Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

domingo, 8 de enero de 2012

GANDUXOS I

Empezarei este novo ano cun  tamén novo identificador para estas pequenas e informais comunicacións non suxeitas a criterios prefixados mais cós que un mesmo se impoña. Como se dicía  nos primeiros anos de democracia isto mais que liberdade xa parece libertinaxe. Cando se escribía para alguén había que someterse ás orientacións,de obrigado cumprimento, que che impoñían.
    Foi Eduardo o primeiro que falou de ganduxar ideas. Esta palabra ten connotacións de costureiras e xastres. (Tiven un tío xastre,o pai do noso compañeiro Ramos Dafonte que,como xogaba ben ao futbol,todos acordamos).Cando mandaba ganduxar un traxe para a proba facíase un cosido con puntadas longas e de calquera maneira que logo co traxe posto se tiraba do fío e se  cosía rectificando conforme a percha do cliente.
    O ganduxo de hoxe vaise referir a tres acontecementos de actualidade: Isaac Díaz Pardo,a mínima serie do Cardeal Tarancón que comentou Fernando Ledo, e a algúns centenarios do 2012.

 A.- Fóisenos unha das mellores persoas nadas nesta nosa terra. Desde o día en que nos deixou,ás oito da mañá da véspera do día de Reis, até hoxe mesmo, miles de tinteiros de tinta farían falta,de escribirse con ela,para cubrir todo o que sobre el queda escrito e se escribirá no futuro. Direi so algo que pasou mais desapercibido: 1.- Nunca permitiu ás súas traballadoras,eran maioría absoluta, que o tratasen de vostede. Cando lle dicían D. Isaac sempre respondía: Don Carallos. Rapaza chámame sempre Isaac. Non se acorda ,desde o ano 1948 que fundou Cerámicas do Castro,que lle faltasen ao respecto nin que deixasen de querelo e admiralo. Pese a matárenlle o pai,en Agosto do 36 por ser republicano e galeguista nunca fomentou o odio aos vencedores da guerra. Foi dos que mais fixeron xa na ditadura por recuperar a memoria histórica. Mais de 200 títulos na colección Documentos para a historia contemporánea de Galicia. 2.- Sempre tivo un coche que era  o mais cativo comparado co dos seus empregados/as. 3.- Nas fábricas sempre vestiu o mandilón como os demais traballadores. Cando, nas moitas excursións que visitaron sempre as fábricas, os profesores lle dicían aos alumnos quen era Isaac as caras que poñían de asombro, ao confundilo con calquera dos traballadores,era todo un poema.4.- Viviu sempre de forma espartana. O seu despacho era unha mesa e cadeira sen mais luxos.5.- Foi o fideicomisario de moitos exiliados que lle entregaron as súas bibliotecas e cousas valiosas dunha cantidade inmensa de persoeiros. No seu poder quedaron as actas do Goberno de Galicia no exilio que ao contrario do que pasou en Cataluña e o Pais Vasco cando se restableceu a democracia non se restauraron. De non ser por aquela manifestación, contra a aldraxe,deixábannos á marxe da consideración de nacionalidade histórica que hoxe nos recoñece a Constitución. Nada mais.

    B.- O comentario que fixo Fernando sobre o Cardeal Tarancón pareceume moi acertado. Foi moi comentado por toda aquela xente que viviu con intensidade as postrimerías da ditadura. Foi unha pena a hora. Rematou pasadas as dúas da noite. Se alguén o quere ver nesta páxina

El cardenal que querían ver en el paredón

  Ao abrir o artigo completo  remite ao arquivo da TVE. Tamén mais nada. O importante xa o dixo Fernando que foi delegado de curso, elixido democraticamente, e por tanto ten autoridade recoñecida que nunca perdeu.

C.- Este ano vanse celebrar varios centenarios dunha gran relevancia. Un deles que xa comezaron os actos é o de Celso Emilio Ferreiro autor dunha longa noite de pedra. Expoñen os seus poemas nos distintos locais comerciais de Celanova para divulgar as súa obra  poética. Entre eles está este:

Lingua proletaria do meu pobo
eu faloa porque si, porque me gusta
porque me peta e quero e dame a gana
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ó ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ó pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
fala-la fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.
Eu faloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente que sufren longo
unha historia contada noutra lingua.
Non falo prós soberbios,
non falo prós ruíns e poderosos,
non falo prós finchados,
non falo prós estupidos,
non falo prós valeiros,
que falo prós que aguantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
prós que súan e choran
un pranto cotián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas de
tódolos que sufren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ó mar, ise camiño..
    Pois agora acabóuseme o fío e non podo dar mais puntadas .Así que outro día ganduxaremos outro pouco. Que o ano que acabamos de encetar nos sorprenda positivamente a todos. E un desexo. Apertas e abrazos e bicos tamén de proceder. Rafael

No hay comentarios:

Publicar un comentario