Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

lunes, 20 de julio de 2009

Centenario Añoveros ( Rafael G.R. )


Vou contar como anécdota, de avó que aínda non son, o que lle aconteceu a Xulio Barreiro Fernández, hoxe Procurador dos Tribunais en Santiago ,e a min no ano 1974. Así tamén revivimos na memoria e homenaxeamos a aquel gran bispo,converso ao Vaticano II que foi D. Antonio Añoveros . Andei preocupado ate que saíu a Lei de Amnistía no Outono de 1977. Así lembramos algo de historia que segundo R. Senín , mais outros, é mestra da vida.
O ano 1974 foi un ano moi convulso social e politicamente. Agonía do franquismo. A revolución portuguesa do 25 de Abril: “Grándola vila morena...”Os partidos políticos, con certa clandestinidade e menos medo, fanse mais presentes. Presentación da Xunta Democrática e da Plataxunta. A conciencia de algúns bispos. cregos e laicos sobre a maldade do franquismo e a necesidade da democracia medra .Madrid infestada de pintadas: Tarancón ao paredón.....etc...etc. Diso temos todos memoria.
Pois ese ano a revista “Vida Nueva” publicou unha homilía do bispo vasco Monseñor Añoveros de quen este ano se celebra o centenario. Chega antes aos subscritores e o goberno ordena o secuestro cando está a venda nos quioscos. A referida homilía dou orixe ao caso Añoveros a quen querían expulsar, esperábao un avión do exercito en Sondica, a Roma e parece que tiñan tamén preparada a excomuñón de Franco e de todo o goberno o que motivou que a expulsión quedase sen efecto.
Lembraredes todos a que se armou. Pois nós ao ver que a homilía era pura doutrina conciliar e dada a curiosidade que suscitara e a semellanza de Galicia co pais vasco en canto a lingua, cultura,estatuto propio etc. acordamos facer copias, nunha multicopista de última xeración que nos doara a Condesa de Fenosa, e polas nunha mesa ao fondo da Igrexa para que os fregueses que quixeren a recollesen.
Pódese ver en Internet. O mais grave que tiña e o parágrafo seguinte:

“El pueblo vasco, lo mismo que los demás pueblos del Estado español, tiene el derecho de conservar su propia identidad, cultivando y desarrollando su patrimonio espiritual sin perjuicio de un saludable intercambio con los pueblos circunvecinos, dentro de una organización sociopolítica que reconozca su justa libertad ... El Estado ha de estar al servicio de las personas y de los pueblos y ha de respetar sinceramente el pluralismo social y cultural.... “
Se comparedes co que dixo posteriormente a Constitución onde fala de nacionalidades históricas e de estatutos de Autonomía e de linguas e bandeiras oficiais este é un preludio insignificante.
Na Misa do Sábado pola tarde non pasou nada pero na mañá do Domingo aparecen dous policías, chamados da Social, con orde de detención para Xulio e mais eu. Dicímoslle que nos deixen facer uns carteis para comunicar a supresión das misas,bautizos, catecismo e restantes actividades pastorais dominicais. Parécelles moito rebumbio,volven á Comisaría a consultar e mentres que sigamos como se nada pasase; sobre as 2 da tarde volven a dicirnos que o Luns cando nos veña ben pasemos a ver ao Comisario Xefe.
Dinos que el é un mandado. Que somos boa xente. Que non ten mais remedio que facer o atestado. Que se difundísemos as homilías de Monseñor Guerra non sucedería nada. Que Franco está moi triste. Tanto como fixo pola Igrexa e agora ninguén llo agradece. Dinos que o feito é tan grave que ten que ir ao Tribunal de Orde Público se non cunha multa do Gobernador o asunto quedaba esquecido. Realizado o atestado dinos que por consideración podemos ir andando ao Xulgado de Instrución nº 2 a prestar alí declaración que nos espera o Xuíz. No Xulgado de Instrución trátannos moi ben. Din que tranquilos que o mais que pode pasar e que nos manden unha temporada para un convento ou mosteiro a non ser que renunciemos ao dereito que recolle o Concordato, neste caso mandaríannos para o cárcere de Zamora


As dilixencias remíteas o T.O.P e este acordará a data do xuízo para o que precisaremos un procurador e avogado e se non póñennolos de oficio por ser pobres. A través dun funcionario amigo, do pazo de Xustiza, estivemos informados da sorte do sumario en Madrid. Neste tempo foi tal a cantidade de dilixencias abertas que na cadea de Zamora xa non collían mais curas presos e atrasaron o sinalamento de vista. En Xaneiro de 1975 acordaron o arquivo provisional. O meirande problema dos arquivos provisionais, aínda hoxe, é que en calquera momento , a instancias da fiscalía , da avogacía do Estado ou de calquera acusación se pode reavivar calquera proceso penal e finalizalo con sentencia. De aí o que dicía ao principio que me quitaba o sono mentres non saíu a lei de amnistía. Eu traballaba na Universidade Laboral con contrato administrativo que, por necesidades do servizo se podía rescindir en calquera momento. Era un organismo público e coñecendo os antecedentes policiais e penais, naqueles tempos, non era para estar tranquilo.

Adxunto a copia da certificación que aínda conservo no ,meu poder:





Tempos aqueles. Son historia da que todos conservamos memoria. E certo que é a mestra da vida. Como sempre cos mellores desexos para todos. Rafael
N.B. Información legal:Dereitos do detido:Son aqueles dereitos que unha vez practicada a detención deben poñerse en coñecemento do detido, xeralmente por escrito,para que,de interesárenlle faga uso deles .Son:

1º.- Dereito a gardar silencio respecto a todas ou a calquera das preguntas que se lle formulen.
2º.- Dereito a non declarar contra si mesmo e a non declararse culpable.
3º.- Dereito a designar avogado que o asista no acto da declaración e se non o fai designaranllo de oficio.
4º.- Dereito a que se lle comunique ao familiar que el indique o feito da detención e o lugar onde se encontra.
5º.- Dereito a ser asistido gratuitamente por un intérprete se non coñece o idioma.
6º.- Dereito a ser recoñecido por un médico forense ou calquera outro dependente dunha administración pública.

A detención deberá realizarse, por imperativo legal, na forma en que menos perxudique a persoa e a súa reputación e patrimonio

No hay comentarios:

Publicar un comentario