Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

domingo, 11 de septiembre de 2011

ARMENTEIRA 4


A illa perdida

1. Xeografía

Baixamos das alturas do paraíso do Castrove á Illa, como din os veciños da comarca; un xenérico convertido en propio.
A de Arousa é unha illa perdida e non achada: perdeu a insularidade no1985 cando quedou comunicada co continente por unha ponte semicircular de 1,8 quilómetros.
A Illa mide 6,41 km2, é a máis extensa de Galicia e ten forma de 7 moi deforme. Dúas fallas e a acción posterior das correntes mariñas déronlle a forma actual. Unha falla, dirección norte-sur, separou a illa do continente; outra, leste-oeste, separou o sur (Punta Carreirón) do resto da illa.
Nun principio eran tres illas: a do noroeste (viseira do 7), a central (por onde entraremos) e a do sur. A do noroeste e a do sur uníronse á central por acumulación de area, movida polas augas e o vento. O istmo de area do norte é, curiosamente, a zona de concentración da poboación e onde están os portos de Xufre e de Chazo.
De norte a sur a Illa mide máis de seis km; a anchura oscila entre 200 e 2.500 m. É un animal prehistorico (septesaurio  rex?) que se baña no val mariño máis rico do mundo, segundo os biólogos.
As rías son vales fluviais afundidos e asolagados polo mar. A fractura e afundimento do leito do Ulla está por Herbón. As rías son accidentes xeográficos singulares: só hai rías en Galicia e no mar de China, porque se deron as circuntancias de afundimento do val fluvial e o asolagamento polas augas do mar, favorecido pola  suba de nivel por mor dos xeos fundidos na derradeira glaciación.
As rías Baixas caracterízanse por teren illas no interior e/ou na saída. A ría de Arousa ten varias illas: Cortegada, Arousa, Sálvora e outras máis pequenas. Desde 2002 as illas de Cortegada, Sálvora, Ons, Cíes e Sisargas forman o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas. Son catro arquipélagos das rías Baixas e un fronte ao cabo San Adrián (Malpica). Arousa quedou fóra por estar  moi deteriorada pola actividade humana.
Volvendo á Illa, o monte Palmeiras, con 63 m  de altitude, destaca sobre o resto da superficie, chá e a 10 m sobre o nivel do mar.









2. Historia

En 1997 a Illa foi segregada de Vilanova. Agora é concello independente, o número 315 de Galicia. Durante o ano ten uns 6.000 habitantes, que no verán aumentan.
Esta illa é a única de Galicia permanentemente habitada por persoas. Estivo poboada desde a prehistoria; por aquí pasaron celtas (os annios insulte mencionados por Plinio), normandos (que non viquingos) camiño de Compostela, sarracenos… Apareceu ao norte unha necrópole paleocristiá. Dise que dos normandos os isleños conservaron a dorna, que sulcou as augas das rías Baixas ata hai poucas décadas. Afonso X definía a dorna como un caixón, pero cunha simple vela –pendao ou vela mística- e o tingladillo podía navegar fóra das rías. É a embarcación de orixe máis remota da península Ibérica. Case desapareceu, pero algo queda:
A miña dorna pequena
é coma o berce dun neno,
cando o mareiro me arrola,
coma un meniño adormezo.
No ano 920 Afonso IV fundou o mosteiro de San Xulián, desaparecido. Na Idade Media había na Illa salinas importantes. Para que as explotase o mosteiro de San Martiño Pinario, o bispo Sisnado e Ordoño II doaron toda a illa, no século X, ao mosteiro santiagués.
No século XIII chegaron cataláns, atraídos pola riqueza pesqueira. En 1879 levantaron a primeira fábrica –Goday- e comezaba a moderna industria conserveira galega. Os cataláns revolucionaron e evolucionaron a pesca, introduciron a xábega e montaron industrias conserveiras, tan enraizadas nas Rías Baixas. Os isleños, influídos por aires frescos de fóra, defenderon a Constitución de 1812, contra Fernando VII.
Xa antes, no XVIII, se sublevaran os mariñeiros contra o clero e os seus impostos presuntamente abusivos.
No século XVII había contrabando de sal (ben prezado, que se utilizaba para pagar traballos: salario). Nos anos setenta houbo crise de petróleo: inflación e paro.Tamén crise pesqueira… e desenvólvese o contrabando do tabaco de batea, que deu paso ao narcotráfico, que deixa pingües ganancias e desgrazas irreparables en persoas e familias das ribeiras de Arousa: O Barbanza e O Salnés.
Xulio Camba, natural de Vilanova, dixo dos seus veciños: “O que os anarquistas de todo o mundo non lograron nunca: vivir anárquicamente, conseguírono os habitantes da illa de Arousa. A Illa é unha verdadeira colonia anarquista. Alí non  hai policías nin xuíces”. Eran outros tempos, era unha illa illada. Non había ponte de comunicación.  Policías hainos e poñen multas de tráfico.





3. Turismo
Pese aos adefesios urbanísticos, que os hai, a Illa ten 36 km de costa e 11 de praias. É un lugar privilexiado para as aves, por iso Punta Carreirón e as illas próximas Areoso, Pedregoso e Rúa están catalogadas como Zona internacional de Especial Protección para as Aves (ZEPA). Está tamén integrada no Parque Natural Complexo Intermareal Umia - O Grove - A Lanzada - Punta Carreirón, que acolle de 13.000 a 16.000 aves invernantes: píldoras cencentas, mazaricos rubios, alavancos, pirlos, garzas, garzotas e outras aves limícolas migratorias. Non faltan patos patosos nin as exultantes gaivotas.
A casa do Concello é obra do coruñés Manuel Gallego. Dous corpos simétricos,  unidos por corredor acristalado, permiten ver o mar desde todas as estancias. Tamén son modernos a Lonxa e o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA).
Subir ao miradoiro do Santo paga a pena: vese o contorno da illa e as ribeiras do mar de Arousa. Máis ao sur consérvase un muíño de mareas, que emprega a enerxía maremotriz para moer o gran. Hai outro no Tragove  (Cambados). O faro  (noroeste) está sobre rochas nunha paisaxe espectacular. A igrexa é neoclásica.
Cumpriría unha bici para admirar lagoas e enseadas, puntas rochosas, praias brancas, dunas, bosques, augas transparentes, formas caprichosas esculpidas pola maxia do vento e das augas. Tamén diversos ecosistemas: dunas, marismas, matos, piñeirais e paisaxes submarinas. Hai endemismos dunares, como o cardo leiteiro. A vegetación máis destacada medra nas dunas estabilizadas, que acollen endemismos ibéricos ou galaicos: Iberis procumbens, Linaria polygalifolia e Linaria arenaria (esta en perigo crítico de extinción en España).
A UE está obrigando á Xunta a crear máis zonas protexidas ZEPA. Galicia só ten o 3% do territorio; a media española é do 21%.
Non faltan na Illa as actividades deportivas e de lecer: regatas de dornas e de embarcacións tradicionais, festas do patrón san Xulián (7 de xaneiro), do mexillón das bateas próximas, festival de música en agosto…
En gastronomía non pode faltar o polbo á illa (secado ao aire e cociñado con patacas e allada); ameixas, navallas, nécoras, camaróns, centolas… son outras delicateses da Illa, pero están algo verdes.
Ata a próxima.
Eduardo Seco.

No hay comentarios:

Publicar un comentario