Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

domingo, 12 de diciembre de 2010

Clamando no deserto, por cambio climático

Saúdo de película
   Como "alcalde" voso que son, non vos debo ningunha explicación. Pero vóuvola dar, aínda que non vola deba. Saúdo estensible aos miles (ou millóns?) de lectores deste raparigo moribundo.
A película de Berlanga que mellor lembro do seminario é Calabuch (1956). Parece que as súas obras mestras son Plácido (1961) e El verdugo (1963). Non hai moito vin  Nacional III (1982): acidez envolta en humor. Berlanga retratou a sociedade española da segunda metade do século XX; "entendeu e absorbeu a sociedade, a mesquindade, o humanismo e a submisa tristura" desta época.
  Franco dicía de Berlanga que era un mal español, moito peor ca anarquista, bolxevique ou comunista. Sorprende que se convertese en cineasta de consumo dominical no seminario, grazas ás formas correctas e ao humor. Sería un inxenuo ou un adiantado o que nos programaba os famosos no-dos de inauguración de pántanos e os filmes de Berlanga?
   Nestes últimos meses abandonáronnos moitas persoas que, de distintos xeitos, influíron na nosa formación, como Berlanga ou Paco del Riego. Non son afeccionado aos obituarios. Paz para todos eles.

Explotación do éxito
     É sorprendente que un acontecemento tan importante como a visita papal se deixe caer no desván da desmemoria deste blog. Militares e directores comerciais tentan sempre explotar o éxito. Como parece terreo minado ou prohibido, deixo para mellor ocasión as impresións recibidas vendo a TV os días 6 e 7 de novembro. Non sei se o silencio se debe ás minas, á consideración de que non foi un éxito ou a que o quilo de opinión se está poñendo polas nubes neste mercablog, coma o prezo do percebe ou dos meixóns no tempo de nadal.  
   Estar tantas horas baixo a mirada crítica do Gran Irmán  ten vantaxes, pero tamén inconvenientes: o que se ve é obxecto de comentario, e algunhas imaxes facían reflexionar. Sen opinar tampouco, por carestía de mercado, resumiría así o tema: a sociedade civil non é o que era; en consecuencia, a Igrexa non significa o que significaba.
   Facendo turismo, fotografei esta inscrición sobre o dintel da porta principal da fachada da igrexa de Santiago de Totana (Murcia):


 
Daqueles lodos virán estas tempestades?

Ecoloxistas desubicados 
   Con este título quero chamar a atención sobre o feito de reunir en Cancún aos participantes no XVI Cumio do Clima, pois esta meca turística é o exemplo do que non se debe facer para presevar a Terra do quecemento global. Foi como reunir vexetarianos nun matadoiro xigantesco. Tamén pode ser pedagóxico, porque explicita o contraste.
   Con todo, hai que agradecerlle o México, a Filipe Calderón e a Patricia Espinosa, o labor de mediadores entre os distintos países con intereses moi enfrontados. Pois tras o fracaso da reuníón homónima de Copenhague, parece que podemos enxergar agora un raio de esperanza para frear o deterioro que está sufrindo a nosa casa, o planeta Terra. Ecoloxía deriva do grego oikós ´casa´. É lamentable que aínda países se estean aferrando ao Protocolo de Kioto (1997), que marcaba para 2012 o final do primeiro período de cumprimento. Máis lamentable que os países máis emisores de CO2, como EE UU e China, non estean vinculados a Kioto.
   Se non se toman pronto medidas, se non rachamos a igualdade:
                      Benestar = consumo de enerxía  + contaminación
paisaxes que se nos antollan lunares, de cráteres, rochas e po, como as das fotografías, poderían avanzar antes do que pensamos.



Non as fixen na Lúa, senón en España, na semana da rebelión dos controladores. O territorio concreto deberás decubrilo ti, amigo e anónimo lector. Está cantado, porque é único.

   Mans Unidas envía a todas as reunións sobre cambio climático a representantes e especialistas, porque sabe que as consecuencias do cambio deixaranse sentir antes e de forma máis dramática nos países máís pobres, onde desenvolve os seus proxectos da Operación enlace, para unir o Norte co Sur. De feito, xa as están sufrindo. Non é, pois, preocupación de ecoloxistas románticos e trasnoitados, senón asunto de xustiza urxente.

Saúdos e saúde.
   Eduardo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario