Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

lunes, 7 de enero de 2013


AÍNDA VEXO

Aínda vexo ao meu querer,
ó contemplar teus encantos,
cos recordos que quero ver,
 buligando polo meu ser,
e alporizando meus prantos.

Aínda vexo polas hortas
ó noso Muíño do Vento,
entre corredoiras tortas
ca súa pedra sen portas
polas que entro sen alento.

Aínda vexo faldriqueiras
no sollado de Isolina,
con panos de palilleiras;
 bolos do lar nas lareiras,
e “chiquitos “ na Cantina.

Aínda vexo a bisbarra 
ateigada de piñeiros;
a Arximiro na gabarra,
ca súa moura zamarra,
escallando ós rapaceiros.

Aínda vexo a fogueira
pola outra banda da ría,
e ao Nacho nesa xeira,
escorado na traiñeira,
 por Merexo, cando ardía.

Aínda vexo enfornadas,
cas fábricas á fumear,
e as tripadas entubadas,
 escorrendo mesturadas
en Cerdeiras i en Aguiar.

…E ao pombal de meu pai
enriba do galiñeiro;
e a botica da miña nai;
e aos zapatóns que me fai
Modesto do zapateiro.

…E lebres no monte da Vela,
e ó Tubío con Lucero 
polos carreiros d´Arnela;
ou polas leiras de Insuela
a paus de:“ aquí vos espero”
E sinto tocar o corno
dende a Praza ata Merexo;
e, apañando no patexo,
deica os agros dun entorno
por onde axexa o conexo.

Aínda vexo o carniceiro,
fachendoso no cabalo,
apeándose nun balo
con bestas de bo vaqueiro,
mentres vai cantar o galo.

Aínda, á Fonte Barreira,
 baixando co río do Prado,
e, mesmo a carón no lado,
pegadiñas pola beira,
espadanas polo estrado.

E o estrume por medio, perde
a Mariano da Cabreira,
que, na Grixa, ou a Lontreira,
cargara con toxo verde
pa queimalo na lareira.

E as ascuas po incensario
que tiña encargado o cura,
eran as de mais perdura,
dende a igrexa ó campanario,
colmando incenso en fartura.

E os Campaña e mailos Nito
tensando a corda, cun pano
de fronteirizo mediano,
pa ver quen fai o “ machito “
polo Carme d´aquel ano.

Vexo, aínda, Camariñas,
dende lonxe o noso faro,
e, requirindo o amparo,
nosas aboiadas barquiñas
que na néboa ven seu claro.

¡ Hai! que preto da terriña
vexo a casiña onde nacín,
¡ hai ! que lonxe dela vivín
crecendo coa morriña;
 …lonxe, moi lonxe, eu, me sentín.

Antonio Puertas

2 comentarios:

  1. Moi interesante blog de exseminaristas. Saúdos desde Semlugo66, exseminarista en Lugo desde 1966

    ResponderEliminar
  2. O voso blog de exseminaristas Semlugo66, que acabo de ver, non está nada mal que digamos. Dende aqui, a Quinta do 57, de Belvis, un agarimoso saudo.

    Antonio Puertas

    ResponderEliminar