Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

viernes, 10 de enero de 2014

A miña aportación d´onte a Radio Galega no programa de Marcial Mouzo, Pensando en ti:

O DEUS PEDRA.

Aquel, fora un dia de forte temporal. Os salseiros e os ventos estaban a petar con saña na costa, mentres catro náufragos nórdicos escalaban polas cimas das rochas na procura de amparo, parapetándose nunhas covas naturais a carón do mar.

Un descomunal croio, amparábaos dos elementos que estaban a desbarbar a súa minguada resistencia, asoballando neles de xeito desapiadado.

Os neboeiros cruzaban os ceos ateigados de raios e de chispas; e, os lategazos do vento, zoscaban encol dos tombos, zarandeando o líquido elemento, que gabeaba argalleiro pola cima das rochas, filtrando os gurgullos polas fendas da cova, entre alaridos de mortos e estrondos de treboadas.

Tódalas forzas do mal, desexaban rabuñar nos croios sangrantes, descarnando fillos do seu seno, pa, logo, pousalos alustrando os recunchos da costa, que os ventos zarapalleiros e o vaivén das ondas estaban a empurrar.

Impávidos e aterecidos de frío, permanecían impotentes vendo pasar os carros da guerra, que, os deuses, apoñían coma proba do seu poderío, empeñando a forza da natureza innata neles, naqueles dias do naufraxio.
Era, coma se os ceos estiveran confabulados contra aqueles desventurados, chegados de afastadas terras do norte de Europa; e que, as divindades, quixeron asentar alí, pa que foran a clara testemuña diante de xeracións vindeiras, das súas titánicas liortas a beira dunha fermosa costa.

Encrequenados nos foxos da terra, pregaban aos poderes do mais ala, pa que amainaran aquelas contendas sen xeito, segundo o seu sinxelo entender. Mais, os rogos, parecía coma que, aínda, ós encirraban mais. E, así permaneceron apetuñados e afogados de ansiedade nas entrañas do chan, sen poder cazar nin pescar.

Finalmente, cesou o combate, e, unha rumorosa quietude, abraiaba naqueles espíritos baldados por tanto infortunio. O triunfo da súa supervivencia celebrárono brincando encol da pedra salvadora, que comezou con eles a cantar e a bailar.

Era, xa, aquela mole o seu ídolo predilecto. O seu deus protector en tempos de desventura. Ela, fora quen afrontara o seu poderío ante os deuses do mar, e os deuses do vento, e os deuses dos tronos, dos raios e das chispas... Merecente fora aquela lousa de sacrificios e de oracións, cos que, por sempre, pagarían a súa salvación.

Pasaron aqueles dias difíciles, e, outros ventureiros semellantes a eles, clamaban tamén  polas mesmas divindades, que tanto dano estiveran á facer aos nosos náufragos, implorando ao deus da choiva, e ao deus do sol e da lúa, pa que retomaran as armas cos carros de combate. As sementes, morrían de sede, e os animais e as xentes, arrastraban a fame polos campos baldíos, sen apenas colleitas coas que saciala fame.
Portadores guerreiros de liortas ancestrais, íanse congregando ante ás chamadas desesperadas, e asomando polos ceos cos seus carros de combate, pa retomar  a súa contenda eternal.

Sacrificios en honor do tórrido deus peregrino, levaba a súa paga ca ofrenda da máis fermosa doncela, quen, no derradeiro transo, rabuñaba o horizonte tinguindo de rosa os ceos co seu dor. I, en sinal de beneplácito, o seu divino protector, lustraba o paraíso, espallando a sangue purificadora polo longo do mar e das nubes.
Prantos e rogacións, pululaban co sacrificio das raparígas, fumigando as brisas cos lamentos, encol das ondas saltaricas e das montañas encrechadas, que albeaban clamorosas polo orto e polo abafo do sol.

E, de novo, gravitaban os ceos arredor das súas aldrabas cas mesmas batallas de sempre, achegando a fame pa uns e a fartura pos outros; intercambiando o sino de cada quen a través dos séculos.

Novos persoeiros arribaron co tempo a aquelas terras do Fin do Mundo; e, con eles, novas culturas e novos deuses esgrimiron lanzas e estandartes laureados, coma armas convincentes que apoñían cos seus credos, pa someter a vontade dos demais.

Godos, visigodos, árabes, romanos, e cristiáns. Todos eles, cohibidos e rendidos ante aquel sublime lugar- propia morada de deuses- rendían vasalaxe ó contemplalo mar. Lexións comandadas por Décimo Bruto, co dominio de Roma, sairían a escape por Fisterra abaixo, ao ver coma o deus radiante do ceo, fora trincado e devorado por Neptuno; e, viron, espantados, coma aquela escena de sangue, estábaos a estremecer no propio lugar do festín.

Finalmente, ata aquel recuncho da Costa da Morte chegamos nos, abraiados tamén polo culto a unha Barca de pedra, que, certo día, naufragara coa Virxe e cos anxos nas costas de Muxia.
I, esa pedra que canta, baila e racha, hoxe, nos nosos mares, naufraga, tamén nestes intres, furando a nosa feble alma.

Mais, a Virxe da Barca, non morre, nin arde, nin afoga no foxo das almas boas. Baila, chora e canta coa Pedra, furando os espíritos cheos de gracia, que espalla ó pe dos seus altares.
E, cal Caronte, noutrora, carrexara nos mortos pa outra banda, tamén Ela hanos levar pa cruzar ese mar insondable e descoñecido do máis ala, coa esperanza de atracar un feliz dia no porto da nosa eternidade.

Antonio Puertas


NOSO MUÍÑO DO VENTO

Xa non canta aquel ventiño
ó xirar a debandoira;
ermo, esmoreceu meu muíño,
cos tempos de tanta gloria.

Palla de trigo espallada
polas parcelas da escoura;
fermosa copliña cantada
 por mozas de vista moura.

Sen nenas agarimosas,
sen coplas de nosa trocla,
sen as paredes garbosas
que esmorecen coa moa.

O seu grao xa non brinca
co son que tivera en hora,
en que os chifres pola finca,
cas meigas, troulaban fora.

Muíño que os ventos levaron
co trigo de rincha loura;
cas paredes que gretaron
a nenez da miña aurora.

¡ Hai ! meu Muíño do Vento,
¡ cantos soños que te soñan !
¡ Cantos suspiros do alento
nas pegadas que avergoñar

Antonio Puertas










 



2 comentarios:

  1. Repítoche Antonio o que xa che dixen en facebook cando te lin.Hoxe se teño tempo escoitareite pola rede,en diferido,da radio galega.era así:"Bonito e fermoso tanto o relato como as poesías. D.Manuel García García,alias Ceuta,estaría fachendoso de ti como alumno por seguirdes os consellos que nos daba de que lle tivesen amor e cariño ao cálamo".Os da nosa xeración colleunos tarde,a aqueles que non tivemos a sorte de dar con quen nos introduciu nas TIC,para gozar destes medios como fai tante xente e que revolucionan o mundo da comunicación.Co afecto de sempre.Rafael

    ResponderEliminar
  2. Grazas Rafael, mais, moitos de vos, iades facelo mellor ca min, se volo propuxerades.Deso non teño a menos dúbida.O que pasa é, que ou non poden, ou non queren; por eso, no reino dos cegos, o torto é un rei.
    Apertas pa todos vos, e pa tí, en particular.
    Antonio Puertas

    ResponderEliminar