Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

martes, 31 de mayo de 2011

MOVEMENTO 15 M


Antes de nada, por se me esquezo, debo felicitar aos Fernandos que están hoxe de días. Fernando Ledo e Fernando García Ferro. Tal día como hoxe era un día grande. Día de festa. Comiamos con viño. A disciplina relaxábase. Grandes recreos. Poñían cine. Non faltaban uns curtos de Stan Laurel e Oliver Hardy que moita risa nos daban. Tempo pasado de feliz memoria polo menos para min e penso que para todos.

Indo ao anunciado arriba comentarei algo. E difícil,xa que é un tema que leva 15 días xustos xerando noticias. Cousa nada fácil nestes tempos en que unha noticia que resista dous telexornais xa ten unha gran potencia informativa. O día 20 pasado eu escribira isto. Como segue tendo actualidade e reflexa o que pensaba aí queda tamén.

Unha data mais que pasará,como mítica, ao noso imaxinario colectivo. Igual que o 25 de Abril, o 20 N, o 15 Iota, o 23 F, o11 S, ou 11.M. Quen lle diría ao vello mozo, Stéphane Hessel, 93 anos, membro da Resistencia Francesa,torturado pola Xestapo, un dos redactores da Declaración Universal de Dereitos Humanos, en 1948, que se incorporaron aos ordenamentos xurídicos de medio mundo,que o seu libriño de 24 páxinas: INDIGNÁDEVOS, ía orixinar un movemento de indignación que xa se coñece no estranxeiro como “The spanish revolution”? Estes días anda contento.

A concentración na Porta do Sol,de mocidade en principio,pero á que mais tarde se incorporaron xentes de todas as idades e condicións, que se foron estendendo a medio cento de cidades en toda a península, foron a noticia coa que abriron estes dias as televisións e primeiras portadas dos periódicos mais importantes de España, Europa e América.

A indignación que pola situación económica, social,política e laboral sente tanta xente é importante que tomemos todos conciencia dela e aportemos ideas e alternativas para atallala. O primeiro paso parece que está dado. Sería moi bo para todos que de aquí saísen unha serie de iniciativas e reclamacións que, en principio todas as forzas políticas ,económicas e sociais,polo que din, están dispostas a acoller.

A semente xa prendeu. Acaba da nacer unha plataforma representativa do sentir xeneralizado. Debemos coidala e colaborar facéndolle caso ao que nos dicía o homenaxeado polas letras galegas,este ano, Lois Pereiro, hai poucos días: “quen teña tempo, enerxía, e desexe facer algo, que vaia propoñendo algo... (por exemplo)”.

Hoxe sego a pensar que é un movemento que marcará o inicio dunha nova época. Que non é unha algarada de catro descontentos. Hai un pensamento alternativo ben artellado que pouco a pouco vai calando na sociedade actual como o fermento na masa e que acabará tendo os seus resultados. Non podería ser doutro modo.
Gustoume moito esa entrevista que lle fixeron hai poucos días a Eduardo Galeano pola súa frescura.
E admirable que despois de vivir setenta anos se poida manter esa xuventude e pensamento tan engaiolante e cativador. Se queredes saber mais deste home de grande humanidade e intelixencia mirade aqui:
Eduardo Galeano - Wikipedia, la enciclopedia libre

E por hoxe nada mais. Aproveitade o que queda de primavera que este ano veu con boas trazas, quentiña a farturenta. As cereixas do val do Jerte son moi sabedoras. Xa chegaron as primeiras. Non podo rematar sen dicirlle ao noso poeta Puertas que sentimos que perdera ao seu can que tan boa compaña lle facía. Que o tempo de duelo pase pronto e que atope outro cadelo que,con seguridade, lle vai a dar tantas ou mais satisfaccións cás que lle dou o que descansa nas augas de Camariñas.Deica a próxima. Rafael

No hay comentarios:

Publicar un comentario