Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

sábado, 12 de octubre de 2013

 
AMORTIZADOS OU MORIBUNDOS?


Sintetizando
Rematou o estío (ou fastío?) cunha Galicia fervendo en festas e romarías ao son de gaitas, foguetes, Panoramas, polbo, churrasco e viño.
Avanzamos pola outonía tinguindo os verdes policromáticos de amarelos e torrados.
O ar, espeso e perfumado, queda ferido polas marteladas acompasadas dos toneleiros nos aros das pipas.
Mentres, as primeiras chuvias asolagan o Congreso, apagan os lumes, degradan os montes queimados e alodan con cinsa encoros, ríos, rías e bancos de marisco.
Perdemos Madrid 2020, pese ao “relaxing cup of café con leche”.
Asistimos aos orzamentos da recuperación: do susto ou do suspenso dos do 2013? República Independente de Eurovegas no centro do Reino.
Reforma do Código Penal.
Repago sanitario con insumisos.
Conxelación salarial dos funcionarios.
Pensións minguantes, a pesar do 0,25% , con perda de poder adquisitivo crecente. Manifestacións e folgas.
Destrución de postos de traballo, paro e pobreza.
Maletas universitarias emigrantes.
Recortes en Educación, Sanidade…
Beneficios dos bancos rescatados.
Políticos que non reducen, aumentan, ingresos e prebendas.
Contratos pingües de asesores persoais.
Aumento da débeda pública.
Macroeconomía recortando os microdereitos das persoas.
Pero aínda quedan soles outonizos de luz filtrada nas cortinas da propaganda: “Brotes verdes”, “flores de invernadoiro”, que pronto serán pradarías en áridos desertos. Pronto “asombraremos o mundo coa recuperación da nosa economía”. Palabras de ministro glosadas por Groucho Marx, tocado de espírito profético: “Desde as simas máis profundas da pobreza rubimos hoxe ás cotas máis altas da miseria”.
Xeneralizouse o concepto crise, que me resisto a usar porque non é un episodio pasaxeiro, senón unha patología crónica de máis de sete anos, que usa como remedio o virus da especulación, causante da enfermidade.
É posible que non esteamos en recesión, senón en crecemento negativo acelerado.

A Terra camiña no hemisferio Norte cara ao duro inverno, pero no Vaticano florece a primavera de Bos Aires, con declaracións, e feitos, do papa Francisco que nos sorprenden a moitos e deixan muda a Conferencia Episcopal Española.
É revelador comparar as reaccións ás palabras dun Papa que confesa que nunca foi de dereitas, que defende os Estados laicos, que fala de bispos narcisistas...
- “É o Papa máis cochambroso”. “Un imprudente”. “Un intruso”. “Un terrorista desarmado”.”Un charlatán”.”Un porteño”.
- “Este Papa é un milagre”. “Unha galerna do Espírito”. “Un Papa cristián”. “Sincero”.
Difícil de comprender as reaccións negativas a palabras profundamente evanxélicas, non heréticas, acompañadas de feitos coherentes. Nos feitos ten que estar a nai do año.
Esperemos que Francisco cure parte da “lepra” antes de que toda a lepra acabe con el.


Saúdos
Agradezo a Rafael a información sobre Andrés, a quen lle mando ánimos para a recuperación segura.
Rafael, quizais haxa xuíces en Berlín, e tamén aquí. Pero algúns (xuíces, magistrados e fiscais) parecen pedidos á carta:
Demasiados imputados.
Demasiado poucos condenados.
Demasiado tempo para ditar sentenza.
Antonio, parabéns pola túa incorporación ás ondas e pola musa que te asiste.
Andrés, tes moita razón na última entrada, pero mobilizar o persoal por estes pagos parece unha utopía.
Se xa nada nos sorprende, se baixamos a cabeza, se aceptamos a inxustiza e a corrupción como destino do rabaño, se pensamos que nada se pode facer por cambiar a situación, quizais sexa certo que estamos amortizados, agónicos ou con vida (vegetativa) de carballos centenarios.

Saúdo cordial.
Eduardo Seco.

1 comentario: