Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

domingo, 21 de marzo de 2010

ETNOGRAFÍA ESPIRITUAL 2.

Aniversario oficial / oficioso
   Sobre o aniversario oficial ou oficioso, o certo é que desde o 14 de marzo de 2009 empezamos a coñecernos mellor e a deixarnos coñecer; un tempo no que fomos axustando sintonía, tono e temas. Na fase do blog voces interesantes deixaron de participar, outros vanse descolgando; cada un está condicionado polas súas circunstancias.
   Como présa non hai, podemos celebralo, Rafael, o 1 de San Xoán. Podemos celebralo cunha participación masiva, cun solemne cabodano (funeral de moitos cregos) ou entregalo en adopción, porque a criatura padece raquitismo. Ata podemos levalo ao Corpiño (Silleda) a ver se se lle quita o tangaraño. Merece ser abeirado no desván dos monxes, curas e ex seminaristas?

Tempos de carraca
   A carraca volverá soar na catedral de Santiago. O Vaticano II liberou as igrexas da obriga de facer soar as carracas no triduo sacro. O cabido da catedral de Santigo acordou restaurar agora o artiluxio sonoro que lle dá nome á torre esquerda da fachada, mirándoa de fronte, despois de máis de 50 anos de silencio. O iniciativa supuxo 57.000 € pagados polo Xacobeo e o Consorcio de Santiago, cruz do santo André de madeira de carballo das Nogais, 200 quilogramos a 70 m de altura.
   Etnograficamente parece unha proposta interesante. O simbolismo é fermoso: a campá representa a Cristo e o ruído da carraca representa o tremor da Terra pola morte de Cristo. Pero partindo do cabido, podería ser un acercamento inconsciente a Trento e un esquecemento do último concilio, como sucedeu coa recuperación da misa en latín e de costas ao pobo.
   Eu lembrei os tempos en que os rapaces, coa nosa carraca ou roncha portátil, faciamos tabletear a lingüeta sobre o eixe dentado con devota ira na misa do Xoves Santo. A recuperación levará turistas a Santiago no Semana Santa e os artesáns da madeira aumentarán o traballo, se se pon de moda o instrumento musical portátil.
   Será unha batalla máis gañada polo tradicionalismo retro da Igrexa?

Babel porteño
   Aledoume o proxecto Babel porteño da Biblioteca Xulio Cortázar de Buenos Aires. Será iniciado coa apertura dunha sección que levará o nome Rosalía Castro, formada por 900 libros galegos. O proxecto pretende enriquecer a biblioteca porteña con libros nos idiomas empregados polas distintas nacionalidades que alí conviven.
   A nova contrasta coa proposta de ofrecer un pacto pola lingua, pacto que xa había desde o Plan de Normalización Lingüística do 2004, aprobado por unanimidade, e roto agora unilateralmente en contra da opinión de case todos os que opinan. En vez do pacto inútil, mellor sería "recuar e abandonar a demagoxia para cerrar un conflito unilateralmente aberto por puros motivos electorais", en palabras de Xose L. Barreiro. Ademais, é conflito artificial, inexistente.

Pacto polo rexuvenecemento   
   Este pacto, proposto tamén no Parlamento, ¿significa que Galicia é un país de xubilados e que dependemos dunha inmigración que nos dea sangue e xuventude? A cambio, novas cores, novas culturas, novos deuses e novas relixións. Non será competencia desleal á rede de romarías que tan ben nutren a nosa etnografía espiritual?

Aproximación á etnografría
   Etnografía espiritual, segundo Xesús Taboada Chivite, é a ciencia que estuda os elementos culturais de tipo espiritual, indispensables para coñecer  a alma dun pobo: aquelas crenzas, coñecementos, ritos, usos sociais, métodos de traballo e producións útiles, literarias ou  artísticas que un pobo posúe en común por tradición, e que se transmiten de xeración en xeración por tradición, independentemente da clase social. É a tradición viva, moitas veces vivente e tamén operante. Para coñecela, hai que afondar nas súas crenzas, na súa relixión e na súa linguaxe; hai que se meter na súa pel para ver e interpretar o mundo cos seus ollos, porque hai que traspasar as aparenzas, as evidencias, e desde o concreto, desde o fraccionado, chegar ao sistema, á filosofía con que tal pobo encara a vida.
   É difícil achegarse á etnografía de calquera comunidade cando se trata de manifestacións espirituais que admiten interpretaccións diversas. Máis complexo resulta o propósito se o pobo descrito está en profunda transformación por efecto da civilización actual, que provoca comportamentos diferentes aos doutras épocas.
   Moitas crenzas e prácticas están en franca regresión e resulta moi subxectivo describir a situación etnográfica espiritual. Agrávase o tema ao ter que xeneralizar, porque Galicia é poliédrica e cada pequena comunidade crea a súa propia cultura específica. Así pois, é moi discutible a utilización dos tempos verbais en pasado ou en presente, xa que os matices adquiren categoría de substancia.
   Imposible facer aquí unha radiografía sincrónica, só uns apuntamentos por un percorrido diacrónico que axude a interpretar a alma colectiva de Galicia, que se foi forxando cos séculos.
   Para Antonio Fraguas, Galicia é un país vello, cheo de encantamentos, porque o misterio desta terra se presenta en todos os camiños e ninguén debe sentirse alleo ao seu encontro, tan só precisa esperar a que o misterio pase. 
   Escribía Unamuno a propósito de Galicia: "Debeu de ser alí moi longa e moi entrañable a convivencia entre o home e a terra". Para conservar ese mundo, o paraíso unificado, o galego faise veciño de moitas terras e falante de moitas linguas.

   Cando volve e recoñece desde o mar a paisaxe cambiante, canta:
 Vexo Vigo, vexo Cangas,
tamén vexo Redondela;
vexo a ponte de Sampaio
camiño da miña terra.

A ausencia da terra nótase a miles de quilómetros e a distancias máis curtas, abonda con que cambie o perfil do horizonte:
Vámonos para Aguasantas,
miña cariña de rosa;
vámonos para Aguasantas,
que esta terra non é nosa.

A ausencia do lugar produce un sentimento doloroso e amargo por non poder estar na casa ou na terra propias. Por iso Rosalía Castro pide axuda ao vento, alento e vida, axuda para volver ao seu mundo:
Airiños, airiños, aires,
airiños da miña terra;
airiños, airiños, aires,
airiños levaime a ela.

Esta soidade exprésaa Rosalía lembrando o espazo que posúe:
Miña terra, miña terra,
terra onde me eu criei,
hortiña que quero tanto, 
figueiriñas que plantei. 

A comuñón entre paisaxe e persoa, o sentimento da terra exprésao así Castelao: "O vicio da raza lévanos lonxe do mar, da terra mesma que nos dá forza, sen que en ningún sitio encontremos descanso ás nosas tristezas; e cando cansados da loita non podemos ir a diante, sempre temos o camiño de volta que nos tira cunha forza misteriosa".

                   Eduardo Seco



No hay comentarios:

Publicar un comentario