As achegas de Rafael son para ler máis dunha vez. A última (7-03) é un compendio de pasado simpático, de presente interesante e apunta a un futuro que pode mellorar o presente.
Pasado
Hoxe chupo roda porque non teño moito tempo.
Eu lembraba e repito ás veces "flores apparuerunt in terra nostra", pero xa esquecera que era frase do Cantar dos Cantares e do padre Isla. Recordo, en cambio, que a repetía sempre don Xoán Xosé Cebrián cando se achegaban os exames de maio, para convidarnos a apretar os cóbados.
Do Buscón recordo a dómine Cabra, claro está, e ao pobre Pablos, que no credo dicía "padeceu baixo o poder de Poncio de Aguirre, por ter xurado non volver insultar a este, despois dunha solemne berradura. Se estabamos cerca na misa Tacón e algún outro, sempre nos cruzabamos algún sorriso cómplice neste momento do Credo. Enganabámonos adrede e eu aínda repito o erro de cando en vez.
Presente
Paréceme moi oportuna a contraportada da Opinión sobre a visita do Papa, o Ano Santo e o Xacobeo. Xa comentei algunha vez a perigosa confusión de obxectivos. A "xeral compracenza" é explicable, pero sóame algo a papanatismo mediático. Divírtenme bastante os saltos de alegría do conselleiro de Cultura, a emoción profunda do Presidente e a celebración sinxela que anuncia o arcebispo. Tamén o afán de moitos por saír na foto, a composición da comitiva oficial e a ocupación hoteleira para ese día en Santiago. Relixión mediática? Economía asfixiada? Todo revolto?
Paréceme lamentable que o Estado Vaticano non teña asinada a Declaración dos Dereitos Humanos desde 1948.
Tampouco se pode entender que a muller siga tan relegada na Igrexa. Hoxe é 8 de marzo e reivindícanse os seus dereitos. Non será de certo a encarnación do demo que nos tenta con liñas curvas?
No artigo de Celso Alcaina (citado por Rafael) sobre don Manuel Espiña aparecen notas curiosas:
- Don Manuel convidou a Celso a pasar uns días no Cebreiro para desagravialo pola inxusta exclusión, por heterodoxa, da achega de Celso para o libro Todos irmáns, vodas de ouro, un exemplo de intransixencia e dogmatismo cun irmán e compañeiro de maxín prodixioso.
- D. Manuel lamentaba que a Igrexa galega non fose galega.
- D. Manuel foi o mentor espiritual do admirado Moncho Valcarce, compañeiro noso en Filosofía e Teoloxía, castigado por denunciar "unha educación arcaica e submisa" no Seminario de Santiago.
- Outeiro de san Xusto. Escolma I foi publicado no 2008. Agora xa teño claro que non era a carballeira.
No prólogo o autor fala de valoración da nosa Igrexa na sociedade. Divide os opinantes en catro grupos. O terceiro está formado por "aqueles que nos consideramos Igrexa e sentimos dor por ela, pola súa imaxe negativa".
- Tamén conta que don Manuel se refería a Deus como Pai-Nai, co escándalo conseguinte.
É moi interesante o artigo de Xesús López Fernández sobre o falecido. En Google.
Futuro
O futuro estase deseñando, de nós depende que apareza unha verdadeira primavera, a de "flores apparuerunt" e de "tempus putationis advenit".
Eduardo Seco
No hay comentarios:
Publicar un comentario