Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

viernes, 10 de mayo de 2013


REVOLUCIÓN LINGÜÍSTICA


Revolución/perversión lingúística
Difícil entender a alta política actual sen afondar na cuestión lingüística. Chomsky, Saussure ou Roald Dahl nunca sospeitaron da potencialidade comunicativa e creativa dunha lingua como o castelán. Eis algúns exemplos, para que a afirmación non sexa cuestión de fe:
  1. Non subiron os impostos; coponderáronse os gastos.
  2. Non houbo amnistía fiscal, senón proceso de regularización de activos ocultos.
  3. Non hai bancos malos, senón vehículos coadxuvantes de activos opacos. Aquí non vale a lóxica india: “Banco malo no ser bueno”.
  4. Flexibilízase a lei de costas para rendibilizar o noso patrimonio natural. Alicatemos, pois, o Cantábrico, o Atlántico e o Mediterráneo.
  5. Amnistíase a delincuentes para loitar contra o crime.
  6. Ofrécense saídas fiscais aos defraudadores para potenciar a transparencia.
  7. Ponse prezo á Sanidade para que siga sendo gratuíta.
  8. Expúlsase da Sanidade a determinados colectivos para que siga sendo universal.
  9. Liquídanse as leis laborais para salvagardar os dereitos dos traballadores.
  10. Penalízase o xubilado e o enfermo para protexer os colectivos máis vulnerables.
  11. Sóbense as taxas universitarias para defender a igualdade de oportunidades.
  12. Privatízanse as empresas e servizos para que sigan sendo públicos.
  13. Encarceraremos a quen rompa unha papeleira para que a Xustiza sexa exemplar.
  14. Impoñemos taxas xudiciais para que a Xustiza sexa universal e gratuíta.
  15. Méntese como un novelista prolífico para que resplandeza a verdade.
  16. Fóxese dos periodistas para dar a cara.
  17. Convócanse rodas de prensa plasmáticas, sen preguntas, para contestar a todo.
  18. Obedécese a Merkel para non perder a soberanía nacional.
  19. Remodélase RTVE para manter a pluralidade informativa.
  20. Garántese a liberdade suprimindo liberdades.
  21. Acometemos a lei do emprego para crear desemprego.
  22. Nacionalizamos Bankia e Novagalicia Banco para:
    - Converter en banqueiros a todos os españois.
    - Demostrar que non só privatizamos.
  23. Os emigrantes son residentes ausentes, que practican a mobilidade exterior, unha moderna modalidade turística.
  24. Non cobramos “sobresueldos”, cobramos “suel-dos”, suel-tres; algúns, suel-cuatro.
  25. Dentro de nada, o adulterio será unha externalización do matrimonio.
Resumindo, están investindo en I+D+i lingüísticos para que os eufemismos, ou perversións lingüísticas, non causen impacto nas sufridas neuronas.
En consecuencia pplóxica: sóbese para abaixo, báixase para arriba, avánzase para atrás e retrocédese para diante.
Tampouco nos queda o consolo de perdoar porque non saben o que fan. O PPP
(Presidente ProtoPlasmático) dixit: “Sabemos lo que hacemos”.
Viva a lingüística, pensan uns, que serve para camuflar un programa electoral!
Maldita lingüística! berran con dignidade os indignados!
Paradoxalmente, as facultades de Filoloxía estanse baleirando. Os universitarios aínda non se decataron de que ese é un atallo para ocupar postos de traballo sobresvalorados.
Dimitiu o Papa, dimitiu Ferrín, dimitiron outros. Apúntase alguén máis con algo de Gallardonía?

Últimas noticias: aos dialectos emerxentes mencionados temos que engadir, desde onte o LAPAO e o LAPAPYP.

Adhesión e grazas
Subscribo, Andrés, a túa valente achega. Tamén a primeira parte do artigo de Xavier Marías.
Grazas, Rafael, por iluminar e enriquecer con enlaces e comentarios oportunos a miña maccdonia.
Grazas, Antonio, pola túa creatividade y por velar pola miña saúde.

Saúdos
Eduardo.

1 comentario:

  1. Se o que fai, sabe ben o que fai, é culpable por partida doble, se o fai mal. E, se está a pensar que o fai ben, e bobo se o fai mal...e algo listo, se recoñece que non sabe facelo ben.
    Antonio

    ResponderEliminar