Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

miércoles, 24 de diciembre de 2014

BO NADAL


Cos mellores desexos para todos os que entredes neste lugar. Paréceme que o mellor modo de felicitar estas festas que nos traen tantos recordos, e vivencias intensas das etapas en que se vivía mergullados nunha relixiosidade que o impregnaba todo -todo o contrario a hoxe en día-, é que vexades uns vídeos feitos “ad hoc”.
Se entrades en You tube hai infinidade deles. Estes tres teñen a virtualidade,para min, que mudan o estado de ánimo e despois de escoitalos e velos síntese un ben.
Aí quedan.




Pois nada mais que teñades unhas boas festas na compaña da vosa xente. Co afecto de sempre. Rafael
BO NADAL
Como petan na alma os nosos anos
co pasado chamando as nosas portas,
evocando sempre cos seus enganos
as vidas vividas que xa están mortas.

Por un novo ano que ven sen derrotas,
triunfando os soños…   ¡ ergámolas copas ¡
ca Paz do Nadal poñámolas botas,
turrón  e champan e viño nas roupas.

Paz para estas festas e un bo aninovo
pa aqueles homes de fortunas poucas,
xa que o Meniño está a nacer de novo

…en Belén, cos pastoriños en zocas,
levando ovellas, galiñas e ovos,
e gloria de Deus, loanza nas bocas.
 Antonio Puertas


viernes, 19 de diciembre de 2014

FELICES FIESTAS PARA TODOS.
Antonio Puertas

viernes, 12 de diciembre de 2014

FIESTRA ABERTA 4

Antes de que vos felicite o Nadal vou, seguindo a rutina, deixar uns (con permiso e perdón de D Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, por utilizar a palabra retrincos que soamente a el lle correspondeu usala) relatiños de cadanseu mes, neste lustro pasado:

””Decembro 2010

DEMAGOXIA

Palabra que utilizamos con frecuencia para dicir que alguén chega a unha conclusión que non é a única que se pode extraer dos feitos ou argumentos en que se basea. Referímonos xeralmente aos dirixentes políticos que acusan aos doutro partido como  únicos causantes de todos os males. Sabemos que o paro é consecuencia dunha serie de circunstancias que o causan e que non ten unha  fácil solución; non obstante culpamos ao Presidente do goberno, da Xunta ou ao Alcalde de ser os responsables e causantes desta desgracia.

A demagoxia consiste en apelar xeralmente aos sentimentos, amores,odios,medos e desexos que nos poden emocionar para así gañar o noso apoio frecuentemente valéndose da retórica e da propaganda.

Dentro da retórica abundan aqueles argumentos que buscan suscitar a ira,odio,vergoña,indignación,compaixón  para atraer sentimentalmente a persoa que nos lee ou escoita

A propaganda que nos invade e recoñecemos como tal é a publicidade comercial que busca abertamente que merquemos aquilo que se anuncia. Tamén existe a política que pretende mediante información,sempre parcial,persuadirnos de que co noso voto solucionaranse todos os problemas que temos.

Hoxe que difícil resulta resistir a tanta demagoxia,publicidade e retórica que nos invade por todas partes. Mais ca nunca é importante que pensemos pola nosa conta utilizando as regras dos siloxismos e da lóxica para apartar o trigo limpo das malas herbas.

DECEMBRO 2011

APROVEITAR A OCASIÓN
Nestes días andan os fumadores algo alterados e inquedos. Ven limitado o seu dereito a fumar en calquera sitio. Dun tempo a esta parte,cada vez, os que ditan as leis póñenllo mais difícil. O que isto escribe faio con coñecemento de causa. Fumou ao longo de trinta anos da súa vida. Deixeino hai dezaoito anos. Non estou arrepentido. Todo o contrario. O peor é pasar o primeiro ano completo cos seus correspondentes festexos. Despois dos primeiros meses empezas a recuperar os olores e os sabores dos alimentos que co tabaco un ten anestesiados. Iso axuda no convencemento de que a decisión de deixalo foi a correcta.
Abandonar o tabaco despois de tanto tempo non é fácil. Custa moito. Un vaise mentalizando dos danos que causa á saúde pero nunca encontra o día e vaino pospoñendo. Unha vez tomada un debe resistir. O mais difícil é os primeiros días. Canto mais tempo se manteña a decisión xa menos vai custando. Se un cae non pasa nada. Todo intento é unha vitoria. O normal é a recaída.
Estes atrancos que nos impiden fumar onde queiramos axudan a mentalizarse do danoso que é. Non estaría mal aproveitar a ocasión para deixalo. Seguro que nunca te arrepentirás.

DECEMBRO 2012

MOBILIZACIÖN SOCIAL
¿Valen para algo algo as concentracións de protesta,as manifestacións,as folgas,os paros e os demais actos de presión social?.Como con case todo hai quen pensa que si e outros todo o contrario.
Moitos pensamos que son necesarias e útiles. Informan con publicidade dos problemas sociais e como consecuencia fálase diso e todos collemos conciencia .É o paso imprescindible para buscarlle solución.
¿Pensa alguén que de non terse feito as protestas contra os lanzamentos dos hipotecados se sentarían a negociar os dous grandes partidos medidas para frear esa alarma social? De non ser polas protestas da ?Plataforma stop desahucios? non chegarían os decanos dos xuíces de toda España a dicir nun documento que non queren ser meros cobradores do frac para os bancos e pedir que muden as leis.
Nin estarían rendendo contas ante a Xustiza os administradores das Caixas se non fose polas manifestacións dos afectados pola estafa. Nun primeiro momento houbo quen defendeu que sabían o que facían. e que as indemnizacións eran legais. Hoxe teñen que depositar unha fianza,entre todos, de mais de 10 millóns de Euros.
Pois motivos non faltan. Hai que protestar pacificamente para transformar tantas cousas inxustas que non funcionan como deberían.

DECEMBRO 2013

SENTENZA PRESTIGE
Non deixou a ninguén satisfeito agás dos procesados que quedaron libres de toda responsabilidade nos danos causados.Solicitábanse 4.334 millóns de Euros para reparalos. Os informáticos que trataron o sumario,contén 266.650 follas, referiron que nunca en España se tramitou unha causa de tal envergadura. Foi redactada no idioma galego e lida ante os medios de comunicación tanto de aquí como do estranxeiro. Esta circunstancia non foi resaltada por ninguén pese a supor un acto de normalización da nosa lingua. Cando o fondo da cuestión é de tal calibre e a decepción do resultado tan grande pouco importan as formas. Se o que nos dan non vale para nada pouco importa que veña envolvido en papel de prata. De todos modos ten a súa importancia igual que o ten que teñamos cada vez mais empresas que fan a publicidade no noso idioma.

Novembro 2014
DA FUTBOLIZACION Á PODEMIZACION

Son palabras, que non se rexistran nin no dicionario da academia española nin da galega. Non tardarán en estalo pola cantidade de entradas que hai na internet. Refírense á realidade política . Chamóuselle futbolización a paixón que un sente por unha equipa e non entende de razóns. Un é do Celta ou do Depor,do Barsa ou do Madrid, ou calquera outros, para toda a vida. Gañe ou perda. Desprezamos ao contrario polo feito de selo. Caemos no fanatismo. Se o teu club vai mal a culpa é do arbitro,da prensa,do contrario ou de quen sexa

Comportamento parecido tivérono os seguidores dos partidos políticos Cada un votaba aos seus aínda que non estivese de acordo co que facían ou deixaban de facer. Os contrarios eran sempre peores. Iso explica que pese aos casos de corrupción lles seguisen outorgando o voto e a confianza.

A podemización refírese ao fenómeno recente da aparición de Pablo Iglesias. Agora o partido político Podemos que en pouco tempo, ademais do éxito nas eleccións europeas, as sondaxes electorais din que pode ser segunda ou terceira forza política. Iso explica a intranquilidade dos demais. Ninguén sabe cal pode ser o futuro de Podemos pero soamente por romper o fenómeno da futbolización xa lle deberiamos dar todos a benvida. Os que lles pedían aos do 15 M que se presentasen as eleccións debían estar contentos porque lles fixeron caso. E os que o queren matar ,nada mais nacer, son os que lle están facendo a campaña xunto co empacho dos casos de corrupción cos que, un día si e outro tamén, temos que almorzar na prensa e radio ou xantar e cear nas televisións.””


Pois deica o próximo día. Saúdos para todos.Rafael