Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

martes, 12 de enero de 2010

MACEDONIA III

   As achegas de Fernando (día 5) e de Rafael (do 7 e 10), con temas tan serios e ben tratados, anímanme a entrar nesa parcela da política e da doutrina eclesiásticas, que non tiña esquecidas. Será outro día.
   Hoxe estarei máis disperso, con politemas suxeridos.

Renovarse ou...?
   Creo que o blog xa non vai seguir medrando, máis ben consumíndose por unha rara enfermidade non diagnosticada. Autismo quizais non sexa, anorexia de ideas tampouco, quizais desgana para compartir ideas. Como se chama esa doenza?
   Escribín varias veces sobre o raquitismo do bebé, fixen preguntas relativas e ninguén opinou. Quizais non teñamos máis lectores ca escritores. Ainda así, compartir enriquece.

Tal cual, Rafa
   É gracioso e profundo amosar o texto de Sócrates como actual: "Eses son os nosos alumnos". Hai tempo que moitos ensinantes cargan indiscriminadamente contra os alumnos e non asumen a súa responsabilidade nin a necesidade de adaptarse aos tempos. Esquecen a súa época de nenos e adolescentes. Consecuencias: vitimismo e xeneralización da idea de que os centros son un desastre. Eses tales son inxustos con moitos alumnos excelentes e desacreditan o ensino público. Por iso me gustara tanto o artigo de Trillo sobre o labor dun profesor.

Non convén xeneralizar
   Fernando, non todos os políticos son iguais nin todos teñen a mesma responsabilidade no descrédito xeneralizado. Os principios de Goebels da transposición, da significación e do inimigo único, da esaxeración e da vulgarización, da transfusión e da unanimidade vense renovados cada día na boca dalgúns políticos e tamén periodistas. Esta estratexia resúmese no "canto peor, mellor".
  Hai que evitar a tentación de non ir votar, como detecta Rafael. Estariamos debilitando o sistema democrático e outros decidirían por nós, aproveitando as circunstancias, estratexicamente creadas coa esaxeración e a desfiguración.
   Sobre os bispos non teño tanta información coma Fernando, pero cústame crer que haxa tantos exemplares coma monseñor Camino Verde, verde en Dereito canónico, verde en moral católica, verde en lóxica e verde en respecto á Igrexa no seu conxunto. Non é vello, pero xa non creo que vaia madurar. É certo que é o voceiro da Conferencia Episcopal e do ayatolá Afónico, e que os demais están caladiños, pero non poden ter todos un perfil tan baixo.

Manuel Seco
   Non coñecía as colaboracións de M. Seco en Público, pero si un libro publicado en 2004:
     Diccionario fraseológico documentado del español actual. Locuciones y modismos españoles.
     Manuel Seco, Olimpia Andrés e Gabino Ramos. Editorial Aguilar.
Trata as unidades fraseolóxicas, que teñen por compoñentes as palabras, ilimitadas.
Na palabra Quinta trae as frases:
- Entrar en quintas.
- Ser (un) da mesma quinta (ca outro).
- Ser da (mesma) quinta (doutro).
- Compañeiro de quinta (doutro).
Quinta do 57 ten, pois, sentido metafórico, pero se se difundise moito, podería crear una variante nova da frase. Linguas, seres vivos.

Música selecta
   Regaláronme un CD  celestial de música gregoriana e polifónica, interpretada por tres curas católicos irlandeses.
Inclúe temas como Te Deum, Benedictus, Stabat Mater, Laudamus te, ou Ave verum Corpus. En inglés,
Rei de Reis, Noite de paz...
Titulo: The Priests. De Sony Music.
É un bo relaxante, escoitado cos ollos pechados e as orella abertas.

Capitalismo salvador
   Segundo a Populorum progressio, o capitalismo é intrinsecamente malo, pero é curiosa a capacidade de rexeneración e camuflaxe deste sistema, que meteu o Primeiro Mundo nunha crise monumental, recorreu á intervención dos Estados (socialismo), e agora dá fórmulas capitalistas para combater a crise capitalista. Como nos gusta o capitalismo! Acábase de inaugurar Burj Dubai (burj, palabra árabe que significa torre), con 818 m de altura, a torre máis alta do mundo, de momento, nun espazo que hai 10 anos era un deserto e nun país que ten proxectos inmobiliarios faraónicos en bancarrota.

   Acompaño a Antonio con dúas octavillas (métricas) guindadas nas rúas do nanoblog, a xeito de oración adaptada aos tempos:

 ORACIÓN (?) LAICA
Consume ben, consumista,
con sumisión e agrado,
con viño clasificado,
lagosta e bo camarón
percebe, ameixa e cigala,
pavo, pescada, ollomol:
ración de colesterol,
lenta, feliz dixestión.

Nos tempos das vacas gordas
aforrar era virtude.
Hai que cambiar de actitude.
Se escasean as fanecas:
consumismo solidario,
activar economía;
consume máis cada día,
que regalan hipotecas.

                                        Eduardo Manuel Seco

No hay comentarios:

Publicar un comentario