Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

lunes, 7 de junio de 2010

Ei carballeira!!! Aturuxos na casa a discreción

Licor café
   Para completar unha comida tan enxebre como a servida por Rafael, nada mellor para prolongar a sobremesa ca uns chopiños de licor café caseiro. Darei a receita (estilo Ribadavia).
   Acredito que é moi bo para a  hipertensión. Para o propietario da presión arterial acelerada, teño algunhas dúbidas, pensando nos ingredientes: alcohol, cafeína e azucre, tres drogas distintas e unha dinamita verdadeira. O virtual, coma este,  creo que non ten efectos secundarios. Podedes, pois, servirvos vós mesmos.

Música-sesta
   E para unha tertulia de sobremesa, levitando entre o sono, a vixilia e a conversa amigable, propoño a música de Interseccións. A ollada de Novoneyra: unha actuación poético-musical que escoitei hai uns días. É o resultado dun proxecto conxunto de Emilio Cao e Novoneyra. Interviron Emilio Cao, voz e arpa; Manuel Gutiérrez, piano; Carme Rei, voz; e Branca Novoneyra, filla do poeta, recitadora. Co poema Convocado falo por vós, tan difícil de ler, na voz de Branca viaxábase polos tempos dos troveiros líricos medievais, séculos XII e XIII, que converteron o galego na irmá maior das linguas románicas.
Outro día, o poema, para non vos cansar.

Camiño de volta
   Gústame a noticia de Fernando de peregrinar de Santiago ao Cebreiro. Paréceme unha metáfora do conveniente: nadar contra corrente, evitando ser arrastrado. Ese camiño invertido permitirá observar paisaxes físicas e humanas desde a perspectiva persoal e crítica.
   Unha Salve entoada nun lugar tan mítico do Camiño Francés, e a carón do Santo Grial, fará ferver o sangue e revitalizará o coro de Arnois e acompañantes.

Ton-ton-tómbola
   Toda festa ten unha tómbola. "Premio para el caballero". Un despertador* para Andrés por ter descuberto o erro sen estar prevido. Así reaccionaría un ex compañeiro que, cando algún alumno lle cazaba un gazapo, felicítábao e poñíalle un positivo  (+), que subía a nota final de bimestre.
   Puido ser unha travesura da rúa Traviesa, perpendicular da rúa da Universidade e cerquiña da praza de frei Luís de León, onde me aloxaba.
   As neuronas, ás veces, fan conexións en falso que nin se detectan no repaso corrector. Eduardo Punset sabería explicar moi ben o lapsus. Eu non, pero si pedir disculpas.
* Que significa despertador na xerga dos charlatáns de tómbola?

Agasallo vital
   Sentinme moi ben premiado, e non necesito máis, ao verme excluído da lista de santos do feliz  cabodano. Vivimos nun val de bágoas, pero non teño ningunha présa por abandonalo. Grazas, Antonio.

Onde está a paella?
   A tardanza na resposta á invitación  xenerosa de Andrés pode obedecer a non termos  fixado o calendario para esas datas, días cargados, normalmente, de acontecementos familiares. Ese é o meu caso.
  A ver se nos animamos, polo menos os lambóns, coa música do xogo infantil Matarilerilerón:

Ambo-a-gé
Matarilerilerile
Ambo-a-gé
Matarilerilerón.

Onde está a paella?
Matarilerilerile.
Onde está a empanada?
Matarilerilerón.

Na casa da avoa,
matarilerilerile.
No lugar de Visantoña,
matarilerilerón.
Chimpón!

Fotos
   Chucho, cando te animas a ensiñarnos algunha foto da túa cámara "diabólica"?

                           Saúde. Eduardo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario