Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

jueves, 29 de septiembre de 2011

FE DE ERROS

Un trasno informático manipuloume o texto de madrugada. Que fácil botarlle a culpa ao primeiro que atopemos; e se non o achamos, inventámolo!
   O certo é que a consagración da catedral foi o 3 de abril de 1211, non o 13. A conmemoración do oitocentos aniversario demorouse ata o 9 de abril do 2011.
   Antonio, supoño que gardarías a tinta da lura xigante para escribir moitos e líricos poemas. Agora non tes disculpa.
   Saúdos.
   Eduardo Seco.

FELICIDADES

En primero lugar, FELICIDADES OAS “ RAFAELES “, compañeiros e amigos, no día da súa onomástica.

EDUARDO, coma sempre, MAXISTRAL.

E, da convivencia en Armenteira, ¡ que vos vou a dicir !, pois nada, que o único que sinto é ENVEXA.

Deica logo, AMIGOS

Antonio Puertas

miércoles, 28 de septiembre de 2011

COROLARIO                   


Despois da Armenteira-Altefrankfurt-A Illa e da crónica magistral de Rafael, literaria e fotográfica, e do inspirado poema mariñeiro de Antonio, o meu agradecemento aos organizadores da xuntanza e aos xenerosos técnicos de imaxe  Barral e Henrique.
Os mellores desexos para Rafael, que hoxe, xa 29, está de santo. Que o arcanxo  tocaio o protexa por moitos anos, como acompañou  na viaxe a Tobías e á súa dona. E que lle preste as ás para seguir obsequiándonos con perlas como a de Quino, que acabo de ler.
Este ano descendeu bastante o número de asistentes, esperemos que por razóns conxunturais e non estruturais, como din agora os economistas. Somos unha Quinta que case non ten cura: só tivemos 2,30; o decimal é a proporción de tempo de estancia dun dos curas.
Abren tan poucos o blog, que xa non vai servir para dar avisos. A deserción de antigos escribentes quizais estea motivada polo convencemento de que estamos…
Atrapados na rede
A rede ten nome de trampa: facemos clic para eliminar e o texto desaparece da pantalla, vai á papeleira e alí espera unha segunda oportunidade para seguir existindo. O programa pregúntache se o queres borrar definitivamente; apretamos a tecla e pensamos, incautos, que o texto/imaxe quedou eliminado para sempre. Pero non é así, o que facemos é enterralo nunha cela secreta do disco duro e tirar a chave. Chave que pode atopar doadamente un experto informático, ou un policía que siga unha pista por orde dun xuíz.
Se entramos na rede, xa nunca estaremos a salvo. Se metemos a pata na trampa-rede de Google, quedamos atrapados.
Pola contra, a rede tamén te pode levar á inmortalidade: calquera feito, dato, sentimento ou soño emborcado en Internet seguirá estando vivo e espallarase no tempo por todo o universo. Se fomos absoltos dun presunto crime, se recibimos un premio, seguiremos eternamente sentados no banquiño do reo ou sendo felicitados pola autoridade. Se fixemos o burro en facebook ou en twitter, aí seguirá ata a fin dos tempos.  
Se o inferno é un estado de ánimo, podería ser este labirinto-rede onde nos sentimos vixiados, condenados e inmortais a un tempo.
Non é esta a razón? Pois seguide o exemplo do xefe B16. Susan (Su Santidad) xa ten twitter  e navega polos camiños das novas tecnologías… cara a Trento II.
 Oitocentos aniversario da catedral de Santiago

O 13 de abril de 1211 consagrouse a catedral. A conmemoración celebrouse cun acto original e barato: unha cadea humana rodeou a catedral mentres repinicaban as campás.
O destino, a desidia e a avaricia fixeron coincidir no 2011 esta data festiva cun feito lamentable: a desaparición da xoia bibliográfica máis antiga cá mesma catedral: o Códice Calixtino, de finais do século XII. As empresas patrocinadoras do evento están contactando con Colombo para rastrexar a pista do deán: “Os ladróns sabían moi ben o que buscaban”.
O fiscal pide que se controlen as chaves para evitar o expolio do patrimonio religioso.
Saúdos. Eduardo Seco.

AFORISMO


Hai uns días mandoume un amigo de Madrid un emilio que vos copio a continuación.Mais que nada para que, como di Eduardo e mais Puertas, non medren as teas de araña no blog e teñamos medo a entrar para deixar algo por temor a que nos pique ou contaxie algunha.

Supoño que a Andrés Vilariño lle gustará,tanto polo contido como pola forma.El que foi o meu compañeiro de pupitre algúns anos,na clase poñíannos por rigoroso orde de lista ,e vía como facía uns debuxiños moi chuscos que a min no me saían pese a intentalo e para min que se parecían aos mafaldas que,naquela época, estaban no seu apoxeo. Creo que algunha vez,ao mellor xa o dixen,  teñome confesado de sentir envexa do meu compañeiro polo monicreuqes.Sempre me dicían que era un pecado e no me tiña que deixar levar por ese sentimento.Tempos aqueles de bendita inocencia.Pois aí queda o reflexo que fai Quino,hoxe en día,de como el nos ve tan desorientados.
"Quino, el caricaturista argentino autor de Mafalda, desilusionado con el rumbo que está tomando el mundo en cuanto a valores y educación, expresó su sentimiento al respecto...brillante! 

 
La genialidad del artista produce una de las mejores críticas sobre la educación de los hijos en los tiempos actuales.....
Padres de Familia, Maestros, amigos:"
De quererdes saber mais do autor de Mafalda podedes pincar aquí:
 

Pois,de momento, mais nada. Deica a próxima. Como dicía Luciano Pena: "Primun vivere,deinde filosofare"Dicialle a D. Manuel Bugallo cando nos recriminaba as poucas inquedanzas intelectuais que tiñamos cando estabamos nas clases tremendo de frío e nos custaba traballo atender.Un saúdo a todos. Rafael

viernes, 23 de septiembre de 2011


Despois de admirar o templo monástico,unha catedral en miniatura,foto de familia ante a porta principal que é unha marabilla arquitectónica. O que está na fila de atrás,de barba branca,é Rosalino Calvo Tojo. Por mediación de Agustín Dios acudiu por primeira vez. Tivo que facer un forte exercicio de memoria para recoñecernos a case todos. A voz súa,sonora e temperada, ségueo caracterizando.

Alguén suxeriu que outro lugar axeitado era no cruceiro e dito e feito.

Despois dos aperitivos tomamos asento no salón nobre do Hotel.


Agustín na presidencia coa asesoría de Cutrín e de Olveira que ese día, como tiña habitación reservada, estaba autorizado pola súa dona, a quen nos presentou e dirixiu unhas palabras, para un lixeiro exceso.
 
Non pode faltar unha pequena homenaxe ao fotógrafo oficial que nos ven agasallando dende hai anos cunhas fotografías destas xuntanzas. Agradecidos todos. Igual que a Enrique Vázquez Pose que nos brinda unhas montaxes audiovisuais magníficas e mais cedeunos estas fotografías.

Tamén ten méritos suficientes para aparecer aquí Dosil Pose que se despraza desde Málaga adrede para asistir á convivencia.

Rematamos co rosetón de Armenteira que é unha xoia pola que se filtra a luz que tanta beleza visual orixina no interior do Templo.Poia aí queda iso para constancia de todos os que acedan a este taboleiro.Sendo as 14 horas do 23 de Setembro primeiro día do outono.Tempo de colleita e recolleita.Rafael

jueves, 22 de septiembre de 2011

FAENA MARINERA

FAENA MARINERA


Por firmamentos, errante va la estrella;

con sonrojos el ocaso murió en la mar;

somnolencias de nácar sobre la arena;

murmullos expectantes, silencio y paz.


Del cielo mana rocío de luna llena

que al remero empapa al faenar;

candilejas luminescentes de sirena

que los remos atizan con el bogar.


Con fuerza espantan sus chapoteos

las sombras quebrantadas al pasar,

y, por los aires, flotan los deseos

con ansias de volar al más allá.


Las penumbras cierran el mar abierto;

las farolas le muestran por donde está

aquella niña que aguarda en el puerto

con labios de perla, vestida de cristal.


Con premura recoge sus aparejos

encendiendo las entrañas de la mar:

tesoros de ensueño, por sus reflejos,

atrapados quedan en las redes al izar.


Contar quisiera cuanto ha visto

y al puerto se afana por llegar;

tal vez un sueño, jamás previsto,

ayudó aquella noche en su bogar.


Antonio Puertas.





 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

lunes, 19 de septiembre de 2011

CRÓNICA SOCIAL – CONVIVENCIA 2011


Coa ausencia sentida e sobradamente xustificada de Andrés (outras actividades e obrigas derivadas das súas responsabilidades llo impediron)celebrouse, tal como estaba prevista, a xuntanza anual .

O autocar que nos trasladou dende a Coruña sorprendeunos co rótulo luminoso,en letras grandes,na parte frontal ,anunciando para posibles despistados que era o que correspondía ao grupo QUINTA DO 57.
Coa puntualidade anunciada no programa (coa cláusula de mais ou menos)realizouse todo o proxectado.

O posto de responsabilidade,vacante pola ausencia de Andrés,foi ocupado polo membro do equipo organizativo Agustín Dios Vigo que desempeñou coa dilixencia dun bo pai de familia e a rectitude dun ordenado comerciante como corresponde a un directivo bancario,coa eficacia e solvencia que demostrou ao longo de toda a súa dilatada vida profesional.

Ao mediodía despois de recoller aos compañeiros de Santiago, con temperaturas agradables, sol radiante pero sen moita forza, presentámonos nos arredores do Mosteiro de Armenteira. Alí nos esperaban os anfitrións señores Seco,Senín e García Ferro.

Amais da documentación que por fascículos non foi enviando o admirado e admirable Eduardo,para este medio, tamén nos facilitou o tamén apreciado e querido Senín información valiosa sobre as Rías Baixas e mais a que nos proporcionou de modo sintético unha guía turística, axenciada por el, sobre o Mosteiro que nos foi mostrando de forma ordenada como corresponde a unha profesional.

Como a Igrexa do Mosteiro é parroquial e había programado un enterro e unha voda tiveron que cedernos as monxas cistercienses a súa capela, na clausura, para celebrar a Misa. Presidiu a celebración eucarística o noso compañeiro Fernando Ledo facendo de acólito o ben querido Cutrín e de sochantre García Ferro que se mantén nunha forma envexable e,como dirixente da parte musical, deixounos a moitos unha inmellorable impresión. Non faltou unha crítica puntual,sen moita importancia,de compañeiros cunha traxectoria musical considerable como Caamaño Calvo, por non ter acordado por consenso previamente o repertorio.

Debemos este ano congratularnos de non experimentar ningunha baixa. Que se manteña. Hai un momento,no que se fai referencia aos que nos deixaron, que nos estremece a todos. Pasa da vintena. Para o ano que ven deberiamos dicir o mesmo. Amen.

Finalizada a celebración litúrxica realizamos a foto de familia. Velaí a tendes.

Falta o autor que non foi outro mais que o oficial Barral. Os que este ano non puidestes asistir , sodes os destinatarios desta crónica de urxencia,seravos fácil imaxinalo facendo a foto coa súa cámara e mais a dos que lle confían a súa para que el a dispare coa mestría que o caracteriza.

Vou apurar un pouco para non torturar aos posibles lectores como Pablo Payo, Outes Ruso,Felpete Sánchez, o meu homónimo García Pais, Vilariño e todos aqueles que soamente faltan por forza maior.

A saída para o restaurante dos familiares de Olveira que nos atenderon moi ben e agasallaron cun bo xantar foi conforme ao previsto. no propio autobús,todos os compoñentes do grupo que pasariamos varias horas dende os preámbulos ou aperitivos, o xantar de días de festa con mariscada variada,apetitosas ameixas,peixe,carne e doces regados con viños brancos e tintos,cafés e e licores variados en abundancia.

O acordo final foi,seguindo a ruta dos Mosteiros facer a do ano vindeiro e Sobrado dos Monxes,non pasando desapercibido o recurso memotécnico de “Desván de los Monjes”para non esquecerse.

Aquí remata esta crónica de urxencia. Posiblemente teñamos outra con documentación gráfica,tipo reportaxe,para memoria colectiva na que aparecerán outros comentarios atinados sobre este efemérides que foi todo un éxito. 

A foto que aparece fíxoa Barral coa miña cámara, con batería baixa, que xa non abría para realizar ningunha mais. Para a seguinte ocasión revisareina a noite anterior que é o que se debe facer sempre .Para todos,tanto os presentes como ausentes,un afectuoso saúdo. Rafael

martes, 13 de septiembre de 2011

RETALLOS 1


Como teño algo de tempo vou facer unha pequena colaboración aínda que sexa minúscula para honrar estes días de novena previos á festa da xuntanza anual. Os que vivimos unha ducia de anos en Santiago,dicíase que era a de crego a carreira mais longa de todas,vivimos moi influenciados polo calendario litúrxico. O tempo mais bonito era o do advento, Catro domingos antes do Nadal. O terceiro chamábano o domingo laetare (Alegrádevos).Ao pouco tempo,o día da lotaría,volviamos á casiña onde tan ben se estaba no inverno aqueles poucos días, cada tres ou catro facían por un dos pasados Santiago, pola velocidade endiañada coa que transcorrían.
Cando en Filosofía había que pasar o mes do cursiño en Santiago empecei a non quererlle ben ao calendario litúrxico. Por culpa del había que marchar para Santiago os día 16 de Xullo,festas do Carme no Cabo da Cruz,para estar ao día seguinte no novena do Apóstolo.
As festas mais importantes tiñan novena. A de Santo Tomás había que repetir todos a oración que frase a frase ía recitando o encargado que mais ou menos era así:.Oh venerable Tomás, oh venerable... que para mortificarte,que para ...dormías sobre una vieja tabla, dormías...
Contan as lendas que certo seminarista para facerse o gracioso rompeu a frase de repetición sen a palabra tabla e pasou a noite, por misericordia , baixo as tellas do seminario. O día seguinte,.”al alba”colleu o coche de liña para o domicilio familiar sen dereito a revisión nin apelación posible. Coas cousas sagradas non se admitían bromas.
Debemos,penso eu,outorgarlle a Eduardo toda clase de parabéns polas informacións detalladas e minuciosas que nos aporta sobre os lugares que teremos( D.m.) ocasión de visitar e contemplar o próximo Sábado. De non ter traballo non lle resultaría difícil superar as probas de guía turístico en calquera lugar do mundo con toda seguridade.
Ao ler as informacións dos elementos artísticos e arquitectónicos de Armenteira e a análise pormenorizada de cadanseu veume a memoria e asocieino ao labor tamén minucioso que fan os médicos forenses cando practican as autopsias. Xa había tempo que non tivera diante un informe deses.
Este verán lin,por curiosidade o que lle volveron a realizar,por petición da filla, a Salvador Allende para poder aclarar se a causa da morte fora un suicidio,como se dixo no 73 ,ou en realidade fora un homicidio ou mais ben un asasinato ou,con mais rigor, un magnicidio. Se alguén por casualidade tivera interese por saber a cantidade de circunstancias,elementos e detalles que a un profano lle pasarían desapercibidas podedes lelo aquí.

INFORME PERICIAL ANALÍTICO de INFORME DE AUTOPSIA


Pois ben. Eduardo parece, co seu ollo de apreciación artístico,que fai como o forense analizando minuciosamente o mosteiro de Armenteira.
Esperemos confirmar e apreciar “ in situ”o que nos adiantou. Pois nada mais. Anda xa o amigo Agustín Dios levando conta dos que pensan acudir porque é de aqueles compañeiros que a meirande ledicia que se lle pode dar sería que acudisen todos os que mais ou menos anos fomos compañeiros de curso. Deica o 17 de Setembro en Armenteira. Rafael

lunes, 12 de septiembre de 2011

ARMENTEIRA e 5


Despois de tanta disipación por horizontes abertos, volvo á paz cisterciense, ao recollemento da poesía mariana, á escuridade do “retrete da conciencia”, parafraseando a san Ignacio. Volvemos recoller o coche coa música interior de:

Cantiga CIII

Cómo santa María fixo estar ao monxe trescentos anos ao canto da paxariña, porque lle mostrase cál era o ben que habían os que estaban no Paraíso.

Daquela un gran milagre /  vos quero ora contar  
que fixo Santa María / por un monxe que rogar
lle iba sempre pra que lle mostrase / que ben no Paraíso ha.
Quen á Virxe ben servirá
ao Paraíso irá.

E que o vise na sua vida /  antes que fose morrer.
E entón a Gloriosa / vede o que lle foi facer:
fíxoo entrar nunha horta / á que muitas veces ía.
Quen á Virxe ben servirá
ao Paraíso irá.

Mais aquel día / fixo que unha fonte achou,
mui crara e mui fermosa, e cabo dela se sentou.
E así que lavou mui ben as mans, dixo: ¡Ai, Virxe, que será
Quen á Virxe ben servirá
ao Paraíso irá.

si verei do Paraíso / o que eu muito che pedí.
E si verei algún pouco do seu vicio / antes que salla de aquí,
e que seipa do que ben obra / que galardón haberá!
Quen á Virxe ben servirá
ao Paraíso irá.

Tan axiña que acabada / houbo o monxe a oración,
ouviu unha paxariña / cantar logo en tan bon son
que se esquenceu de todo, / e atente sempre alá.
Quen á Virxe ben servirá
ao Paraíso irá.

Tan grande sabor había / de aquel canto e de aquel lais,
que grandes trescentos anos / estivo así, ou máis,
cuidando que non estivera / senón pouco como está
Quen á Virxe ben servirá
ao Paraíso irá.

monxe algunha vez ao ano, cando ao verxel sal.
Calou e foise a paxariña / do que el houbo muito mal.
E dixo: “De aquí irme quero / que xa ha de querer comer
Quen á Virxe ben servirá
ao Paraíso irá.

o convento”. E foise logo / e achou un gran portal
que nunca vira, e dixo: “¡Ai, Santa María val-
me! Non é este o meu mosteiro /  ¿E de min qué se fará?
Quen á Virxe ben servirá
ao Paraíso irá.

E vaise e entrou na eirexa / e houberon gran pavor
os monxes cando o viron / e preguntoulle o prior:
- Amigo, ¿e vós quén sodes ou qué buscades acá?
Quen á Virxe ben servirá
ao Paraíso irá.

Dixo el: “Busco ao meu abade / que agora aquí deixei,
e o prior e os frades, / de que me agora quitei
cando fun a aquela horta / que el quen eu son dirá.
Quen á Virxe ben servirá
ao Paraíso irá.

Cando esto ouviu o abade / por algo tolo o tiveron,
o abade e mailo convento, / pro en cando ben souperon
de cómo este feito fora / dixeron: ¿Quén oirá
Quen á Virxe ben servirá
ao Paraíso irá.

nunca tan gran maravilla / como Deus por éste fez,
polo rogo da sua Madre / Virxe Santa de gran prez,
e por esto a loemos, / mais quen nona loará
Quen á Virxe ben servirá
ao Paraíso irá.

por calquer cousa que sexa? / Que por Deus gran dereito é
por canto nós lle pedimos / nos dá o seu Fillo a fe
por Ela, e aquí nos mostra / o que despois nos dará.
Quen á Virxe ben servirá
ao Paraíso irá.
                                               
                                   Cantigas de Santa María. Afonso X o Sabio.
                                   
430 cantigas que contan os favores que a Virxe lles concede aos seus devotos.
Teñen música e preciosas miniaturas. Un monumento literario, pictórico e musical.

Versión ao galego moderno, non normativizado, de Álvaro Cunqueiro.

Ao rei don Afonso foille dedicado o Día das Letras Galegas do 1980.

Saúdo cordial.
Eduardo Seco.

domingo, 11 de septiembre de 2011

ARMENTEIRA 4


A illa perdida

1. Xeografía

Baixamos das alturas do paraíso do Castrove á Illa, como din os veciños da comarca; un xenérico convertido en propio.
A de Arousa é unha illa perdida e non achada: perdeu a insularidade no1985 cando quedou comunicada co continente por unha ponte semicircular de 1,8 quilómetros.
A Illa mide 6,41 km2, é a máis extensa de Galicia e ten forma de 7 moi deforme. Dúas fallas e a acción posterior das correntes mariñas déronlle a forma actual. Unha falla, dirección norte-sur, separou a illa do continente; outra, leste-oeste, separou o sur (Punta Carreirón) do resto da illa.
Nun principio eran tres illas: a do noroeste (viseira do 7), a central (por onde entraremos) e a do sur. A do noroeste e a do sur uníronse á central por acumulación de area, movida polas augas e o vento. O istmo de area do norte é, curiosamente, a zona de concentración da poboación e onde están os portos de Xufre e de Chazo.
De norte a sur a Illa mide máis de seis km; a anchura oscila entre 200 e 2.500 m. É un animal prehistorico (septesaurio  rex?) que se baña no val mariño máis rico do mundo, segundo os biólogos.
As rías son vales fluviais afundidos e asolagados polo mar. A fractura e afundimento do leito do Ulla está por Herbón. As rías son accidentes xeográficos singulares: só hai rías en Galicia e no mar de China, porque se deron as circuntancias de afundimento do val fluvial e o asolagamento polas augas do mar, favorecido pola  suba de nivel por mor dos xeos fundidos na derradeira glaciación.
As rías Baixas caracterízanse por teren illas no interior e/ou na saída. A ría de Arousa ten varias illas: Cortegada, Arousa, Sálvora e outras máis pequenas. Desde 2002 as illas de Cortegada, Sálvora, Ons, Cíes e Sisargas forman o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas. Son catro arquipélagos das rías Baixas e un fronte ao cabo San Adrián (Malpica). Arousa quedou fóra por estar  moi deteriorada pola actividade humana.
Volvendo á Illa, o monte Palmeiras, con 63 m  de altitude, destaca sobre o resto da superficie, chá e a 10 m sobre o nivel do mar.









2. Historia

En 1997 a Illa foi segregada de Vilanova. Agora é concello independente, o número 315 de Galicia. Durante o ano ten uns 6.000 habitantes, que no verán aumentan.
Esta illa é a única de Galicia permanentemente habitada por persoas. Estivo poboada desde a prehistoria; por aquí pasaron celtas (os annios insulte mencionados por Plinio), normandos (que non viquingos) camiño de Compostela, sarracenos… Apareceu ao norte unha necrópole paleocristiá. Dise que dos normandos os isleños conservaron a dorna, que sulcou as augas das rías Baixas ata hai poucas décadas. Afonso X definía a dorna como un caixón, pero cunha simple vela –pendao ou vela mística- e o tingladillo podía navegar fóra das rías. É a embarcación de orixe máis remota da península Ibérica. Case desapareceu, pero algo queda:
A miña dorna pequena
é coma o berce dun neno,
cando o mareiro me arrola,
coma un meniño adormezo.
No ano 920 Afonso IV fundou o mosteiro de San Xulián, desaparecido. Na Idade Media había na Illa salinas importantes. Para que as explotase o mosteiro de San Martiño Pinario, o bispo Sisnado e Ordoño II doaron toda a illa, no século X, ao mosteiro santiagués.
No século XIII chegaron cataláns, atraídos pola riqueza pesqueira. En 1879 levantaron a primeira fábrica –Goday- e comezaba a moderna industria conserveira galega. Os cataláns revolucionaron e evolucionaron a pesca, introduciron a xábega e montaron industrias conserveiras, tan enraizadas nas Rías Baixas. Os isleños, influídos por aires frescos de fóra, defenderon a Constitución de 1812, contra Fernando VII.
Xa antes, no XVIII, se sublevaran os mariñeiros contra o clero e os seus impostos presuntamente abusivos.
No século XVII había contrabando de sal (ben prezado, que se utilizaba para pagar traballos: salario). Nos anos setenta houbo crise de petróleo: inflación e paro.Tamén crise pesqueira… e desenvólvese o contrabando do tabaco de batea, que deu paso ao narcotráfico, que deixa pingües ganancias e desgrazas irreparables en persoas e familias das ribeiras de Arousa: O Barbanza e O Salnés.
Xulio Camba, natural de Vilanova, dixo dos seus veciños: “O que os anarquistas de todo o mundo non lograron nunca: vivir anárquicamente, conseguírono os habitantes da illa de Arousa. A Illa é unha verdadeira colonia anarquista. Alí non  hai policías nin xuíces”. Eran outros tempos, era unha illa illada. Non había ponte de comunicación.  Policías hainos e poñen multas de tráfico.





3. Turismo
Pese aos adefesios urbanísticos, que os hai, a Illa ten 36 km de costa e 11 de praias. É un lugar privilexiado para as aves, por iso Punta Carreirón e as illas próximas Areoso, Pedregoso e Rúa están catalogadas como Zona internacional de Especial Protección para as Aves (ZEPA). Está tamén integrada no Parque Natural Complexo Intermareal Umia - O Grove - A Lanzada - Punta Carreirón, que acolle de 13.000 a 16.000 aves invernantes: píldoras cencentas, mazaricos rubios, alavancos, pirlos, garzas, garzotas e outras aves limícolas migratorias. Non faltan patos patosos nin as exultantes gaivotas.
A casa do Concello é obra do coruñés Manuel Gallego. Dous corpos simétricos,  unidos por corredor acristalado, permiten ver o mar desde todas as estancias. Tamén son modernos a Lonxa e o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA).
Subir ao miradoiro do Santo paga a pena: vese o contorno da illa e as ribeiras do mar de Arousa. Máis ao sur consérvase un muíño de mareas, que emprega a enerxía maremotriz para moer o gran. Hai outro no Tragove  (Cambados). O faro  (noroeste) está sobre rochas nunha paisaxe espectacular. A igrexa é neoclásica.
Cumpriría unha bici para admirar lagoas e enseadas, puntas rochosas, praias brancas, dunas, bosques, augas transparentes, formas caprichosas esculpidas pola maxia do vento e das augas. Tamén diversos ecosistemas: dunas, marismas, matos, piñeirais e paisaxes submarinas. Hai endemismos dunares, como o cardo leiteiro. A vegetación máis destacada medra nas dunas estabilizadas, que acollen endemismos ibéricos ou galaicos: Iberis procumbens, Linaria polygalifolia e Linaria arenaria (esta en perigo crítico de extinción en España).
A UE está obrigando á Xunta a crear máis zonas protexidas ZEPA. Galicia só ten o 3% do territorio; a media española é do 21%.
Non faltan na Illa as actividades deportivas e de lecer: regatas de dornas e de embarcacións tradicionais, festas do patrón san Xulián (7 de xaneiro), do mexillón das bateas próximas, festival de música en agosto…
En gastronomía non pode faltar o polbo á illa (secado ao aire e cociñado con patacas e allada); ameixas, navallas, nécoras, camaróns, centolas… son outras delicateses da Illa, pero están algo verdes.
Ata a próxima.
Eduardo Seco.

viernes, 9 de septiembre de 2011

ARMENTEIRA 3


Para entrar no recinto do mosteiro pasaremos baixo un arco cun baixorrelevo que representa a san Ero engaiolado polo canto do paxariño durante 300 anos.    
Noutros lugares do mundo reclaman o milagre para si e para algún mito local.
A igrexa é obra de Petrus Froya.
No baldaquino do retablo principal da igrexa está a imaxe da Virxe das Cabezas.
O conxunto do mosteiro empezouse a restaurar no 1963, por Amigos de Armenteira.
No 1989 chegaron as primeiras monxas, cistercienses.
Patrimonio Artístico Nacional e a Xunta continuaron a restauración  a partir de 1990.
Se alguén quere quedarse, por se se repite a mostra dos leceres do paraíso…  ten hospedaría con 13 habitacións.  Que avise na casa que vai faltar 300 anos.     

DETALLES DA ARQUITECTURA

1.     Interior da igrexa

Nave central
·         Bóveda de canón apuntado.
·         Arcos faixóns apuntados e dobrados, que se apoian en piastras adosadas ao núcleo central do piar, cruciforme.
·         Arcos formeiros que separan a nave central das laterais: arcos tamén apuntados e dobrados.
·         Máis alta e ancha cás naves laterais.

Naves laterais
·         Bóvedas de aresta.
·          Separadas por arcos faixóns, que se prolongan en robustos contrafortes graduados.

Cruceiro
·         Unha nave, máis ancha cá nave central.
·         Tramos laterais: bóveda de canón apuntado.
·         Tramo central: cúpula.
-          A cúpula contrasta co estilo do resto da igrexa, importado da Borgoña.
-          Lixeiramente esquifada.
-          Repousa sobre catro trompas cónicas, que transforman a planta cadrada en octogonal.
-          Dous nervios de sección rectangular en aresta viva, paralelos, crúzanse perpendicularmente con outros dous nervios.
-          Na parte central forman un cadrado.
-          Catro nervios, un por lado, unen en diagonal as trompas coa intersección dos nervios anteriores.
-          Esta cúpula ten estrutura única en Galicia. Similar, na capela das Claustrillas do mosteiro das Huelgas, tamén cisterciense.
-          Está inspirada nas cúpulas da mesquita de Córdoba. É de tradición islámica.


Cabeceira
·         Tres ábsidas de planta semicircular, precedidas por un tramo recto
·         Os tramos rectos cóbrense con bóveda de canón apuntado.
·         Os tramos semicirculares, con bóvedas de cascarón.
·         Acceso ás ábsidas: mediante arcos apuntados e dobrados, dos que destaca o da capela maior, que ten a mesma  altura da nave central.

Coro
·         Aos pés da igrexa.
·         Ocupa o derradeiro tramo; nun principio ocupaba dous.
·         Sostido por dous arcos rebaixados, que obrigaron a destruír os modillóns de remate das piastras.
·         Sobre unha das portas de acceso aparecía a data da construción do coro: 1779.
 Agora está no dintel da porta do antigo refectorio.

2. Exterior da igrexa

Fachada occidental
·         Interesante polo trazado e por ser un dos tres mosteiros galegos que conserva a fachada de orixe, co de Meira e o de San Clodio.
·         Dividida en tres rúas por macizos contrafortes, responsións dos arcos formeiros que separan a nave central das laterais.
·         Outros dous contrafortes nos extremos.
·         Lado esquerdo: entre os contrafortes, porta que comunica coa nave lateral do evanxeo.
·         Esta porta ten no interior un tímpano semicircular sostido por dúas mochetas e decorado cunha cruz grega.
·         Pequena ventá sobre a porta. Arco de medio punto.
·         Lado dereito: repetíase o deseño, pero esta porta quedou tapada pola fachada do mosteiro, do século XVIII, perpendicular á fachada da igrexa.
·         Ángulos da fachada: dúas escaleiras de caracol, abertas no grosor do muro, iluminadas por seteiras.
·         Tramo central da fachada: dous corpos, separados por un tornachuvias, decorado con xadrezado e sostido por canzorros lisos, semellantes aos da cornixa de todo o edificio.
·         Portada: Baixo o tornachuvias.
-          Abocinada.
-          Seis archivoltas e chambrana.
-          Todo moi decorado, en contraste coa austeridade cisterciense do interior.
-          Arquivoltas: molduradas en baquetóns e escocias.
-          Catro escocias, as exteriores, e a cambrana decoradas con xadrezado.
-          Arco interior de baquetóns matando as arestas, entre as que se pon unha escocia decorada con motivos florais.
-          Arquivolta exterior: decoración de arquiños de ferradura. Semellantes, na catedral de Santiago.
-          Arquivoltas: todas de medio punto, descansan sobre columnas con fustes alternativamente cilíndricos e prismáticos de sección poligonal.
-          Capiteis: decoración vexetal de follas sinxelas con cimacios en macela, lisos. Basas: perfil ático sobre plintos. Na basa dereita: ERA MCCL, é decir, ano 1212.

·         Rosetón: sobre o tornachuvias.
-          Para iluminar a nave central.
-          Composto por rosetas, lóbulos…, en árculos concéntricos arredor dun núcleo central circular con arquiños de ferradura dispostos radialmente.
·         Cabeceira: tres ábsidas circulares.
-          Ábsida central: dividida en tramos mediante contrafortes.

3. Outras edificacións do mosteiro
·         Campanario
-          Do 1778, segundo inscrición do claustro.
-          Barroco final.

·         Sancristía
-          Planta cadrada.
-          Cuberta plana de granito, sostida por catro arcos rebaixados.
-          Arcos centrais: descansan en grosas piastras de orde toscana.
-          Arcos estremos: descansan en ménsulas.
-          Neoclásica, século XVIII.

·         Claustro
-          Adosado á parede sur da igrexa. Arredor, dependencias do mosteiro.
-          Planta cadrada.
-          Dous pisos. Planta baixa, do século XVI.  Planta alta, do século XVIII.
-          Galerías: seis tramos por lado, cubertos con bóvedas de cruzaría, con claves chamativas.
-          Nervaduras: molduradas, apoiadas en ménsulas simples.
-          Cerre ao xardín: seis arcos de medio punto en cada lado, sobre  piastras decoradas.
-          Muro interior sur do claustro: é o románico da igrexa, con porta renacentista.
-          Bóveda da esquina nordeste do claustro: represéntase un anxo.

·         Sala capitular: cuberta moderna.
·         Cociña: conserva a disposición original.
-          Planta rectangular.
-          Gran bóveda de canón, que arrinca de grosa imposta. 
-          Grandes piares.
-          Fogar: dúas columnas sosteñen alta campá.
-          No exterior: Ano 1766. SIENDO ABAD EL R.P.M. LUIS DE PARGA.



N. B.: Este aperitivo saíu chuletón de quilo e medio, de elefante, duro de roer. Pasa por facer un leigo experimentos na cociña.  

Ata a próxima.
Eduardo Seco.

miércoles, 7 de septiembre de 2011

RETALLOS



Como cada vez que nos xuntamos adicamos algún tempo a lembranza nostálxica dos tempos que vivimos xuntos no Seminario non estará demais acordarnos de cal era o horario ao que axustabamos
de modo monótono o vivir diario.
Era o seguinte:
Está sacado do estudio dos seminarios galegos realizado por Raimundo Otero Enriquez: EL SEMINARIO DIOCESANO: UNA MIRADA SOCIOLÓGICA ... 

MANE:


6,30 -Surgere.
6,50 -Operum oblatio. Oratio Mentalis.
7,20 -Sancta Missa.
8,00 -Studium.
9,00 -Cubiculi expurgatio et dispotio.
9,15 -Ientaculum.
9,30 -Schola.
10,30 -Relaxatio.
11,00 -Studium.
11,45 -Schola.
12,45 -Prandium.
VESPERE:
1,30 -Relaxatio.
2,30 -Studium.
3,30 -Schola.
4,30 -Relaxatio.
5,30 -Studium.
6,15 -Schola.
7,00 -Relaxatio.
7,10 -Studium. Compositio vel Musica.
8,25 -Spiritulis lectio. Mariae Rosarium.
9,10 -Cena.
9,35 -Relaxatio.
9,50 -Conscientiae discussio.
10,00 -Quies.

Parece que discrepan e disputan autores sobre se era exactamente ese o horario polo que nos rexiamos. Se alguén conserva o que viña naqueles libretos que nos daban a principio de curso que o poña se non concorda con este. A seguir ben .Rafael