Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

sábado, 20 de abril de 2013

COMENTARIOS MACDDÓNICOS

Naqueles tempos,nos que escribiamos mais nesta nube, deixou o compañeiro Eduardo unha macedonia de froitas parecida a esta última para que se comentase. Desta vez deixounos un decálogo de temas que teñen candente actualidade. De cada un poderíase escribir unha tese. Como non estamos no eido académico deixarei uns comentarios, a modo de pinceladas,sobre cadanseu.

1- Testamento do Cardeal Martini: Foi unha mente lúcida que debeu sufrir moito polo rumbo que lle marcaron a barca de Pedro. A impotencia que se sente cando se navega atravesado ao vento,polo medo a ir a pique, ten que ser inmensa. A sensación de predicar no deserto tamén ten que ser amarga. Nesta entrevista vense as preguntas e interrogantes que son elocuentes por si mesmas. Podedes velas aqui:

¡Viva el Cardenal Martini! Texto auténtico de su ´Testamento espiritual

  ¿Que pasará?¿Terán resposta?¿Sabeo alguén?O tempo o dirá.


2- Prohibición do libro de Pagola. Algo que non ten xeito nin ... Todo un sen sentido. Nestes tempos poñerlle portas ao campo val para pouco. Eu lino por curiosidade. Pódese baixar da rede. O Vaticano di varios anos despois que non contén herexías pero aínda así lle poñen pegas.

3- Vatileaks. E un pozo sen fondo a información que xera en internet esa palabra. Quen logre poñer orde pasará a historia como un xenio. Pobres ratos. Con tanto gato solto,¿quen se atreve a poñerlle o axóuxere ao gato?.Polo menos que dea tempo a escapar. Cando detivo a policía italiana ao anterior director do IOR doulle unha gran alegría saber que eran policías italianos.. Temía o peor.Que viñeran a por el para desaparecelo. Xa anteriormente depositara nunha notaría un escrito para no caso de que desaparecese o dese a coñecer publicamente.

4- Aparición de dialectos. Ademais dos nomeados con moita gracia por Eduardo, ao estilo do intermedio da sexta, o mais grave é a perversión intencionada da linguaxe. Esa forma de contar terxiversando todo. Nunca a figura literaria do eufemismo tivo, fora da narrativa, na linguaxe informativa, tanta utilización en cantidade e calidade. Unha das mais recentes é a da ministra de emprego chamándolle a emigración dos mozos mobilidade exterior.(Isto é en fatimés ¿non?)

Xa,hai case trinta anos,cando Armando de Miguel era alguén, como di Castelao de Vicente Risco no Sempre en Galiza,escribiu o libro “La perversión del lenguaje”non creo que pensase que aquel fenómeno ía acadar as cotas de manipulación descarada que ten hoxe.

5- Imposición do axioma “coa que está caendo”.E certo que o pesimismo que transmiten esas frases é tremendo. Ademais é paralizante. Supoño que os vellos que temos mais tempo para ler,ver o castravexo,e andar de parladoiro cos veciños contribuímos a ese clima xeneralizado. Pero tamén é certo que o que está caendo e tanto como a auga neste inverno pasado.

6- Varias sentenzas xudiciais. Teñen nome feminino. Todos lle facemos as beiras ou a corte cando favorecen os nosos intereses. Cando non é así apélanse. E cando son firmes hai que pedir a execución e caben incidentes de execución que a veces superan en folios ao preito principal. Ademais o tempo para iso non conta. Mira o decreto do galego no ensino o que tardou no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que está aquí na Coruña. Agora no Supremo pode tardar tranquilamente uns dez anos. O da Gurtel morreremos sen ver a Sentencia, amigo Eduardo, aínda que vivamos longos anos como che desexo a ti e a todos.

7- Dimisión e recambio na presidencia da Real Academia Galega. Aí hai mar de fondo. Ferrín é unha personalidade e foi pena que se fose. Esta crise parece que é total e non deixa títere con cabeza. Magoa. O programa é idéntico o dos dous candidatos. O peor son as feridas que deixan sempre estas batallas. O afogamento económico e unha concausa tamén da situación.

8 - Celebración sonora do L aniversario do Vaticano II. Pouco hai que celebrar.

9 - Renuncia do Papa. Cónclave e Papa Francisco. O da renuncia habería que saber cal foi a causa. Que tivese cansado tanto o corpo como a ánima,como dixo,sorprendeu a todos. A frase que escandalizou a moitos:las aguas bajaban agitadas, Dios parecía dormido”. Ten moitas interpretacións. Cando había desgracias e morría unha mai deixando criaturas pequenas meu pai tamén dicía se Deus estaría durmindo para permitir aquelo.
Eu afeito a escoitar que Deus escribía dereito con liñas torcidas e que os designios son inescrutables parecíame un pecado grande pero se o dixo o Papa vai a misa e de pecado nin escándalo nada.

O conclave foi noticia. O espectáculo visual é grande e da moi ben en pantalla. Non tardou moito a fumata branca indubidadamente.

O novo Papa hai que recoñecer que xerou moita simpatía en moita xente. De momento case todos, ou todos, falan moi ben del. Non hai mais que ver como o tratan nos medios. Incluso os mais reaccionarios de momento non queren dar a nota por medo a perder o paraugas que tiveron nos anteriores. Fai ben non ir para os palacios papais. O breve Juan Pablo I o día que mostrou ao secretario de estado os cambios que ía facer na curia,eran os papeis que tiña entre as mans e non a meditación de cristo por Tomás de Kempis,como dixeron nun principio,ao día seguinte a apareceu morto como consecuencia de un vasodilatador que lle administraron da farmacia do vaticano a el que era hipotenso. Morreu placidamente sen loitar coa morte. Cos papeis da reforma da curia entre as mans.
Este Papa con cara de boa persoa e valente polos xestos que leva feito de lavarlle os pes a dúas mulleres presas,unha musulmán, teríalle que devolver e retornar a honra aos xa mortos como a Bernhard Hering, autor da Lei de Cristo,libro de texto polo que aprendemos Moral Católica, e vivos: Marciano Vidal ,Gustavo Gutierrez, José María Castillo,Juan Masia e tantos x tantos que son todos eles “Vir bonus”e mais abrir unha investigación sobre a morte de Juan Pablo I. Se non o fai nun tempo prudencial dun ano ou dous a decepción será aínda mais grande. Parécemo a min pero doutores ten a Igrexa.

A propósito Juan Masía estivo en Vigo hai uns días nunha conferencia e o Bispo de Vigo perdeu unha boa ocasión de estar calado. Sacou unha nota fundado nunha información dun periódico. O catecismo que recomenda debe lelo el solo.

10 -Torrente Ballester ou calquera da sa talla podería escribir as novelas, calquera novela que sempre a realidade superaría a ficción,con mais suspense e misterio que concibir se pode. Argumento moi socorrido nos nosos anos de formación en San Martiño Pinario tanto en Filosofía como en Teoloxía. Villasante chamáballe o ungüento amarelo. A propósito o noso compañeiro de Seminario, non de curso, Carlos Vázquez escribiu hai un ano no seu artigo da contraportada da Opinión dos Sábados,un artigo titulado así. Se o queredes ler:

El ungüento amarillo - La Opinión A Coruña


(Se pinchades na parte dereita da pax. onde aparece unha lupa e poñedes /cartas a laila/ podedes ler todos as artigos que escribe cada Sábado e que eu leo sempre con sumo gusto.

Pois xa cumprín probando a macedonia de Eduardo. Serviume de guión para estas puntadas mal ganduxadas. Saúdos para todos. Cos mellores desexos. Rafael

1 comentario:

  1. Cumpriches, e ben. Os demais, estamos fermentando ideas mirando pa quen escribe.
    Unha aperta, Rafael.

    ResponderEliminar