Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

jueves, 17 de septiembre de 2009

BENVIDA A LUIS

Saúdos a todos neste tempo de novena anterior a xuntanza anual. Agradecidos ao noso anfitrión,D. Rafael Garcia Pais coñecido entre nós ,de modo familiar e cariñoso ,por “pirrakis”, que nos preparou un programa de festexos digno dunha corporación egrexia e ilustre como é esta quinta do 57. Non esquezo o labor magnífico de intendencia que realiza o noso Andrés e os seus valiosos colaboradores sen os que sería difícil ou imposible irmandar estes acontecementos.

Dito isto merece que lle demos a benvida a Luís que xurdiu, como un trebón neste parladoiro, mostrando alento,azo e folgo como para parar un tren. Será un traballador infatigable neste arte da comunicación tendo en conta a súa intervención de presentación. Despois de mais de 40 anos sen noticias súas, a non ser o que nos dicía o irmán Antonio, cando lle preguntabamos por el,é un pracer saber del e ademais que se mostre entusiasmado con estas modernas formas de comunicación. En realidade é case a metade dunha vida de ausencia.

Tempo teremos de contrastar as opinións que nos presenta sobre o galego, a súa utilidade e e o seu futuro, o inglés novo esperanto mundial,(Castelao estaba en contra do esperanto tan admirado porque ía rematar coa torre de Babel, dicía que coidado con descender na escala animal e pasarmos a irracionalidade xa que os can e os lobos ladran e ouvean igual en Terra Nova que na Patagonia) a función pública e os funcionarios e se é bo que haxa moito estado ou pouco. Neste tempo de prefesta non sería oportuno nin conveniente que nos enredásemos en intercambiar ideas sobre se son churras ou meiriñas. Hoxe corresponde, amigo Luis, congratularnos de terte entre nós e desexarche o mellor a ti e os teus.

Eu cando sei que algunha parella ten tres fillos éncheme de ledicia. Nos temos un e, xunto convosco, xa me sento aliviado .Polo menos estatisticamente, nun futuro, non seremos mais nin menos.

Dinos: segues sendo tan roxo ou rubio?.Eu a imaxe que teño túa é de seres un mozo cun pelo albino. De feito algúns referiámonos a ti como o rubio. Ti xa nos verás na foto que colen aquí da xuntanza deste ano.Tampouco, seguramente, te recoñecería.O tempo non pasa de valde.Deixa a súa pegada.

Cónstame que moitos len ou mandan que lle busquen este curruncho. Os menos ousados deben atreverse. Como di Eduardo pouco e pouco a criatura irá gañando peso e robustecéndose chegando, co tempo, a ser unha moza louzá e de bo ver , saber e lembrar. O que teña ideas para mellorar que as expoña. Non penso que desapareza. Aquí na Coruña temos a experiencia do “Ideal Gallego” que nunha época saía á rúa practicamente polo denodado esforzo cuasititánico de Ezequiel Pérez Montes. A información era sempre asignada por este periodista ven co seu nome seguido das iniciais dos apelidos, ben pola inicial do nome e segundo apelido ou polas iniciais de nome e apelidos. O resto eran noticias de axencia, editos e publicidade. Así sobreviviu varios anos e logo acabaron vendendo a cabeceira por 1 peseta. Hoxe mércase pouco pero segue no mundo da prensa. Quintado57 tamén sobrevivirá e cada vez terá mais colaboradores. Podemos falar de que xa ten unha multitude de relatores e lectores. Tempo ao tempo.


O Sábado seguiremos na Guarda coas nosas lerias e as nosas teimas. Deica ese día. Luis o que te perdes ¡ Un ano tes que vir xa que hoxe non hai distancias. Para os mozos é certo que o mundo é unha aldea. Nunca tivemos,con iso dos intercambios universitarios, unha mocidade tan viaxada e con tanto mundo visto. Saúde e sorte para todos e para as vosas familias. Rafael Garcia Ramos

Facendo lei do costume non pode faltar a

Información legal: Hoxe vai ser sobre a Lei Concursal.

Con isto da crise faise moita referencia a ela. Desde o 1 de Setembro do 2004 relevou as antigas Leis de Suspensión de Pagos e Lei de Quebras. Antes se unha empresa tiña mais activo que pasivo (o seu patrimonio era superior ás débedas) e non podía facer fronte a unha obriga de pago, debía solicitar, ante o Xulgado, a suspensión de pagos. No caso de que o pasivo fose superior ao activo(deber mais do que vale o que que se ten) tiña que solicitar a creba.

Había que facer unha lista de acredores e das cantidades que se lle debían e outra dos bens que se tiñan e se a xunta de acredores che facía unha quita (reducir a débeda) ou unha espera (pospoñer o cobro no tempo) a empresa podía seguir funcionando se e era viable economicamente a xuízo dos interventores que nomeaba o xulgado. Se non había que liquidar o patrimonio e repartilo conforme a uns criterios entra os acredores.

Hoxe a Lei Concursal: 22/2003 de 9 de Xullo, se tedes interese podédela ler en internet, ten como grande novidade que tamén se poden acoller a ela as persoas físicas se están agoniados por as débedas. Antes do 2004 non podían. Para as persoas físicas e tamén para as empresas ten moitas facilidades e pensa na subsistencia do patrimonio empresarial e persoal antes que na desaparición. Por iso se acollen a ela tantas empresas. Persoas físicas menos pero cada vez mais. E unha lei moderna. Non unha antigalla como eran as anteriores. Dirédesme como se unha persoa se non ten para pagar as débedas se vai ao xulgado e a gastar en avogados e procuradores. Para iso está a xustiza gratuíta e os avogados e procuradores de oficio. Diso direivos algo a próxima vez.


Nota Brava: Cando ía poñer isto no blog vin a achega de Eduardo. Moi ben. E de xustiza que honremos a quen tamén o merecía e por ignorancia, a veces escusable e outras inescusable, mantivemos esquecidos. Confirma que este medio de comunicación interna terá longa vida. Rafael

No hay comentarios:

Publicar un comentario