Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

viernes, 23 de mayo de 2014

A miña aportación da madrugada do xoves ao programa da RG, Pensando en ti, de Marcial Mouzo:

A LA JOTA JOTA…

Unha caravana recen chegada, estaba a acampar no alto das Carballas. Consigo, viña un nutrido grupo de persoeiros de tódalas idades i sexos. De seguida, correuse polo pobo adiante a voz de que ía haber actuación de monicreques na Praza.
Burros, cabaliños, carretas, meigas, adiviños e cantantes, era todo canto aquelas xentes peregrinas podían ofrecer, pa gañar a miserable soldada duns patacóns; e, con iso,  ir tirando do encrequenado carro dos anos cincuenta.

O pobo enteiro fixo arranxo de tallos e de banquetas pa sentar  fronte aos troleiros que, por aquelas datas,  percorrían vilas, cidades i aldeas da España da pos guerra.

D´entre todos eles, a súa estrela mais rutilante, fora una fermosa bailarina con apenas quince aniños de vida, e, dende logo, de moi bo ver. Era un verdadeiro gozo contemplar a aquela mociña move-lo seu corpo alambicado de moneca churrusqueira, e vela virar coma un elegante viraventos encol do taboleiro, mentres soaban as petadas acompasadas duns tacóns con aires flamencos. Sempre que remataba unha das súas graciosas actuacións, daba media volta, i espelía airosa as saias, mostrando unhas nádegas  floreadas con amplas  enaugas de coluriños, a ton coas súas brisas de xitana bailadora.

Por aquelas datas, o machismo, atopábase na cima mais alta do seu odioso significado, i estaba presente en tódolos aspectos da vida. O home era, sen discusión algunha, ese ser ingrido i poderoso a quen ninguén cuestionaba a súa absoluta autoridade. El fora quen sacudira o xugo opresor, liberando a Patria de tiranos en campos de batalla. El era quen estaba a procura-lo sustento das casas, mantendo co seu suor e traballo a un lote de fillos, bendición divina. De pouco ou de nada eran consideradas as labores das femias; i, en conciencia, case que o único que contaba naqueles mundos, era o macho ibérico, fachendoso e con poder sen trabas. As mulleres, pola contra, estaban aí  postas por Deus pa parir e procrear, levando o peso do fogar, sen sequera dereito a rosmar.
Todo xiraba, pois, en torno ao salvador dunha Patria, labrada por el a base de xugos e frechas.
Tamén as cantareiras daquela beldade xitana, viraban en torno a esas ideas: “ A la jota jota de los cascabeles, vale más un hombre que siete mujeres…” Outros cantares atrevíanse con copliñas mais ousadas, que pretendían o desprestixio do home, como aquela cantareira que dicía: “ Una mujer fue a los toros, y pegó un gran chillido; porque, al ver salir al toro, creyó que era su marido…” Mais, naturalmente, iso era cousa de peregrinos touporroutous…

As gargalladas dun público entregado, enxordecían ao noso principal foro de acollida, ateigado de homes, mulleres e  nenos. Unha masa eufórica, erguíase cun brinco pa aplaudir ata adoecer, mentres un cestiño paseaba inutilmente entre ó público, rogando esa perrachica agochada nalgún peto desagulletado. Quen mais ou quen menos, aproveitaba eses intres de asueto pa face-las súas necesidades, ou pa lear o “ librito “ coa picadura do tabaco, apartado do tugurio, e recuando despistado á hora de paga-la galiña.                                                                                                                                                                

De súpeto, un estrondoso estoupido, provinte do espeso arboredo, oíse ao fender unha pola cun lote de mozos que colgaban apiñados na cima. Unha daquelas árbores, non puido soportar  a un galiñeiro amoreado, e rachou estrepitosamente enriba dun numeroso grupo de espectadores. Amoucados uns, e rindo outros, comezaron as maldicións e os berros, coma se fosen litixios de berrotes, pelexando entre eles polas súas cousas.

Os laídos confundíanse cos aplausos, e os berros facían acomodo entre os risos. As bufonadas do pallaso, aínda estaban a fungar polo aire no medio do alboroto. A función, quedou momentaneamente interrompida, i, os ánimos fervían coas malleiras, cargando cos osos magoados, que carrexaban pa casa da Señora Estrella de Cándido.

Coa confusión do momento, amainaron os ánimos; mais, de seguida, deron paso, de novo, ao folclore e ao sorriso tarambaina. …E, proseguiu o espectáculo coas súas cantareiras: “ Cachito, cachito, cachito mío; pedazo de tía que Dios me dió…”ja, ja, ja, ja… Namentres, nun recuncho escuro a carón da casa de Desiderio, seguían os lamentos dos doentes, engadindo mais maldicións, pa que un raio fendera aos causantes dos seus males.


E, por parte d´aquela tribo ambulante, todo o seu mercado vagabundo estaba axeitadamente estudado, pa tratar de sacarche algunha “ galiña “ mais con que pagar o seu sustento cotián. Pa logralo, outro grupo de mulleres, vestidas de negro rigoroso, invadían as rúas do pobo, votando a boa ventura.
Moitos, ao ver de lonxe a algunha delas, cambiaban o rumbo pa non caer nos seus lazos. Malia que aquelas adiviñas de ollos hipnotizadores, enredábante cas súas marañas; igual que fan os arroases coa manada de xoubas, perseguidas pola ría. Sempre ías a caer nas garras dalgunha mulleriña de negro:
-  “ Señora, ¿ desea que le eche la buenaventura  “?…
Entón, non tiñas escapatoria: si; ou si. Se dicías que non, xa non podías durmir durante un ano, pensando nas maldicións adiviñas que estaban a vir á por ti. E, si, finalmente, aceptába-lo trato, unha vida feliz de casadeira, cun lote de fillos e boa fortuna, agardábache agochada nalgunha ringleira da palma da man.

Meigas do luar, ante aquela competencia desigual, axiña puxéronse a ganduxar na lareira: desplumaron  un polo, nado no devalo de San Xoán, pasárono por auga escaldada… allos e cebolas, engadindo cabeiros de porca parida; sapos do rio de Prado; curuxas resecas do sobrado do campanario;  conxuros e cruces con leite callada de cabra parida; mal de ollo revirado no burato das portelas; maldicións e maleficios; menciñeiros e diaños, todos eles confabulados no fume do pote, pa tratar de escorrentar a aquelas contrincantes, achegadas de non se sabe que lugar.

A maldición xitana está, aínda hoxe, a voar polas revoltas dos misterios encol dunha vasoira, namentres os ventos fungan repetindo:
- Señora: ¿ desea que le eche la buenaventura ?

E, ao rematar o sainete daqueles tempos, alguén dixo: “ murrío o demo e finou o patacón “.
Antonio Puertas
RUEIRONOVO

Mira pa min, mariñeiro,
que por ti volvinme tola;
levo crista de guerreiro
vestida de branca cola.

Fiel compañeira do vento,
arroutada filla do mar,
que adoezo no tormento
  cos funguidos de tanto bruar.

Escoita cando hai mal tempo
os laídos que van no cantar,
son laídos do meu alento,
son coplas dos homes do mar.

Verde e branca fermosura
  ofrezo nas miñas cores,
pa que goces da frescura
cos ollos dos teus amores.

Dormente vou pola ria,
esgotada na ribeira;
teu Rueironovo sería
un fado pa esta viaxeira.

Antonio Puertas.





No hay comentarios:

Publicar un comentario