Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

jueves, 29 de junio de 2017

Repetindo experimento
 
Toc..! Pun..! Toc..! Pun…! Non insisto porque isto está como o deixei, cun cartel de venda/aluguer na cancela.
Volvín para avisarlle ao dono ou á axencia inmobiliaria que deixara todo aberto. Os okupas terano máis doado, coa atenuante de que non usaron violencia física para entrar. O can segue alí e algo vixía, pero sabemos que sofre inanición e dorme moito; a esperanza de vida do canis canis é moi curta e ás veces, por debilidade e deshidratación, danlle desmaios, episodios normais, dado o seu estado, segundo o albéitar de cabeceira que o atende. Especialmente graves son os desmaios no mes V, cando os días son máis longos ca un día sen pan.
A verdadeira razón de volver por aquí foi Quinto, a quen lle trouxen penso e auga abundante. Emocionoume comprobar que me recoñecía, supoño que polas concomitancias etimolóxicas entre Quinto e Quinta, pois séntese tocaio, porque eu o nome non llo dixen , xa que debo ocultar identidade porque me buscan por Granada. A fidelidade de Quinto non fallou, a pesar do meu aspecto fantasmagórico e de que perdín vinte quilos pola maldita dieta a base de fume de loureiro e H2O vaporizada.
Volvendo ao conto, lin na prensa que un concelleiro granadino afirmou ter visto unha pantasma. É posible que se referise a min, que pasei unhas horas escoitando a sinfonía oloracuática do Xeneralife. E centos de persoas botáronse aos recunchos das rúas, das casas abandonadas e das naves industriais; os máis atléticos subiron ás abas da Serra Nevada, sospeitando que estaría camuflada na paisaxe nívea. Uns e outros, armados ata os dentes con espadas láser, pistolas paralizantes e amplos gañapáns. Malpoucados, parecían extras de Cazapantasmas 5.
Eu xa aboio tranquila e segura polo val do Mero, perfectamente integrada na paisaxe. As néboas frecuentes, a humidade relativa, a vexetación frondosa e as sinuosidades da paisaxe fanme case invisible; cando logre dominar a gama dos verdes, terei o acubillo perfecto para os veráns; estou facendo un cursiño na Escola Universitaria Camaleónica. Para os días do cotío logrei unha cor grisalla matizada polos raios que me queren atravesar e disipar. Non acusedes o río de complicidade na miña camuflaxe, por Deus, é un mero río. Vouvos contar un segredo: cando algúen se ocupe de Quinto, pasarei tempadas de lecer no val do Lérez e nas covas do Pico Sacro, que me poden levar ao río Ulla. Nos salóns do primeiro e nas illas do segundo compartirei animadas tertulias (espero) con fadas, ninfas e nereidas en escenarios vaporosos. De paso despisto a PEC (policía especial cazapantasmas).
Tamén vos podo contar que arrastramos a maldición de asustar á xente. Só un colega de profesión, disfrazado de milenario teixo monstroso, acadou non asustar, senón enternecer a Conor O’Malley, un rapaz de 13 anos, e a miles de espectadores nas salas de cines, grazas á mestría do director Xoán Antonio Bayona, e a Patrick Ness, que antes escribiu o libro e tamén o guión da película.
Poderá esta árbore, que cobrou vida na imaxinación de Conor, superar os problemas deste atribulado solitario?
Pechei a cancela tras de min, pendurei a saba dun amieiro e crucei a liña de sombra para entrar na área da luz, no mundo dos seres corpóreos; para exercitar os sentidos e gozar da explosión deste verán. Sentinme a gusto neste tempo, quizais porque disque este é un país de pantasmas ou fantasmas; con todo, cómpre volver ás orixes, á forma tanxible e identificable: esperando a Godot, ou que agromen os xeranios do pórtico da Quinta.
Mentres esperaba e viaxaba polos currunchos preferidos, lin:
Todo esto te daré. Dolores Redondo. Planeta 2016.
O título está sacado da terceira tentación de Xesús no deserto (Mt. 4, 9).
É una novela de intriga desenvolvida na Ribeira Sacra, con referencias toponímicas a Lugo, Ourense, Lalín, Rodeiro, Chantada, Arousa, Corme… A autora naceu en Donostia pero corre esencia de mencía e godello polas súas veas, é filla de emigrantes galegos. Mentres nos vai liando coa investigación de tres asasinatos, desfilan realidades como a homosexualidade, o amor invencible, a pederastia, a fidelidade, a soberbia e outros conflictos de pasións.
Entre os personaxes, un cura (de Nosa Señora do Corpiño), un escritor, un empresario, un prior de convento, algún marqués, un garda civil retirado…
Hai tempo que as novelas adoitan introducir palabras e frases inglesas. Esta intercala palabras e frases galegas para mellor describir os personaxes. Por este detalle merece un premio, ademais do Planeta 2016, que xa posúe.
Óense ruídos sospeitosos, non me vaian descubrir no escenario do delicto.
Que teñades bos e fantasmais días
A mesma, que haberlas hailas.