Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

lunes, 11 de noviembre de 2013


PRODUCIÓN MASIVA

O esquecemento é unha estratexia do vivir,
se ben algúns, por se acaso,
aínda mantemos o dedo no gatillo da memoria”.
Juan Marsé. Un día volveré.

Rafael tocou un tema vello neste blog, cando era foro de ideas: “Merecen ser honradas todas as vítimas, sobre todo as esquecidas”. Nun partido que remate 522 a 0 quizais o árbitro non sexa imparcial. Que selectiva e parcial é a memoria!
Padecemos tal aplatanamento moral, tal estrabismo ético, que podemos asistir a diálogos tan surrealistas, como este:
- Ola, Manolo! Vaia tempo, eh!
- Boh, non falemos de política!
Este hermetismo pode obedecer a que ”nunca se gaña un voto deixando en evidencia ao elector”, ou ás consecuencias da indixestión de bananas.
Decepción? Frustración? calamos para seguir votando aos de sempre, aos nosos; aínda que pola espionaxe masiva dun país dos nosos, xa non sabemos se somos dos nosos: estado de dubitación masiva e metódica.
Podemos estar tranquilos porque o espía (EE UU)” dará as explicacións necesarias”. Tampouco hai que escandalizarse porque todo mundo espía a todo o mundo e millóns de persoas entregamos felices parte da nosa intimidade entrando en Facebook, Twitter, WhatsApp… Máis menos, somos chismosos cofundadores da CIVA (Centro de Investigación da Vida Allea).
Menos as armas de destrución masiva de Iraq, inexistentes, a economía capitalista-consumista produce en cantidades industriais: fraude masivo (m.), mentiras m., pobreza m., desahucios m., manifestacións m., medias tintas m. sobre corrupción, empeoramento m. dos salarios e das condicións laborais, destrución m. de probas xudiciais, ocultamento m. da verdade (Angrois), produción m. de asesores políticos, perda m. de industrias, perda m. da memoria nos xulgados, produción m. de inmigrantes afogados (Lampedusa e Malta), ganancias m. de bancos, riqueza m. de 30 familias españolas. O minguado número 30 é unha excepción que confirma a regra da produción masiva.
Eis a sociedade que creamos: unha suciedade de m.

Cerimonia de beatificación masiva
Neste contexto tan produtivo, non podía faltar a beatificación masiva. No século XX producimos maletas e beatos. No século XXI florece a industria futboleira, con exportación tamén masiva.
Circulan ideas/feitos coma estes:
  • Media España resístese a xulgar o franquismo.
  • España nunca xulgou a ninguén por crimes perpetrados neste tempo.
  • A ONU recomenda ao Goberno español desenterrar e identificar os “paseados”. Tamén recomenda suspender a Lei de Amnistía.
  • A Lei de Memoria Histórica tentou facilitar algo de xustiza aos vencidos.
  • Na práctica, a Lei de M. H. quedou anulada por falta de orzamento.
  • A xerarquía eclesiástica colaborou oportunamente para contrarrestar a lei, beatificando a 522 persoas, todas do bando rebelde, golpista.
  • A xerarquía católica apoiou o nazismo en Alemaña, o fascismo en Italia e a guerra civil e o franquismo en España. Os sublevados gañaron grazas ao apoio dos alemáns e dos italianos. O franquismo mantívose durante décadas grazas ao decidido apoio da xerarquía católica española, que apoia á dereita sen Deus, normalmente poderosa, para conseguir status favorable. Así foi antes e agora.
Hai que seguir repetindo tics históricos por santa tradición?
A memoria é fráxil, por se vivimos nun intervalo de desmemoria:
  • Felicitación-bendición de Pío XII ao Xeneralísimo tras a vitoria.
  • Contestación de Franco ao “paternal telegrama” por “vitoria... en heroica Cruzada...”.
  • Saúdo fascista das xerarquías eclesiásticas. Franco baixo palio.
  • Apertura do Arquivo Gomá, que emite fachos de luz sinistra:
  1. Santiago, 18-VII-1936. Muñiz de Pablos pregunta en carta ao cardeal Gomá: ”Non haberá algún Estado que se decida a someternos a tutela?”.
  2. Gomá traballou para que o Vaticano recoñecese o réxime de Franco. Tamén redactou unha carta colectiva (1937), que posicionou a curia española a favor do golpe.
  3. Carta de Gomá ao cardeal Pacelli, elixido Papa en marzo de 1936: ...”Con todo é digno de notarse o feito de que a maior parte destes chamados comunistas reciben os Santos Sacramentos antes de seren pasados polas armas”.
Todos podemos cometer erros, erros históricos. Tamén podemos pedir perdón en diferido e colectivamente.
Cerimonia de xustiza
Da calor do Vaticano ao frío de Aranda.
Os ósos de 129 fusilados pasaron ao cemiterio de Aranda del Duero, tras 77 anos tirados en fosas comúns. Só 12 puideron ser identificados. Non hai cartos. Tiñan entre 16 e 70 anos.
Quedan restos dunhas 113.000 persoas ciscadas no subsolo español, convertido en cemiterio civil improvisado.

Bibliografía
Para transitar por esta paisaxe e escoitar a banda sonora da época, dúas novelas:
La larga marcha. Rafael Chirbes. Anagrama.
Ubicación xeográfica e temporal: a posguerra española e a resistencia antifranquista dos anos sesenta. Dúas xeraciónsdesfilan ante un espello encaixando un puzle de historias entrecruzadas, vividas en distintas zonas, tamén en Galicia. Son historias que se liberan do esquecemento e vólvense carne, de novela. Crítica moi favorable.
O exiliado e a primavera. Manuel Veiga. Xerais.
Un galeguista exiliado en México retorna a Monforte, tras 40 anos de ausencia, para asistir ao enterro da nai. Nos tres meses que lle dura o permiso de estancia, Alexandre atopa unha sociedade desmemoriada que nin sequera ten conciencia de vivir na ditadura. Premio Xerais de novela. 2004.
Saúdos cordiais,
no San Martiño:
Magostos ancestrais,
trompos ao camiño.
Deixa a auga
e bebe o viño.
Eduardo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario