Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

martes, 22 de diciembre de 2009

LINGUA, ALMA DUNHA COMUNIDADE

   Con este comentario, inspirado polas entradas de Andrés, tan amable e comprensivo, complementarei as respostas de Rafael e achegarei algunha experiencia persoal.

   1. Compoñente afectivo das linguas
   - Precisamente, polo compoñente afectivo evitei argumentos patrióticos, ideolóxicos, sentimentais e estéticos; pertencen ao microcosmos persoal, á esfera que non se debe invadir. Tampouco valoro a importancia de cada argumento por seren realidades subxectivas. 
   - Xustamente, polo significado das linguas, todas deben ser tratadas co máximo respecto. Para defender unha non é preciso atacar outra; mellor defendelas todas sen temor á torre de Babel.
   - A lingua é un patrimonio individual á vez que colectivo. As palabras non son o envoltorio das ideas, senón a materia de que están feitas. Logos, Verbum, Verba ou Palabra, Cristo
As linguas non son catálogos de uso, son a alma dunha comunidade.

2. Linguas, seres vivos
   - Hai menos diferenzas entre o galego de Rosalía e o actual ca entre o castelán cervantino e o de hoxe.
   - Ningunha lingua é inmutable; todas van cambiando ao ritmo e xeito que os usuarios determinen, sen se poñeren de acordo, pero deixándose levar polo xenio do idioma.
As linguas ocultan "un xenio invisible, inaudible, antigo, que podemos reconstruír se seguimos as pistas que nos deixan os seus fíos. Fíos son, e con eles manexounos o xenio do idioma". Palabras de Alex Grijelmo en
El genio del idioma. Taurus. 2004.
"O xenio do idioma é unha metáfora porque con esa realidade designamos a alma de cantos falamos unha lingua, o carácter con que a fomos formando durante séculos", Alex Grijelmo.
   - As linguas son seres vivos que nacen, crecen, se reproducen e poden morrer.
O galego naceu do latín vulgar, creceu rapidísimo e no século XIII xa fructificou nas Cantigas de Santa María; reproduciuse e orixinou o portugués no século XIV; e pode morrer.
As linguas, coma nós, van cambiando pero son a mesma lingua, teñen esa alma que lles dá sentido e vida.
Ese metabolismo segue activo, como demostra Nueva gramática de la lengua española, de vocación panhispánica porque recolle o traballo de 22 academias da lingua doutros tantos países. Catrocentos millóns de hispanofalantes impoñen a súa variedade. As academias dan o visto bo. En ningures deixa de ser castelán, de momento.
O castelán da mesma Andalucía rexistra moitas variedades, como ceceo e seseo.
   - Entre o galego e o castelán houbo distinto ritmo lingüístico-político. O galego, por mor da represión, aínda se está fixando, estandarizando agora. O castelán experimentou este proceso sen interrupción.
   - Nos tempos de Rosalía só había galego marxinado, lingua B. Non había literatura, nin gramáticas, nin dicionarios galegos. Por iso confesa, humilde e temerosa, en Cantares gallegos:
Que así mo pediron,
que así mo mandaron,
que cante e que cante
na lengua que eu falo.
Rosalía falaba a lingua da Mahía (Santiago-Padrón), contaminada de castelanismo e outros vicios, o que non lle quita valor poético, pero si normativo e léxico.

3. Cada un e as circunstancias
Somos nós e as circunstancias; a experiencia persoal pode marcar; pero non convén convertela en argumento universal. Pasar do concreto ao abstracto, do individual ao colectivo, é un salto arriscado para a lóxica lingüística.
A experiencia de Andrés quizais fose inversa á miña. No 1970 empecei a traballar como  mestre.
Observei que os libros de texto ignoraban a realidade dos nenos galego-falantes e de Galicia, que os mestres, en xeral, infravaloraban a nosa cultura e que os alumnos estaban convencidos de que a realidade máis próxima non tiña mérito suficiente para ser estudada.
Resposta?
- Formar equipos de traballo para elaborar material escolar didáctico sobre Galicia. No 78 sae a primeira publicación, á que seguiron outras moitas ata hoxe. Son textos de EXB, de Primaria e de Secundaria, e libros de divulgación.
- Participación en asociacións pedagóxicas.
- Correccións lingüísticas de libros de procedencia diversa.
Entidades bancarias, editoriais estatais e galegas e a Xunta de Galicia asumiron as publicacións.
Desde 1981 a lexislación foi recoñecendo a utopía que soñabamos nos setenta.
O proceso de galeguización non foi, pois, para min ningún trauma, senón un traballo gratificante e necesario para anovar e galeguizar o ensino.

4. Linguas mellor ca lingua
   Creo que nós non eliximos lingua, máis ben parece que as linguas nos elixen. A lingua vén imposta polo lugar de nacemento, agás casos atípicos. De elixir, dúas mellor ca unha. Escribín libros en galego ou castelán que foron traducidos ao castelán ou galego,  ao catalán, ao catalán-valenciano, ao inglés. Colaborei nunha revista bilingüe (castelán-inglés) con textos traducidos ao francés, ao alemán e ao galego. Non elixín linguas, pero encantado de que mil cirucunstancias permitisen máis posibilidades de comunicación.

  5. Utilidade só?
   O criterio de utilidade non é aplicable ás linguas. Unha lingua é moito máis.

6. Desdramatizando
   Os humanos temos enorme capacidade de adaptación. Creo que non sufrimos tanto "desgarro" en Belvís por impoñérsenos o castelán. Xa chegabamos algo castelanizados pola Igrexa e a escola. Facíannos crer que falar castelán era de cultos, de cristiáns e patriotas; e que falar galego era de paletos desprezables. Lóxico, pois, que estivesemos felices de aprender castelán ata confesar o puco esforzo na tarefa. E aquí radica a gravidade, porque foi colonización lingüística, que tan bos froitos deu. Quizais sexa a raíz de que o galego non se incorporase á liturxia con normalidade.
   O ideal sería que nos desen competencia nas dúas linguas, como manda a lexislación actual. Incluso se poderían evitar problemas posteriores.

7. Vivir como galegos
   Aquí é posible vivir como galego. O 12 de nadal asistín a un concerto de música académica galega para gaita de fol (Musgafol). Foi unha viaxe polas paisaxes sonoras de Galicia. Participaron oito solistas coa Banda de Música de Pontevedra.
Interpretaron, entre outras,  Lendas do Pico Sacro, co gaiteiro Xosé Manuel López, que é das terras de Lestedo. Supoño que Fernando, tamén músico, o coñecerá. O aforo do teatro estaba completo. Rematou o concerto co Himno galego cantado polos asistentes, postos de pé. Creo que todos sentimos a mesma emoción, porque a alma de Galicia conquistara o teatro.
A gaita, coma o galego, foise dignificando nos últimos anos; pasou da aldea aos teatros e auditorios sen abandonar aquela. A música é un acto universal; este acto foi universal e noso. Así é fácil, non ten mérito, vivir como galego. Abonda con deixarse levar polo espirito de Galicia.
  
8. Dilema con trampa
   Paréceme argumento pouco sólido o dilema gasto en promoción do galego / investimento noutras necesidades. O mesmo podería dicirse do diñeiro empregado no castelán: RAE, institutos Cervantes, exposicións, conferencias...
Este argumento poderíase aplicar a calquera dos gastos incluídos nos presupostos dos gobernos, se pensamos nos 20 nenos que morren de fame cada 16 segundos. Creo que non é aplicable aquí a dialéctica hegeliana.

   As achegas de Rafael, de Luís e de Antonio merecen comentario noutra ocasión. Corren tempos duros.
Bo Nadal para todos e ventureiro 2010.                                
                                                              Eduardo Seco.

 



No hay comentarios:

Publicar un comentario