Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

jueves, 20 de septiembre de 2012

ENCONTRO E CONVIVENCIA EN SOBRADO E OÍNS (Andres GV) (15/09/2012)

   Día 15, sábado. O mes de setembro segue fiel ao verán que está próximo a finar. O día presenta unha mañá luminosa e grata. 
   Os da zona da Coruña chegamos a Sobrado, que estaba en festas, no autobús da empresa Vázquez cando xa faltaba pouco para as once e media. No amplo adro que dá acceso ao mosteiro cisterciense de Santa María de Sobrado xa estaba o grupo de Pontevedra e moi pouco despois chegaron os da zona de Santiago. Primeiros contactos e primeiras novidades. Non faltaron as gratas sorpresas de vernos con quen había tempo tiñamos perdido o contacto.




   Aínda non eran as doce cando empezamos a visita cultural do mosteiro. Guiounos Pepe, un dos frades, que se esmerou en dar explicación de todo e de responder tamén ás preguntas nacidas do interese e da curiosidade dos reunidos. 
   Fomos percorrendo con el os diferentes claustros, a maxestuosa igrexa principal, a acolledora e xeitosa sala capitular, a cociña medieval de impoñente lareira e ampla cheminea, a suxerente capela do Rosario con evocación do sitio da Coruña por Drake, corsario e almirante a un tempo, a a singular sancristía, que exhibe o saber bíblico, teolóxico ao tempo que arquitéctónico dos seus deseñadores.
   A xornada desenvolveuse cunha precisión cronométrica desusada nestes casos. Estaba dando a unha do mediodía cando cinco dos nosos  cregos  en activo presidiron a Eucaristía, na que Jesús Rial exerceu de chantre, Fernando Ferro tivo o coidado da pregaria polos compañeiros xa falecidos, e os restantes Pepe Barcia, Cutrín e Andrés cumprían dignamente o seu papel de presbíteros concelebrantes. A Andrés tocoulle predicar, como xa vén sendo costume por deferencia dos compañeiros que xa se converte en exceso de confianza.
   Despois de Misa acudimos á capela dos monxes,  onde se desenvolve habitualmente a liturxia das Horas canónicas e da Eucaristía cotiá. Aquí acoden con frecuencia persoas e grupos, interesados en descubrir o silencio e poder escoitar, así, a fala sosegada de Deus, pois o noso é un Deus que, cando fala, toca o corazón máis que as orellas.
   Participamos, pois, cos monxes no rezo litúrxico da Hora intermedia. Eran as dúas menos cuarto. Por confidencia  non solicitada souben despois que este momento de oración cos monxes foi para algúns compañeiros un dos mellores momentos da xornada. Para recordar.
  Deixamos o mosteiro e batemos de cheo coa algarabía da festa. A sesión vermut estaba no seu punto culminante. Lentamente, con preguiza, fomos pasando entre os festeiros para  dirixirnos cara a Arzúa, a cas Freitoso, tamén chamada, como puidemos comprobar,  "Café Bar Seijas".
   Fomos 36 á mesa, algo xuntiños de máis por razóns de espazo, dilixentemente atendidos polo persoal da casa. Os entrantes xa estaban dispostos. Unha brevísima bendición da mesa ("Benedictus benedicat") e o xantar e a conversa preitearon pola primacía na atención dos comensais.
   Unha abundante prato de ameixas mariñeiras en salsa verde precedeu as acuguladas bandexas de año asado. O año era de garantía. A cociñeira tamén o demostrou ser. Aí está a fotografía para o recordo. Non sobrou nada. 
Ao dicir do subministrador, o pastor Ricardo Cutrín, demos conta de dous años recentais de seis meses cada un. Non houbo queixa. O postre consistiu en produtos artesanais da zona: o estimado queixo de Arzúa co marmelo que adoza a súa fresca e lixeira acedume. Cafés e troula na sobremesa.
     Outes Ruso asumiu a animación folclórica dos cantos e bo humor con graciosa habelencia na arte da pandeireta. Non todos, pero case todos estivemos reunidos ata pasadas as seis e media da tarde.  

   Tomamos o acordo para anos vindeiros de fixar como xornada para as nosas convivencias o cuarto xoves de setembro. ESperamos que ese cambio poida facilitar que aumente o número de participantes, pois practicamente todos estamos xubilados e os cregos terán máis fácil a compatibilidade na súa axenda.
  


 En principio anotamos como lugar da próxima convivencia a terra do Deza: monte Siador en Silleda, misa no santuario, visita á fervenza da Toxa e do mosteiro de Carboeiro (sen monxes, en restauración) e xantar onde o anfitrión local logre garantía e prezo.  Sanmartín Obelleiro asumiu esa función e xa o vemos aquí informándose a conciencia.
   Dous agasallos levamos como recordo da convivencia. Un CD preparado por Tacón Míguez coa relación de todos os alumnos de Filosofía e Teoloxía cando nós estabamos en 1º de Filosofía. No remate inclúese a listaxe dos alumnos de Humanidades daquel mesmo curso, o 1962-63.
   O segundo agasallo déunolo o Concello de Arzúa. A concelleira da área de cultura fíxonos chegar un exemplar da biografía de Santiago Pastoriza Taboada y Martínez, un cóengo compoostelán, nativo de Arzúa, "escritor e ilustrado na Galicia liberal", como di o subtítulo do libro, escrito por Carlos García Cortés. 

   A nosa gratitude a Xesús Rial Varela, que marchou algo apurado para cumprir co seu ministerio, e a Ricardo Cutrín, que nos fixeron fácil a festa de irmandade que é cada encontro anual  da Quinta do '57. 

       Unha xornada feliz. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario