Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

lunes, 23 de julio de 2012

DIA DE GALICIA


No antevéspera do día do Apóstolo Santiago vou deixar un video que anda pola rede e que a min me gustou. Supoño que a idea estará sacada de aquel patriotismo, dos primeiros anos da ditadura, no que sobre todo os militares se escoitaban o himno nacional debían de poñerse de pe, en actitude de saúdo,mentres non remataba,fora cal fose o sitio no que se encontrasen.

Que quede constancia da importancia do día para seguir avanzando na conquista do noso destino. Como estes anos inmediatos foron nefastos para os signos propios que nos pertencen como galegos,non por iso debemos deixar de celebralo,para con forzas seguir loitando pola lingua,pola cultura e pola solidariedade social. Podedes velo aquí:
 
Aproveito para saudar a Ledo polo bo artigo,como sempre, que nos deixou. Esta tarde fun a praia,estivo aquí na Coruña un día excelente,macanudo diría un arxentino,e lendo o Pais viña un artigo co mesmo encabezamento:'Quousque tandem' | Política | EL PAÍS

 Xa ves que te plaxiaron. Pero non sería aconsellable que preitearas con Enrique Gil Calvo. Tardarías moitos anos en ter unha sentencia na que che deran a razón. Xa ves o que lle pasou a María do Carme Formoso que presentara, a un concurso, unha novela:Carmen,Carmela,Carmiña e que Planeta lla pasou a D. Camilo José Cela que,cuasi fusilándoa, no ano 1994 ganou o premio Planeta coa novela “La Cruz de San Andrés”Grazas a que tiña un fillo avogado e pelexou como un gabato contra Cela e mais Planeta e no ano 2010,dezaseis anos despois,déronlle a razón e condenaron a Planeta porque Cela xa está dando malvas debaixo dunha lousa, parecida a de Valle Inclán, no cemiterio da Colexiata de Iria Flavia.

Se tiveches a paciencia franciscana,como do Senín,de ler esa andrómena que me saíu sobre o plaxio de Cela es un vir bonus que mereces unha laudatio. Poia nada a seguir o mellor que se poida. Rafael

 


 

sábado, 21 de julio de 2012

QUOUSQUE TANDEM?

Así empezaba aquél famoso discurso de Cicerón no Senado: "Quousque tandem abutere, Catilina, patientia nostra?¨".  E digo eu, matatis mutandis,  ¿Hasta cando o noso pobo seguirá aguantando todo o que lle boten enriba os impresentables que nos gobernan?.
Calquera persoa honrada, que posúe un mínimo de dignidade, cando comproba que non pode cumplir un compromiso formalmente adquirido, polas razóns que sexan, non dubida en recoñecelo ante a outra parte, pedir perdón e quitarse do medio discretamente.  Pois da mesma maneira parece lóxico que o señor Rajoy, xunto co seu equipo, dado que non son capaces de poñer en práctica ningunha promesa do programa co que gañaron as eleccións; que se ven obligados , sexa por incompetencia ou sexa porque así llo impoñen de fora, a facer todo o contrario e afundir ao país na miseria; que era mentira que sabían o que tiñan que facer para que os mercados confiaran neste país e así iban a atallar a crise, etc. etc. deberían simplemente dimitir e que se convoquen novas eleccións; porque facer un referendum coas medidas propostas por este equipo parece inviable, primeiro porque todo son improvisacións semana a semana e polo tanto non serían capaces de presentar un programa concreto e con certa garantía de eficacia, e logo porque pretender que os pobres paguen o pato sin ter culpa ningunha da desfeita, mentras os verdadeiros culpables seguen sen inmutarse e coas alforxas cheas, garantiría un non rotundo na consulta.  Coido entonces que por decencia deberían dimitir. Pero claro aquí non dimite ninguén en ningunha institución do Estado; desde o rey hasta o último carguiño do aparato do poder, todos din que teñen a conciencia moi tranquila.
Semella que en vez de vivir nun Estado de Dereito máis ben vivimos nun Réxime. Indúltase aos políticos corruptos e proclámanse amnistías fiscais; non se piden responsabilidades a ningún dos que nos levaron a bancarrota, todo máis un relevo do cargo cando xa apesta pero nada de devolver o diñeiro que meteu no cazo.  En Islandia os cidadáns tumbaron o goberno, procesaron a todos os responsables da ruina, negáronse a que o pobo tivera que pagar a deuda contraída por aqueles incompetentes e puxeron no poder a quen agora os está sacando a flote.
Cando vexo os do PP aplaudindo no Congreso cada puñalada que o seu xefe iba cravando nos corpos dos humildes e desgraciados deste país, sinto vergoña, náuseas e profundo desprecio por ese fato de estómagos agradecidos. Pero os do outro bando non son mellores. Aquí todo se reduce a "quítate ti para poñerme eu no sitio".
Fíxose unha comunidade europea de mercaderes; a economía non está ó servicio dos cidadáns; non hai unidade política que fixe as normas, éstas son impostas polos que teñen o poder financeiro; nada se rexe por principios éticos nin se respetan valores sociais; o dogma é o neoliberalismo posto ao servicio do capitalismo salvaxe. Hay que privatizar tódolos servicios públicos no nome da eficacia económica. Que os ricos sexan cada vez máis ricos e aos pobres que lles dean.
Aguantar e calar a ver en qué queda a desfeita fainos a todos cómplices da inxusticia. Penso que non queda outra que a insumisión non violenta. Estou seguro de que o outono próximo vai ser bastante mais quente que o verán e ogallá que sirva para empezar algo novo que faga renacer a esperanza. Fernando Ledo.

TWITERS (R.G.R.)


Así se chaman unhas mensaxes,non poden exceder os 140 caracteres, que desde hai pouco mais de dous anos inundan as redes,tanto en twiter como en facebook. Son un modo de comunicación simple e curta (Suxeito,verbo e predicado con algún complemento circunstancial) que transmiten telegraficamente a idea principal e que,nos mais mozos, supoñen o meirande medio de comunicación social. Isto ven a conto polo final do que nos deixou Eduardo na súa,como sempre,interesante comunicación .Non te desanimes Eduardo. Alguén ten que ser o animador dos blogs. Onde hai dous ou sete que colaboren, con certa asiduidade xa,por si mesmos, fan que sobreviva. O de dous ou sete e tomado de aquela anécdota que atribúen a Acuña Garrido que lle preguntou o finado de D. Manuel Bugallo se estudaba moito cada día e respondeulle: Verá D. Manuel: “diariamente unas dos horas o siete”.

Volvendo ao principio remata Eduardo escribindo: Saúdos e a descansar. Sería un twiter exemplar (dicir moito coas mínimas verbas) Hai algún tempo,non sei onde, lin que a Biblia estaba inzada de Twiters. O que pasa é que os estudosos chámanlle versículos desde o século XVI. “Nihil novum sub sole”Pois indo ao rego,outra vez, ese twiter de Eduardo recordoume o que nos contaba profusamente, a tempo ou destempo,cando alguén llo preguntaba D Antonio Villasante (d.e.p.) sobre se os cóengos eran de institución divina ou humana. Sorría mostrando un dente,o primeiro premolar ou o segundo era de ouro,e con satisfacción pontificaba que,sen ningún xénero de dúbida,eran de institución divina. Os instituíra o mesmo Xesús Cristo cando, segundo Mateo 26:45 :Entonces vino a sus discípulos y les dice: Dormid ya, y descansad; he aquí ha llegado la hora, y el Hijo del hombre es entregado en manos de pecadores.” Desde ese preciso instante,conforme á teoría de Villasante quedaron instituídos os cóengos de todo o mundo incluídos os de Roma ,os De Santiago e o resto das urbes do orbe.

Os de Santiago pasarán a historia,coa súa cruz característica,a traveso das películas que se farán sobre o Calixtino. De momento xa hai un vídeo, como os que nos manda Vilariño, que realizou un coruñés do mundo da farándula Paco Lodeiro e que non será o derradeiro :Podedes velo aí:
 
Escribo para rebelarme contra o Twiter de Eduardo. Poñer un alto no descanso. Non vaia a resultar que nos nomeen cóengos de graza, aínda que sexa honorarios, e non están os tempos como para oufanarse mentres non pasa a poeira e rebulicio que levantou o roubo do Calixtino.

Para rematar hai que dicirlle a Puertas que nos conte o que pasou na procesión do día do Carme en Camariñas que houbo que pedir auxilio para regresar ao porto.

E aos demais que se asomen a esta páxina colectiva que non enfermen de medo. Levamos xa moito tempo desde que D.Mariano estivo na Coruña,en campaña electoral,onde nos prometeu a felicidade se o votabamos. Desde aquela non tivemos mais que malas noticias e desgrazas para os que van perdendo os postos de traballo e mais os mozos que son os perdedores desta sociedade insolidaria e inxusta. A ver se o Patrón das Españas, segundo a letra do himno, das dúas que cantaba Antonio Machado e Miguel Hernández, nos trae algo de alivio a tanta desgraza que veu para quedarse conforme anuncian os dirixentes que nos gobernan.
Deica a próxima e cos mellores desexos para todos. Rafael

lunes, 16 de julio de 2012


ALELUIA! Liber sancti Iacobi aparuit. ALELUIA!



Con música de Händel, do Mesías, por exemplo.
As noticias que daba Rafael sobre pistas e intento de negociación co electricista deixáronme descolocado. As novas posteriores, pasmado, pasmao. Coas entradas de Fernando e Antonio, anímome a facer algún comentario sobre a gran descuberta.
Desde o 4 de xullo de 2011 ao 4 de xullo 2012 escribiron os protagonistas un drama cómico, esperpéntico, propio do Valle Inclán máis creativo.
Amais do códice, a poli descobre un Libro de Horas, obxectos valiosos e outros incunables medievais, da falta dos cales non sabiamos nada. Atopan tamén 1.200.000 euros, uns miles de dólares e calderilla en pesetas. Tan sobrado anda o Cabido que non se entera do desfalco durante uns 25 anos. Alguén ten dito que os únicos que non sofren a depresión son os banqueiros, os curas e os toureiros.
Pero o folletón continúa: apareceu despois unha maleta con 600.000 euros substraída da catedral. Era valija diplomática para enviar aos fondos secretos do Banco Vaticano? Soa a mafia, contrabandismo, branqueo de diñeiro... Digo que soa, pero quizais non sexa o que parece.
O acto de entrega do Códice Calixtino é o clímax do sainete. O arcebispo quita peito agora.
  • Quen pode entregar algo?
  • Quen algo ten.
  • De quen é o Códice?
  • É posible que o partido gañase algún voto, din uns.
  • É posible que o partido perdese outros tantos votos, din outros.
  • É probable que a Igrexa perdese adeptos e devotos, din case todos.
O antepenúltimo capitulo do papelón será a condena do presunto culpable. En agradecemento, o indulto penal por parte do Goberno, pois o Presidente tivo ocasión de facer o segundo rescate, tras o glorioso rescate-privilexio do Reino de España.
O arcebispo, para non desmerecer, podería conceder o idulto moral mediante indulxencia plenaria especial, pois un electricista manexa divinamente os enchufes.
Ademais, o glamour do acto ben o mereceu. O mesmo Xelmírez sufriu, disque, un ataque de envexa comparando esta entrega coa que lle fixeron a el os mestres copistas-miniaturistas cando llo deron por primeira vez.
A policia pasou a cuarto plano. Sempre hai xente disposta a colgarse medallas. Non se acordan da falta de responsabilidade e de profesionalidade que exhibiron.
Saúdos e a descansar!
Eduardo.

miércoles, 11 de julio de 2012


Quencendo motores...

16  DE XULLO

Hoxe é un gran dia de festa,
cos Cazolos e o seu tambor
e tres bombas de palenque,
 comeza nosa festa maior…

¡ Tiriri…tirirí…!

Os mozos tecen os arcos
 con filigrana arredor,
como trenzando bolillos
mesturados co seu esplendor.

¡ Tiriri…tirirí…!

Os foguetes, cal asubíos,
ó ceo erguen noso fervor,
ó ver a banda pasando
con redobres de tambor.

As campás voan bourando
polo aire ca súa canción…
´É o día grande da festa,
 festa da nosa tradición.

¡ Tiriri… tirirí …!

 O pobo viste de gala,
os balcóns seu mellor brasón,
rebumbio de mozos na Praia,
e o Carmelo sorrí co son.

¡ Tiriri…tirirí…!

Xiran e xiran na ría
nosos barcos con obsesión,
e agardan a súa Patrona
a que dispoña a procesión.

¡ Tiriri…tirirí …!

O Carme bendí os mares,
peneleiros porque chegou;
ventos mareiros ca Salve,
lembranzas de quen afogou.

Estala o ceo ¡ pin, pan, pon !
  …a escape: un pasodobre español;
 agarda o xantar na mesa…
e, con presa ¡ talán, tolón… !

Verbena de Trovadores,
Pucho Boedo o seu cantor,
¡ Non hai festa coma a nosa !
¡ a nosa festa é a mellor !

Antonio Puertas

martes, 10 de julio de 2012

VIAXE A LOURDES

Pois sí, amigos, fixen unha escapada a Lourdes. O caso é que rematei o curso tan cansado que para airearme un pouco decidín fuxir de luns a venres nada máis; así non tiven que recargar a un compañeiro nin tampouco deixar ós fregueses sen Misa dominical. Xa fai tempo que me roldaba a idea de ir ao santuario francés dado que os meus compañeiros da bisbarra estiveron aló case todos nalgunha ocasión. Fixen a viaxe de "incognito", no meu coche e acompañado por un amigo tamén xubilado de Correos. Adicamos dous días e medio a percorrer as tres capitales vascas e incluso visitamos Gernika. Tamén durmimos tres noites noutros tantos hoteis de Euskadi. Teño que dicir que esta foi a parte máis gratificante da excursión. Encontramos unha xente amabilísima e moi educada, falando castelán en tódolos sitios, inclusive nas tascas donde entrabamos con frecuencia fuxindo das altas temperaturas que nos acompañaron. Con gran sorpresa vimos a bandeira de España en tódolos edificios onde estaba a ikurriña, e por igual nas tres capitais. Esto impactoume bastante, despois de viaxar po Cataluña fai un par de meses e non ver outra bandeira agás a catalana; alí unicamente vin a española nas delegacións do goberno estatal. Tamén observamos no percorrido polo interior da Vizcaia e Álava que a apariencia dos pobos rurais é de ter un nivel de vida bastante superior a ós demáis pobos rurais do Estado.
Cando pisamos territorio francés era a hora de xantar, para nós, e por un despiste meu non saímos da autoestrada en Irún para comer. Paramos na primeira área de servicio e ao entrar no restaurante dixéronnos secamente "se finí", porque eran as 13,45 e a hora de comer rematara as 13,30. Non nos ofreceron nin un anaco de pan duro; solo bebidas. Como o mesmo sucedía en tódalas estacións da autoestrada, non tivemos máis remedio que seguir hasta Lourdes a pau seco. Aló chegamos as catro da tarde con 35 graus de calor pero unha sensación de corenta e moitos polo alto nivel de humidade que disfrutan naquél pozo rodeado de pirineos. Estoicamente agardamos que chegasen as 7 do serán para que nos ofreceran algunha bazofia que cear nalgún dos poucos bares asequibles ao noso poder adquisitivo. Entre que non entendiamos a maior parte do que poñía a carta, e que o persoal non falaba español, decidímonos por platos combinados que aparecían coa correspondente foto. Total que pagamos moito máis polas cervexas que pola comida cativa e escasa. Pola contra o hotel era moi bo e refrixerado hasta o punto de ter que botar unha manta na cama para evitar un constipado; pero calamos a boca porque a temperatura non se controlaba nas habitacións e podía darse o caso de que, ao non falar o noso idioma, o remedio igual era peor ca enfermidade.  Tocante ao Santuario de Lourdes e o tinglado alí establecido, teño que dicir que me levei unha enorme decepción. Xentiña por milleiros movéndose en riadas. bastante desorden, escaso silencio, moito espectador pasivo, moito turista alleo ao tema relixioso, moito mercantilismo e bastante superstición. Non me cabe dúbida de que moita xentiña estaba alí con sinceiro espíritu de fe, pero a gran maioría non o aparentaba. A min acordábame moito a pasaxe evanxélica de cando Xesús chega ao templo de Xerusalén e encóntrase con un mercado en vez de unha casa de oración.  Non voltarei a pisar aquél lugar nin o recomendarei a ninguén. Prefiro mil veces a Fátima portuguesa. Ao día seguinte, de mañanciña, fuximos de cara a nosa terra atravesando a cordilleira por Somport e "non nos detivemos a saúdar a ninguén polo camiño" hasta chegar a Jaca; alí respiramos aire puro e xantamos como Deus manda para esquencer a miseria franchuta.
Agora que xa vos fixen rir un pouco, e cambiando de tema, ao chegar de volta á casa atópome co esperpento da recuperación do Códice Calixtino. A catedral de Santiago semella nin máis nin menos que unha igrexiña de aldea rexida por un fato de cregos paduanos que viven na inopia. Resulta que os cartos dos petos íanllos levando metódicamente o electricista e algún máis, namentras eles se conformaban coas sobras; e iso por máis de vinte anos. Semella que tales petos catedralicios son auténticas minas de ouro, xa que chega dabondo para todos. O delincuente posúe chaves de tódolos recunchos, incluíndo a chamada caixa forte e os paspáns non se enteran.  Por outra banda, e para rematar o sainete, ven o Rajoy a facerse a foto coa entrega do libriño coma si él tivera algo que ver no asunto. Claro, coa que está caendo e co seu brillante papel na marcha do país, non anda moi sobrado de oportunidades de facerse fotos optimistas. "Ubinam gentium sumus; quam rempublicam habemus", ¡Canta razón tiña Cicerón!.   Fernando Ledo.

miércoles, 4 de julio de 2012

¡EUREKA¡


Apareceu o “Códex Calixtinus”. Tiña razón o anterior dean. D .Xosé María Díaz que o que o levou sabía onde estaba, sabía do seu valor e coñecía a Catedral por dentro como se fose a súa casa.

Penso que hai veces que a realidade supera á ficción. A mellor novela que se poida escribir terá que reproducir a realidade tal como aconteceu con verosimilitude e con pouca imaxinación e o guión terá o máximo interese. Veredes como tardará pouco en haber película e mais novela histórica. E para alegrarse. Esa xoia de valor incalculable sería unha pena que desaparecese.

A arcebispo tampouco andaba moi errado cando pedía encarecidamente a quen o tiña que o devolvese. Seguramente que o que cometeu o furto lle bicou moitas veces o anelo. Mañá a prensa daranos moita información. Polo que se sabe hoxe foi unha sorte que o xuíz de garda Vázquez Taín, afeito a rexistros minuciosos para atopar a droga agochada, lle tocase a el facer o rexistro porque entre escombros mandou mirar e para sorpresa alí estaba.

Dará no futuro moito que falar e correran tinteiros de tinta. O xuízo acaparará a atención dos medios. De momento a esperar. Para a prensa ten morbo. Saúdos para todos. Rafael