A "Quinta do 57" é un colectivo de alumnos que ingresamos no Seminario Menor de Belvís no ano 1957 con once ou doce anos de idade. Tamén os alumnos que se sumaron posteriormente. Amigo que nos visitas, contactas con ex-seminaristas do Seminario Menor e Maior de Santiago de Compostela entre 1957 e 1969, algúns cregos, a maioría non. Este Blog cumprirá a función dos periódicos murais que ilustraban as paredes dos corredores do Seminario.
Benvidos
Belvís
sábado, 9 de julio de 2011
Seis novos curas, non seis curas novos (Andrés GV)
O pasado domingo día 3 o arcebispo ordenou na catedral seis novos presbíteros e dous diáconos. Na foto do grupo - que se amplía picando sobre ela-, ademais dos ordenados, están os actuais formadores do Seminario. Os que locen dalmática sons os diáconos; os que, ao lado dos diáconos, ocupan os postos externos do conxunto son os formadores do Seminario. Os outros seis, repartidos en grupos de tres e máis próximos ao arcebispo, son os novos cregos. Entre os novos presbíteros hai dous de verdadeira vocación tardía pois xa superan a sesentena. Por iso o encabezamento: anque son novos curas, pois son recén ordenados, non son curas novos, porque xa son idosos, como din os portugueses, isto é, de idade. A min o que máis me chama atención nos novos curas -anque non en todos- son cousiñas que os distinguen notablemente dos curas da nosa xeración e aínda maiores ca nós. En primeiro lugar, a vontade de identificarse externamente no vestir; en segundo lugar, a preocupación pola liturxia, non tanto como expresión festiva e comunitaria da fe dos participantes, senón pola composición plástica e escénica, a selección de vestimentas e elementos decorativos suntuosos e suntuarios, a recuperación do latín e do grego (os "kyries") no canto e no recitado dalgunhas partes da Misa, xustamente cando é notoria a súa falta de formación latina. Sería moi inxusto se lles aplicase a estes seis a totalidade dos xuízos que acabo de expoñer. Grazas a Deus todos somos diferentes e cada un ten as súas "cadaunadas". O relevante desta ordenación é -como sinalou o arcebispo- o signo de esperanza que os seis son para a Igrexa diocesana.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)