Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

lunes, 22 de junio de 2009

ALBA DE GLORIA. CANDO? (Rafael)

Miñas donas meus señores: Así comezaba Castelao o mellor discurso que teño coñecido sobre Galiza. Cos antecedentes próximos que temos da nosa terra nai camiñamos cara a unha alba de gloria ou cara a unha longa noite de pedra?. O tempo o dirá.


A contribución de hoxe ao parladoiro vai ser de anacos e retallos ensamblados con puntadas moi longas e moles.


Por levar un desorde empezo por onde remataba Eduardo. Vicente Ferrer. Gran home. Gran obra. Grandes seguidores. Laico santo. Ex xesuíta. No informativo da catro fixo unha esbozo Iñaqui Gabilondo laiándose de que a Igrexa non tivese sitio para el dentro do seu seo.


As andanzas do novo goberno galego non levan boas trazas. De seguiren así farán unha excelencia de Fraga e Celso Currás que no 2004 axudaron a aprobar por unanimidade o plano lingüístico no parlamento. O pai Seixas que no ano 1965 dixo a 1ªMisa en galego, en Santo Domingos de Bonaval,manifestaba con paixón que no do idioma non había que ceder nin un milímetro .Estes queren desandar o andado. Non llelo debemos consentir. Isto da consulta nos Centros de Ensino é unha trapallada. Mandeille unha carta ao Director da Voz nestes términos:


A consulta que a Xunta quere facer aos pais de alumnos sobre o galego ten todos os visos de ser ilegal. Cal é o Órgano Administrativo competente para realizala? É a Consellería de Educación?É a Dirección Xeral de Política Lingüística? E O Consello de Goberno da Xunta?.Onde está o Decreto,a Orde ou a Resolución ao abeiro do que se realiza? Foi informada a norma habilítante polo Consello Escolar de Galicia ou polo Consello Consultivo? Que fundamentos xurídicos sustentan a realización da mesma?.

O Lendakari vasco, para darlle aparencia de legalidade a súa famosa consulta, tivo que aprobar unha “ lei ad hoc” no parlamento para estar autorizado. A xornada única nos centros, para o que se debe consultar aos pais , require unhas condicións que se establecen nunha Orde da Consellería con todo detalle e foi necesariamente informada polo Consello Escolar de Galicia.

A Constitución no artigo 9 dispón que os poderes públicos están suxeitos ao ordenamento xurídico e que se garante a publicidade das normas, a seguridade xurídica e a interdición da arbitrariedade dos poderes públicos. Por outra banda o artigo 62 da Lei 30/92 de Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común declara nulos de pleno dereito aqueles actos ditados prescindindo total e absolutamente do procedemento legalmente establecido.

Cando a administración actúa a marxe do procedemento cae na chamada “vía de feito” polo que calquera administrado interesado pode acudir á vía xudicial pedindo a suspensión cautelar.

Por que a Administración Autonómica pretende actuar, neste caso, como se tratarse dunha empresa privada, facendo a consulta a través dos nenos e sen garantía de seriedade algunha?.Pida informes a asesoría xurídica como é a súa obriga.”


Non a publicaron. As axudas, incrementándoas, á prensa escrita foi unha das primeiras decisións que tomou o Consello da Xunta actual.


Eduardo amigo da lírica. Que as musas vos sigan visitando. Con ese don que tedes ti e mais Puertas podedes compoñer unhas regueifas e obsequiarnos con elas despois na sobremesa dun xantar. Aos postres teredes a recompensa nomeándovos segreles maiores da irmandade.


A parábola que nos mostras Eduardo parece unha actualización dalgunhas que se conteñen nos evanxeos apócrifos. Esperemos que non sexa premonitoria como os sonos bíblicos de Xosé.


A Torres Queiruga parece que, de momento, deixarano en paz. Ben feito. Con certa retranca, el que tan ben coñece a nosa psicoloxía colectiva, hai que dicirlle que ande con tino. Lembrarlle aquela anécdota das pintadas contra Carrillo: Anda con vista que queren matarche o porco¡en resposta a outra que dicía: Morte ao porco de Carrillo¡. Fora bromas, como acertadamente se expresaba Vilariño:”que o rumor sexa iso: susurro escuro e triste de entristecidos e desocupados”.


José Manuel Vidal, quen facilitou a noticia, ten sona de ser dos mellor informados sobre cuestións relixiosas referentes a Igrexa católica, pola cantidade de “gargantas profundas” que lle subministran as informacións. Viuse obrigado a publicar as súas fontes documentais,cousa insólita,polo intento de homicidio, morte do mensaxeiro,que intentou facer o candidato a bispo, segundo os chismes de sacristía, secretario da Comisión, Rico Pavés, acusándoo de inventar a noticia. Para saber mais ler “redescristianas” do dia 20 de Xuño actual.


Remato, hai que deixar algo para outro día,coas mesmas verbas que o facía o noso Castelao: “Que a fogueira do esprito siga quentando as vosas vidas e que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos fogares”. Moi apropiadas nestas celebracións do solsticio de verán onde as praias de Riazor e Orzán, na noite de San Xoán,son un verdadeiro “aquelarre”, noite de bruxas e meigas que nos retrotrae aos tempos atávicos e as celebracións mais seculares da nosa historia.



N.B. Información legal: R. Decreto 3/1995 (B.O.E. 30/04/1995) no que se dispón que equivalen a Diplomado Universitario o “Ciclo de Estudios Superiores Eclesiásticos, de seis cursos, cursado en Seminarios Maiores non afiliados a Facultade”


E unha disposición vella pero hai xente do ensino que o descoñecía e podíase aportar como mérito para o acceso a Cátedras. Na década dos 70, de tantas secularizacións ,cantos camiños podería abrir este Decreto para opositar ao grupo “B”de saír 15 ou 20 anos antes.


E por se me nomeades letrado emérito da quinta57.Dígolle aos meus alumnos que nun tempo para ser avogado bastaba con saber ler as leis, de aí o sinónimo de letrado por avogado. Rafael

No hay comentarios:

Publicar un comentario