Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

sábado, 29 de enero de 2011

Onde está Deus? (Andres GV)

Voume permitir remedar a Antonio Puertas e contar unha anécdota que me aconteceu cando me examinaba de ingreso en Belvís. O sucedido non é conto que é histórico. Entre as preguntas, como conta Puertas, había as de catecismo. Un dos examinadores, do que a penas podo dar referenzas, preguntoume:
- Onde está Deus?
A miña resposta foi segura e firme:
-Deus está no ceo, na terra e en todas partes.
O examinador miroume inquisitivo e preguntoume cun medio sorriso:
- Tamén está no inferno?
Se aos meus once anos puidese sospeitar sequera o que hoxe sei, diríalle que non, porque o inferno é precisamente a ausencia de Deus. Pero eu tiña daquela once anos e todo era máis simple. Como xa respondera "en todas partes" non podía volverme atrás e dixen:
- Si. Tamén no inferno.
Pensei que a cuestión estaba esgotada e que o examinador pasaría a outros temas, pero insistiu cunha pregunta sorprendente: 
- E que fai Deus no inferno?
Non tiven máis remedio que aceptar a miña ignorancia:
- Non sei.
Daquela o examinador (creo recordar que se chamaba Ferreiro, de pelo entrecano e abundante, pero nunca maís o volvin ver) sorriu e espetoume esta conclusión: 
- Está atizando o lume, ho.
Esta anécdota do meu exame de ingreso volve a min cada vez que se "actualiza" ou fai noticia a interpretación dos "Novísimos". Por fortuna, creo que o sorriso do examinador lle retiraba forza ao disparate da súa conclusión  e nunca cheguei a crer que Deus estaba no inferno, senón máis ben ao contrario. De xeito que xa no tempo, na historia humana, a negación de Deus introduce "infernos" na vida das persoas.  Creo, incluso, que esa anécdota me predispuxo a comprender mellor a realidade simbólica das imaxes con que acompañamos os conceptos da escatoloxía cristiá e non temer senón esperar a plenitude da vida máis alá da morte. 



1 comentario: