Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

martes, 5 de enero de 2010

XACOBEO A SACO (Ano Santo Compostelán)

 Confusión
   Seguindo o sabio consello de Rafael, de non estrear ano coa bilirrubina subida, non falarei de política eclesiástica nin lingüística, senón do Xacobeo e doutros temas.

   O Xacobeo, equipo revelación da liga ACB e marca comercial moi cara para os galegos, está afogando o Ano Santo Compostelán (Asaco) e o xubileo.
A irmandade Igrexa-poder está prexudicando, unha vez máis, os  obxectivos espirituais dun ano santo. Non ignoro o valor cultural do Camiño, Patrimonio da Humanidade; pero cando oio os políticos fundamentar no Xacobeo o seu plan estratéxico de recuperación económica para Galicia e o crecemento do PIB no 2010, paréceme estar volvendo aos tempos en  que Celso Emilio Ferreiro escribía con ironía traxicómica:

Contribución ao plan  de desenvolvemento económico*
                           (Índices estatísticos)
O meu país predilecto
limita ao norte cos ventos alisios,
ao sur cun arrabalde de Bos Aires
e co porto de Hamburgo;
ao leste con tres pombas mensaxeiras
ao nordeste coa terra de ningures.

O meu país predilecto é un emporio
de cousas nunca vistas:
os homes viven fóra da lei da gravidade
pero coñecen moi ben a lei do embude
e o principio da palanca e do fungueiro.

Un país que vive de milagre.

Produce ao ano xustos doce meses
e tres mil romarías de San Roque.
Cincocentas toneladas de lavercas,
setecentas de grilos,
vinte de bolboretas
e sete de tabaus incontrolados.

Suma e sigue:
oitenta mil arrobas de maletas,
dous mil metros cadrados de ataúdes,
sete lobos per cápita,
dez raposos por cada contribuínte
e chumbo, moito chumbo,
que exportamos,
transportamos,
soportamos.

Item máis:
cinco mil toneladas de carneiros
e un castrón por parroquia.

É que cicais non somos
un país ben desenvolvido?

Somos os segundos quilovatios do mundo
e os primeiros emporios de Europa (fóra Rusia).
A nosa industria de amolar coitelos,
navallas e tesoiras
non ten rival no Occidente.

Fábricas de corozas: setecentas.
Complexos industriais
para produción en serie de foguetes:
cinco mil, máis industrias auxiliares.
Fábricas de zocas: cincocentas.
Fábricas de albardas: outras tantas.
Fornos altos e baixos: non se sabe,
non hai datos.
Fábricas de gasosas: sete mil.
Laboratorios psicotécnicos
para o estudo do porvir
(sorte do paxariño): sete ducias.
Fábricas de serrar paus: nove mil.
Fábricas de coller puntos
ás medias das mulleres: tres mil ducias.
Empresas colaboradoras
para a colonización da patria: cen mil.

Quen dixo que o país non está desenvolvido?

*Nota: Normativicei  o poema de acordo coa morfoloxía actual. 

   A xerarquía eclesiástica déixase querer por algúns. Abonda con recordar imaxes da última apertura da Porta Santa. Algún mozo (da Quinta) andaba por alí, para dar lustre á cerimonia.

Sentirse galego
   1. Andrés, falemos galego ou castelán, hai moitas cousas que nos fan sentir galegos. Algo debe ter esta terra que disque "imprime morriña", ainda  que non temos a exclusiva, pois é un fenómeno universal.  
   2. Claro que as linguas se utilizan como instrumentos de dominación! Pero deses abusos -colonización lingüística- convén defenderse para que o delito non se perpertúe nas novas xeracións.
   3. Un non é galego, só, porque fale o noso idioma, pero é elemento esencial.
   4. O criterio de utilidade, que utilizabas para o galego, e o de rendibilidade, que aplicas ao castelán, non os nego, pero non son válidos como argumentos lingüísticos.

Cambio climático
    Celso Emilio Ferreiro anotaba nos índices estatísticos oito mil arrobas de maletas. Moitos emigrantes. Os lampros de Antonio non queren marchar, pero vanse ter que adaptar moi ben a este momento crucial: a temperatura das augas das rías galegas está subindo 0,2º C por década. No 2008 rexistráronse máximas de 24º C; no 2009, de 26º C, fronte aos 20º C dos anos anteriores.
Os peixes adáptanse relativamente ben cambiando de augas, pero os mariscos fixados á rocha nai son moito máis vulnerables. É un perigo a longo prazo, pero moi grave.
Os lampros (por certo, que son?) ou emigran ou mercan ataúdes, industria tamén florecente -dous mil metros cadrados- na vida de Celso Emilio e do Xa copeo 2010.

                              Eduardo Seco

P.D. Acabo de recibir información confidencial de que alguén vai recibir toneladas de carbón, porque:
     - Uns teñen poucas ganas de compartir ideas.
     - A outros lles dá a Real Maxia.

                               

No hay comentarios:

Publicar un comentario