Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

jueves, 16 de diciembre de 2010

MISCELANEA VIII


É xoves pola tarde. Espero rematar antes do serán. Ven cada vez mais axiña neste serodio outonal. É certa a apreciación que fai Eduardo diagnosticando de moribundo raparigo a este balcón ao que nos asomamos, con menor frecuencia, algúns dos chamados a facelo que non son outros mais cós compoñentes desta “quinta do 57” como a bautizou o finado de Pepe Fariña,con acerto e persistencia, e que inmortalizou Vilariño na carta fundacional que consta no lateral do encerado.

Eu no primeiro ano estiven moi motivado, sabendo que todo ente que comeza a súa andaina precisa de alguén que o manteña, pero hoxe non é así. Xa me afixen á idea que irá esmorecendo paseniño quedando para que se colgue algunha ocorrencia ou o aviso da comida anual coa crónica correspondente e mais nada. Se andades pola rede veredes que este é o destino de cantidade de blogs persoais ou de entidades que teñen unha entrada ao mes como moito.
Debemos darlle os parabéns merecidos a Antonio Puertas que se enchoupou da cultura clásica que o habilitou para disertar en verso ou en prosa quitándolle un gran rendemento aos estudos de humanidades. E un exemplo a imitar. Non perdas esa afección e noraboa.

En consonancia co anterior farei algúns comentarios sobre o que nos conta Eduardo,de modo maxistral como sempre, e será unha das últimas deste ano. Para o que ven non armei a axenda polo de agora.

1.- VANSE INDO

Un dos homes de prol mais sobranceiros de Galicia, D. Paco del Riego deixounos hai pouco. Curtido en mil batallas. Deixa feito un gran traballo que empezou moi novo Tivo grandes capacidades. Daba xenio escoitalo. Foi gran orador, avogado,escritor,político,xornalista, pensador e divulgador. Un dos mellores presidentes que tivo a R.A.G. E sobre todo un galego de cerne. Falando con el prendía a calquera pola gran sabedoría que amosaba falando de calquera cousa. A min quedoume gravada unha anécdota que contaba: No 1936,era dirixente do Partido Galeguista e fora os anos anteriores profesor auxiliar de Dereito na facultade en Santiago. Como todos os que foran dirixentes significados dos partidos que concorreran ás eleccións do 36, formando o Frente Popular,para salvar a vida tiveron que apuntarse como voluntarios no exercito golpista que apoiou a sublevación. El. igual ca Ramón Piñeiro,Avelino Pousa e tantos outros viviron a guerra como combatentes en primeira fila.
Estando en Salamanca un dos alumnos que tivera en Santiago recoñeceuno e berroulle Del Riego? Varias veces. El foi correndo advertíndolle que calara e lle chamara Paco ou Francisco,Era tal o pánico que había con todo o que puidese asociarse á república que te xogabas a vida polas cousas mais triviais. O coñecido aínda hoxe,marcha militar, como o himno de Riego era o himno nacional durante a primeira e tamén a segunda república. Non se chama así en honor de quen o compuxo senón a quen foi adicado. D. Rafael de Riego un militar liberal .Rafael del Riego - Wikipedia, la enciclopedia libre










4.- Aquí, na Coruña, o vindeiro Domingo,dia 19, ás 5 da tarde vaise inaugurar un monumento ás vítimas do franquismo. Inaugurarase unha escultura de Valdi, na avenida de Navarra que se chamará “XERMOLOS DE PAZ E LIBERTADE”fronte a residencia Torrente Ballester, camiño da torre de Hércules. Leranse os nomes de 600 persoas da Coruña e dos municipios da comarca asasinadas polo franquismo nos primeiros días da rebelión militar. Está ben que honremos a esta xente agora que aqueles lutuosos acontecementos xa os podemos considerar sen o apaixonamento que tiñan, no seu momento, desatado.

O serán vai rematando e destro de pouco estaremos xa no solpor e no entre lusco e fusco. Vou poñer o punto final. Pouco a pouco fun compondo esta pequena zaragallada que non ten outro obxecto mais que a comunicación entre quen conviviu, baixo o mesmo teito e as mesmas coordenadas de toda índole durante tantos anos (Uns mais ca outros).Saúdos e saúde para todos igual ca nos desexou Eduardo. Se tamén temos algo de sorte tampouco estará mal agora que temos xa ás portas o sorteo da lotaría do Nadal. No seu momento escribirei algo para felicitarvos. Rafael

N.B. Adicadas a Chucho Iglesias Muras van esas fotos que están copiadas da rede e que pola súa orixinalidade serían merecedoras dun premio. Como el é un experto en cuestións fotográficas, despois dese curso acelerado que realizou, saberá valoralas mellor ca calquera de nós. Son para sorrir.
Adeus a todos.Misión cumprida.

No hay comentarios:

Publicar un comentario