Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

miércoles, 15 de septiembre de 2010

CANTA O GALO!

Unha indirecta
   Silencio! Escoitade o silencio de salón abandonado e frío. "Eu oio o silencio", escribiu Luís Pimentel. O silencio tamén forma parte da linguaxe. E abofé que este baleiro do noso lar é moi elocuente. Ao mellor dominounos no verán o proverbio chino "Non rompas o silencio se non é para melloralo". Os silencios dunha obra musical poden ser sublimes; só temos que evitar que se apoderen de toda a partitura e a traguen. Estivemos interpretando a Sinfonía Estival nº 2?
   Non serei eu quen defenda que "escribir é un avance contra a estupidez", pois tamén podemos escibir estupideces e sabido é que en pluma parada non entran borranchóns.
   Cóntase que unha vez lle dixeron a un político coruñés da ditadura:
- "A besta que todos levamos dentro, vostede lévaa fóra".
- "Xa estamos con indirectas", contestou o político pasmón.
   Esta entrada non é ningunha indirecta  nin un exercicio crítico. É só un pé de comentario para subliñar unha realidade. Non esquezo as voces de Antonio, dos Andreses, de Luís e de Rafael. Pero estamos no País dos Caladiños. E claro, así é difícil manter o lume aceso. É un aturuxo festeiro neste clímax de setembro para espertar da sesta. Que vai empezar o curso escolar con novo programa: "Ti vas á escola y haces lo que te dea la gana, lo que te pete, hijiño". É o Programa do Desandar Lingüístico.

Romaxe de Crentes Galegos
   O 12 celebrouse en Monterroso a Romaxe de Crentes Galegos:
Pai noso que estás no ceo,
desde a terra de Galicia
chamamos pola irmandade,
berramos pola xustiza.
      Non me sorprende a polémica que xera nin a oposición mediática (dixital) a quen pretende achegar a mensaxe ao pobo galego. O tema vén de vello:
   "En realidade, cando se sabe que Xesús, para establecer a súa doutrina, non se valeu doutra ferramenta cá da palabra, e que esta ferramenta era ata imperfecta nos seus labios, porque Xesús non dominaba o hebreo culto e predicaba en arameo, un dos dialectos menos cultos de cantos se falaban en Xudea, hai motivo para asombrármonos; e é preciso convir en que algo hai nas súas ideas de inmortal e divino para que perdurasen, malia o rudo da forma na que se emitía... Non cómpre apelar ás linguas oficiais impostas nin ao idioma dos sabios para producir obras transcendentais". 
   Este texto, escrito en 1895, é de Curros Enríquez, un crente no fondo, perseguido polo bispo de Ourense.  Nin Curros perdeu actualidade nin a Romaxe a conexión necesaria. Curioso!

Ausencia obrigada
   Unha das leis de Murphy impídeme asistir á convivencia de Muxia. Un evenmto festivo familiar é o responsable. Disculpas a Rafael Martín, que na Guarda case nos arrincou un compromiso de asistencia. Muxía, lugar máxico da Costa da Morte e zona Cero do atentado ecolóxico chapapoteado, resísteseme.

   Pero como podemos vernos aquí, despídome cun horripilante Adiosiño e cun criminoso Hata lueguiño.

                                Eduardo Seco

No hay comentarios:

Publicar un comentario