento filosófico. As nosas preocupacións estaban mais en estar ao tanto de como ía o Madrid e o Barcelona amais o Depor e o Celta. Pensando nas cachatorias e como botar un pito ás agachadas. A obsesión de que fósemos sabios e amantes da filosofía tivo éxito nalgúns compañeiros como Varela Grueiro. Daba cadeira e entendíalo mellor que ao profe. Alumno del foi Marcial Gondar Portasany, catedrático de antropoloxía social en Santiago e con sona de ser dos mellores especialistas en antropoloxía galega. Viña dous ou tres anos despois de nós.

Por hoxe mais nada e que viva a Pepa. (Xa sabedes que o dito de “vivalapepa “ven da Constitución de Cadiz que entrou en vigor o dia 19 de Marzo de 1812, día dos pepes e pepas.)


A Senín ireille respondendo pouco a pouco e con certa orde ao que pregunta. En pequenas doses.  Se teño medo?. Téñolle que comentar que hoxe non. Houbo tempo en que si e moito. A noite do 23 F pensei que se repetirían as atrocidades do 36. En vida do ditador deixei de facer cousas por medo.(Saúdos para a túa escribana que xa me dixo un paxariño quen era)


Remato. Ao intentar colgar esta achega lin a Eduardo e Andrés. Para Eduardo, (Ringo entre vellos compañeiros) que nos siga deleitando coas súas imnformacións e comentarios, precisas,con fundamento e ben estruturadas,.Como din que deben ser as sentencias. Dinos e coméntanos os libros de Ayala. Eu téñoos anotados na libretiña laranxa que sempre me acompaña. O meu fillo dime: papá iso anótao no móbil ou na PDA. Para que a queres? Uso ferramentas das de antes para certas cousas moi persoais. Teño unha lista de libros gardados para a xubilación .A a ver se logo temos ganas de ler.


A Andrés L .animalo a seguir participando. Hoxe non pero si o outro Andrés ,tamén é un especialista no asunto da lingua, non o fai, por falta de tempo , eu, de todas formas comentarei o que nos dis. Un saúdo para todos e deica a próxima vez. Rafael




No hay comentarios:

Publicar un comentario