Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

jueves, 25 de septiembre de 2014

CURSO 2014-15

Como hai xa uns días que iniciouse o curso académico actual vou deixar algunhas cousas para que siga tendo algo de vida asistida este mural colectivo. As quenturas que tiveron estes medios de expresión e comunicación neste último lustro teñen todos as mesmas eivas. Deixaron de ser unha novidade e, talmente como as modas, deixaron de levarse e remataron moitos deles adormecidos e invernando igualiño cos barcos de lecer que están amarrados e moitos deles debendo as cotas de amarre ou vendéndose pola décima parte do que custou mercalos. “Panta rei” en grego que dicía Heráclito. A auga dos ríos que pasa por un lugar nunca xamais volta a pasar a mesma polo mesmo sitio .E unha das bondades da vida que nunca un día ou mes ou ano é como o anterior.

Sexa esta reflexións filosóficas na honra de D. Luciano Méndez Palleiro que tiña a teima, cando nos ensinou Ontoloxía e mais Lóxica, de ensinarnos a pensar pola nosa conta e cos criterios científicos dos siloxismos. Hoxe tododios nega a maior e non pasa nada e distinguir xa nunca se fai. Ten moita xente agradecida que foron alumnos del en San Martiño Pinario .Onde sexa que estea que viva feliz. Grazas a Puertas que nos avisou do seu pasamento.

Pois para empezar o curso, xa as universidades dando exemplo de madrugar comezaron o primeiro día de mes que andamos,vou deixar o que servidor tiña escrito nos veráns pasados por se a alguén lles pode interesar lelos no caso de que non o tiver feito no seu día onde apareceron:

Agosto 2010:

"DECISIO INSOLITA

A Enxebre Orde da Vieira, entidade privada, que agrupa a  galegos distinguidos que están fora de Galicia, celebrou a semana pasada, no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago, o seu chamado Capitulo Xubilar. Entregaron un diploma a varias persoas, entre elas ao Doutor Carracedo, experto xenetista recoñecido mundialmente pola investigación do ADN, con cantidade de premios concedidos e futuro,seguramente,  premio Novel.

O insólito é que no mesmo acto,en presencia do Presidente Da Xunta,se lle entregou a vieira a D. Mario Conde condenado polo Tribunal Supremo a vinte anos de cárcere polos delitos de apropiación indebida, estafa e falsidade documental. Un delincuente condenado, en liberdade condicional desde o 2008, con antecedentes penais graves e que non poderá cancelar mentres non pasen 5 anos despois da liquidación da condena para estar reinserto socialmente.
Estamos ou podemos estar ante un caso de apoloxía do delito que se produce cando publicamente se exalta o delito ou a persoa que for condenada como partícipe ou autor dos mesmos.

Estes actos denigran a quen son merecedores de recoñecemento social. O texto da condecoración entregada reza literalmente: “Por canto fixo, fai e aínda mais fará polo enxerguemento da terra e para que viva connosco con recordo e amizade”. Sobran os comentarios.

De non lle ser retirada a condecoración, que sería o acertado, creo que merece un rexeitamento social pola perversión ética e cívica que ofende as persoas de ben."

(Este texto que se oublicou na Voz de Galicia firmeino como avogado do Colexio da Coruña) Recibín parabéns pero nada se fixo. A decadencia xa ven de anos atrás.

Agosto 2011:
XULIO LOIS:IN MEMORIAM

Acábanos de deixar o crego Xulio Lois. Un home enteiro. Un cristián exemplar. Articulista,conferenciante,autor de moitos libros. O derradeiro: “O Deus dos pobres”(2005) Naceu en Pontevedra no 1935.Estudou Dereito en Santiago pero abandonou a avogacía para facerse crego colaborando cos movementos de acción católica especializada XOC e HOAC das que saíron tantos dirixentes políticos e sindicais. Foi profesor de teoloxía na Universidade Pontificia de Salamanca no Instituto de Pastoral do Campus de Madrid. Ensinou Cristoloxía a varias xeracións de curas e leigos. Presidiu a Asociación de Teólogos Xoán XXIII.

Defendía que a Igrexa ten que ser pobre e dos pobres. En consecuencia o Vaticano debería desaparecer. Mantívose fiel a Teoloxía da Liberación. Renunciou a facer carreira dentro da Institución sendo sempre coadxutor nunha parroquia do barrio madrileño de Vallecas. Os seus amigos foron esa maioría silenciosa de cristiáns desencantados da Igrexa oficial. Admirador do Arcebispo do Salvador Monseñor Oscar Romero. Auguraba que a postura involutiva que mantén a Igrexa non vai ter mais remedio que poñerse a dialogar para non converterse nunha seta irrelevante ou insignificante socialmente.

Pasou os dias finais da súa vida,aqueixado dunha enfermiade grave, acompañado da familia que residía na Coruña. Vivirá sempre na memoria de todos os que tivemos a boa fortuna de coñecelo.”

(Na Misa que lle fixeron na Coruña haoubo moitos cregos e mais ex. Por suposto non faltou Vilariño,Cabarcos e moitos mais cregos da Coruña a que viña sempre por ter familia aquí. Presidiu a Asociación de Teólogos Xoan XXIII durante moitos anos) Este Papa chegou tarde para darlle unha alegría aos que loitaron contra vento e marea para manter as candeas acesas do Vat.II)

Agosto 2013:

AGOSTO INHABIL

En pleno mes de Agosto,o día 2, publicouse o Decreto 609/2013 do Ministerio de Educación que fixa o limiar ou beira de renda e patrimonio que non se pode traspasar para ter dereito a becas e axudas ao estudo para o vindeiro curso 2013-14.

Con nocturnidade e aleivosía nun mes inhábil a todos os efectos para o Estado menos para cuestións de urxente necesidade,din que é mal mes para ter avarías na casa, enfermar ou morrer, déixase sen efecto o decreto de 2007 que fixaba ao réxime de axudas ao estudo personalizadas. Supón entre outras cousas que o fillo dunha nai solteira que cobre mais de 7.646 Euros ao ano non recibirá a beca universitaria máxima.
Ademais precisarase un 6,5 de nota mínima nas probas de acceso a Universidade para poder optar a beca xeral e de residencia no seu primeiro ano. Isto supón, como veñen denunciando os reitores, que o que teña posibilidades económicas na familia,poderá estudar aínda que sexa unha medianía ou un burrán e se es de familia humilde tes que ser brillante ou superdotado.
Aí está a inxustiza e o atentado contra igualdade de oportunidades. Rómpese por primeira vez a igualdade de acceso a estudos universitarios. Veu funcionando durante os últimos cincuenta anos a través daquel Padroado de Igualdade de Oportunidades. Este permitiu que haxa hoxe médicos,xuíces enxeñeiros,avogados,profesores,arquitectos e funcionarios nas escalas superiores que son a primeira xeración de titulados superiores nas súas familias. Da pena pensar e ver que andamos cara atrás en vez de cara adiante.”

AGOSTO 2014:

Agosto 2014

MARÍA TELO, (in memoriam)

Acábanos de deixar hai uns días con preto de 99 anos esta avogada madrileña que empezou a carreira de dereito na Universidade de Salamanca no 1931.Coñeceu a Dona Clara Campoamor, precursora do movemento feminista, que logrou que as mulleres puidesen votar durante a república e mais que se aprobase a lei de divorcio, quen a contaxiou do seu lema:.«a miña lei é a miña loita» Foi María Telo das primeiras mulleres que abriron despacho na capital no ano 1952.. Adicou toda a súa vida a loita para que a muller tivese igualdade de dereitos cao home. Afiliouse durante a ditadura a Asociación Internacional de Mulleres de Carreiras Xurídicas e cando se puido puxo en pé a Asociación de Mulleres Xuristas no ano 1971.

Batallou,o habido e por haber, para entrar na Comisión de Xeral de Codificación que mudou o Código Civil ,mediado o ano de 1975, en que se introduciron modificacións como que a ,muller casada acadase a maioría de idade xurídica que non tiña ate ese momento. Non podía sen autorización marital dispor dos bens que tiña en propiedade antes de casar,nin aceptar herdanzas,nin abrir unha conta nun banco nin ser cabeza de familia e administrar os bens do matrimonio.

No ano 209 publicou un Libro. Mi lucha por la Igualdad Jurídica de la Mujer (Aranzadi, 2009).no que narra como pelexou toda a súa vida para conseguir un Estado no que a lei para a muller non fose un castigo senón unha protección e un amparo. Nunca se dou por vencida. Hai cinco anos declarou que a plena igualdade entre homes e mulleres acadouse no terreo das leis pero que na realidade o labor por facer aínda era grande. De persoas así convén acordarse e renderlles a admiración que merecen.”



Por hoxe nada mais. Bo curso para todos. Hai que estar,nesta sociedade ou suciedade, hoxe mais ca nunca, sempre aprendendo e reciclando o que se ten aprendido. Non lle fagades caso a estas prédicas igual que non se lle fan aos cregos cando se poñen pesados coas súas fixacións. Aos que falan so rego e sobre todo con respecto aínda hai xente que os escoita e comenta “no que dixo ten razón” Saúdos: Rafael

lunes, 22 de septiembre de 2014

CONVIVENCIA 2014


Unha imaxe vale mais ca mil palabras. Iso é o que din. Hoxe coa proliferación da imaxe, en que todos levamos no peto con que gravar o que falamos e fotografar o que vemos,se foramos conscientes dilo (xa hai moita xente que o é) xa que a lei Charles Darwin é inexorable, como todas as leis naturais, podiamos denunciar cantidade de tropelías que pasan polas nosas mans con probas documentais que o acreditasen que hai menos de 20 anos eran inimaxinables. Perdoade pola digresión. O que quería dicir é que para os que ,polo que fose, non puideron ir á convivencia vou colar as imaxes que me cederon os compañeiros Enrique Vázque Pose e mais o seu curmán Miguelanxo ( hai que o felicitar xa que ven todos os anos desde Málaga adrede) para ver aos compañeiros cos que estivo o menor tempo de todos nós.

Foi un bonito día en que nos encontramos con quen conformou a finais dos cincuenta e primeiros anos sesenta aquel medio millar de muchachos que rezaba o himno de Belvís que aínda debe ter letra e musica D.Manuel Iglesias Pérez que paréceme que era o que o ensaiaba.

Agradecerlle a Sanmartín Obelleiro o servizo de intendencia que a través da súa mediación nos facilitaron o xantar e os líquidos regantes,viños da terra, dos que non se subían á cabeza. E a Fernando Ledo que nos facilitou a visita do Pazo de Oca incluído a presentación do Duque de Segorbe. Comentei con alguén que estivo ao meu lado que foi esa visita como unha volta a Galicia Feudal.
Pois aí van as fotos con algún pequeno comentario para algúns como Puertas que por forza maior non estivo. O que queira saber mais que fale con algúns dos asistentes e terá unha crónica persoal.
:Non levarán orde.A casa de comidas portatil que nos acolleu no paradisíaco lugar de Carboeiro no que se cruzan o rio Toxa e mais o Deza.
Empezando a visita ao Pazo.Escoitando ao guía que estaba moi documentado.Excepto algún que o corpo lle pedía farra o resto atendendo es informacións e facendo algunhas preguntas.
Impresionantes os xardíns.Tanto ou mais vistosos ca os de Versalllés que prendaran a D. Pio o Profesor de Francés.
Seguindo o estanque arrodeado de petreas pedras do perpiaño da zona.Andrés diante como o bon pastor marcando o camiño como corresponde.
A carreira de 10 ou 15 metros de ancho á vista de bon cubeiro permitía camiñar ao par como se aprecia.
Comvidándonos Tacón a beber da pía.Ante a falta de cartel de potabilidade limitáronse algúns a facer a ablución de mans nada mais.
Na capela do Pazo seguindo Misa e prédica de Vilariño que ademais de atenderlle ao que nos dixo,bo e breve, ao final comentamos a boa forma no que o encontramos despois do serio problema de saúde que tivo.
O que aparece no Centro é o Conde de Segorve que departiu amablemente con nós agás con Fernando Ledo por deixarlle a capela sen culto despois de catrocentos anos.Cando Fernando lle dixo que ad imposibilia nemo tenetur quedou convencido a sorriu amablemente.
No interior da Igrexa do Mosteiro de Carboeiro de arquitéctura impresiomnante e ben restaurada.Como xa había gañas de comer foi unha visita a vista de paxaro.
Xa na concomencia e cada vez mais animados polos efluvios espiritosos dos viños do Ulla e de Barrantes.En animada conversación e algo de farra tamén.
Outra panorámica.
E por último en atención ao autor das fotos pioñemos a de Enrique. Ademais por ser o único,me parece ,que aínda se mantén en activo e axuda a pagar as pensións dos demais todos.Que sexan do voso agrado e quede para constancia da posterioridade.Saúdios para todos.Rafael
P.D. Antes de rematar por tamén esta foto do mais gamberrete que nos alegrou cun aleleuia de Hendel na sobremesa e que nunca se esquece destas convivencias Por òuco o deixamos en terra por meterse no labirinto e facer trampas para saír.Agora mais nada.Deica a próxima.

miércoles, 17 de septiembre de 2014

DESCANSE EN PAZ DON LUCIANO MENDEZ PALLEIRO.
Antonio Puertas