Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

lunes, 19 de abril de 2010

AVECIÑANSE NOVOS TEMPOS

Amigos todos: Levamos xa unhas semanas en que as augas da xustiza e dos que mais mandan na Barca de Pedro baixan avoltas e turbadas. Hai moito barullo e alboroto entre as mitras e as togas. Quero pensar que sexan como as dores de parto que rematarán dando a luz uns novos tempos por todos desexados. Iso será a moi longo prazo. O interesante, como no camiño de Santiago, non é chegar senón andar. E nunca dar pasos para atrás aínda que pensemos que é para coller folgos Despois se non é arrástranos a inercia.

Estes días hai moito que ler. Contaban dun crego que nos oficios de Semana Santa, anteriores á reforma litúrxica, foi mirando, unha a unha, as follas do texto a ler; ao observar que eran abundantes torceu a cabeza, cara ao sacristán, para que lle cambiase o libro ao mesmo tempo que comentaba: Había que ler si o lermos todo.
O do xuíz Garzón ao final quedará en nada. Non pode ser doutro modo. Condenalo por prevaricador é semellante a condenar a un médico por homicida,cando lle morre un paciente despois de darlle un tratamento seguindo o vademecum ou a “lex artis”da profesión.
Un dos avogados que o defende é da escola de D. Manuel Iglesias Corral, falecido no 1989. Foi alcalde da Coruña durante a República e no 36 era o Fiscal xeral da mesma. Para salvarse da purga dos falanxistas estivo facendo vida de frade no convento dos Franciscanos de Santiago varios meses. Foi decano dos avogados da Coruña moitos anos e dicía sempre que a xustiza para fodela hai que obedecela. E totalmente prexudicial e pernicioso aquela outra máxima que afirma que a mellor defensa e un bo ataque. Darlle patadas ou cuspirlle ao xuíz que te vai xulgar e como darllas ao arbitro que está pitando o partido. Sentido común a quen Rajoy rende culto de dulía no seu altar polas innumerables veces que se refire a el.
As vítimas do fascismo teñen todo o dereito natural e positivo do mundo a recuperar os corpos dos seus seres queridos e aos seus familiares (nenos e nenas que lle roubaron ás nais roxas) e que andaron pola vida con identidades falsas .Se a condena a Garzón prosperase sería a Corte Penal Internacional a que tería que actuar contra toda a Sala Segunda do Tribunal Supremo. Xa agora na prensa internacional estásenos vendo o rabo e se prosperase a acusación entón si que colleremos conciencia da bestialidade que foi a guerra civil e o que supuxo a implantación do fascismo durante tantos anos Estariamos na boca de todo o mundo sendo noticia durante moito tempo. Iso obrigaranos a facer outra Lei da memoria con seriedade e rigor, anulando as farsas dos xuízos sumarísimos que dá vergoña lelos. Por que teñen que andar as asociacións da memoria, coa colaboración das universidades, pedindo permisos aos donos dos terreos e buscando voluntarios para abrir as fosas e identificar aos cadáveres?O presidente,aquí na Coruña, da asociación para a recuperación da memoria histórica, Manuel Monge, compañeiro da U. Laboral, profesor de secundaria,estase deixando o pelexo xunto con historiadores e persoas con sensibilidade para abrir as fosas do Concello de Aranga, preto de Betanzos, no que pola información que teñen recollido calculan que poden estar enterradas oitenta persoas, en distintas fosas en todo o término municipal. As institucións do Estado teñen que encargarse diso.Forenses,arqueólogos, xuíces e fiscais,avogados do Estado. Trátase de persoas que morreron nun xenocidio. Hoxe a comunidade internacional está moi concienciada, grazas a Deus,destes crimes de lesa humanidade.
A semana pasada, na cidade alemá de Ratisbona,condenaron ao bispo lefebrista Wiliamson, procedente da ultraconservadora fraternidade de San Pio X,no mesmo día, eses si que son xuizos rápidos, a 10.000 Euros de multa, porque nunha entrevista a televisión sueca dixo que non era para tanto o xenocidio e exterminio de xudeus polos nazis antes e mais durante a segunda guerra mundial. Que non foran asasinatos sistemáticos .Xulgárono por incitación ao racismo , negación do holocausto e incitación ao odio. Non lle valeron de nada as explicacións que dou na súa defensa. Cópioas literalmente:
"Pido perdón delante de Dios a todos que se hayan sentido honestamente escandalizados por lo que dije", y matizaba que se limitó a dar "una opinión de una persona que no es historiador, una opinión formada hace 20 años en virtud de los datos que entonces estaban disponibles, y que desde entonces había expresado raramente en público".
Iso é fiar fino e con rigoroso rigor. Mentres aquí non sexamos algo parecidos aos alemás e carezamos desa finura intelectual andaremos, como dicía antes ensinando o rabo procedente da rama dos antepasados “pizecos “ como ten dito Fernando Ledo na súa época de filósofo e teólogo.
Deixemos as togas e pasemos as mitras. O papado está sendo abaneado por outra morea de acontecementos. No da pederastia acabou facendo, forzado polos acontecementos, o que lle levan pedido hai moitos anos que isto xa ven de vello. Denunciar os feitos ás autoridades xudiciais de cada pais,con publicidade,e protexer ás vítimas solicitando, tamén publicamente, perdón. O outro día en Murcia varios mitrados resentíronse contra esas medidas. Si ledes Religióndigital.com, xa estades mais informados de todas estas cousas, de interesarvos. Tamén en redescistianas.net e atrio.org estes días teñen abundante información moi quente sobre temas de moita actualidade da que toda a prensa e medios de comunicación se fan eco.
Como dicía ao comezo a ver si todo este remuíño de acontecementos vale para algo. Chegan eses tempos novos e mellores. Eu penso que si. Temos que nos enchufar a corrente do optimismo e do “We can”. E a fonte de saúde física e mental que mais nos pode axudar a vivir,convivir e deixar vivir. E cantar aquela canción de “No hay quien pueda con la gente marinera, marinera pescadora, no hay quien pueda por ahora”.Perdoade pola leria. Cos mellores desexos. Rafael.
Nota brava: Cando ía poñer isto lin o que escribira Puertas e mais Eduardo. Gustoume moito o resumo que fai sobre o que sostén Jaime Sartorius. Totalmente así. Non foi feita para iso. Hoxe ven no País que a Garzón lle ofrecen o que queira para que marche da Audiencia Nacional e lle retiran os procedementos abertos contra el .O rebumbio que formaron é monumental. El nestas circunstancias di que non se pode ir. Tamén se explican os desencontros que tivo coa sala segunda do Supremo ao longo destes últimos anos. O mundo das togas está que arde. Alta voltaxe.
A Antonio, despois do que nos contaches da perda dun parente causada polo bando republicano ou roxo, teño que dicirlle que te entendo perfectamente. Si a min me pasase seguramente tería a mesma reacción. Pero isto non pode impedir que os netos de toda aquela xente que viviu aqueles tempos, que ninguén quere que volvan a repetirse, non queira saber onde están enterrados. E honralos como merecen .Deste sentimento de respecto e honra aos mortos sabemos moito os galegos e non permitimos que ninguén nos dea lecións. Despois do tempo que pasou en que xa as responsabilidades penais son inexistentes, pola morte que as extingue, non podemos esperar mais tempo. O esforzo que fixeron os perdedores da guerra para que en aras da convivencia e da paz puideramos vivir entre todos non poden ser eternos. Tamén se hai que poñer no corpo e mente dos demais que é moito mais triste do que pensamos. Non me quero poñer transcendente nin predicador. O dito. Deica a próxima. Rafael








No hay comentarios:

Publicar un comentario