Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

lunes, 2 de mayo de 2011

Non hai escusa
Despois da entrada de Rafael (27-IV), despois da chamada dun paterfamilias que convida os membros desta singular familia, non me quedan argumentos para non corresponder.

Indignémonos?
Hai anos, décadas, que sobran motivos para indignarse, sen perder a dignidade, entendida a palabra en sentido etimolóxico. Stéphan Hessel parece estar libre de sospeita. Está moi ben ler o libro. É urxente indignarse de verdade, comprometerse e reaccionar, pero non confundamos o inimigo.
   Cando os apocalípferos* de sempre piden rebelión, ao estilo árabe recente, estalido social, revoltas nas rúas, éntrame a sospeita porque afirman simultaneamente unha cousa e a contraria, condenan as consecuencias e aplauden as causas. Non vou poñer exemplos, pero non me refiro ao club branco, braquísimo, que ten un futuro inmediato mouro, mouriño. Tampouco ao Papa que quere loitar contra a vasura acochada debaixo das alfombras e beatifica con premura insólita a Xoán Paulo II. Torres Queiruga di que é precipitado;  outros, que é un branqueo da permisividade e do ocultamento. E na praza de San Pedrro xa se oía: "Santo súbito".
   Volvendo ao tema central da contradición económica, viaxamos polo túnel de Ernesto Sábato e non é fácil ver luz. É doado, en cambio, deixarse deslumbrar pola falsa luz dun vagallume que só brilla na escuridade.

Anécdota con valor de tese
Lin hai pouco unha anécdota que me parece acaída para aquí. Viaxaba nun taxi Bryce Echenique por México, DF. Cansado de ver en todas partes o cartel publicitario: "Corona, a cerveza de barril embotellada", comentaoulle ao txista: "Isto non é posible, se é de barril non é embotellada".
   O sabio taxista respondeulle: "Es lo mismo, no más que diferente". 
Paréceme unha metáfora da burbulla que habitamos, do planeta da contradición. Esta perversión lóxica e moral de afirmar unha cousa e a contraria é grave, pero é máis grave que este discurso se acepte con naturalidade, como se perdesemos a capacidade de enfrontar opostos. 
   O problema é, ademais, que nos indignamos por barrios e segundo a quen lle toque. Está ben unha indignación masiva, pero sempre hai unha desculpa evasiva.
   Creo que Manuel Vicent explica ben esta idea:

Bacterias inadaptadas
Descendemos da bacteria e compartimos con ela 5.000 xenes exactamente iguais, que veñen sendo a cuarta parte. Non existen seres superiores nin inferiores, todo depende da súa capacidade para adaptarse ao medio. Esta cualidade chámase intelixencia. Desde a primeira bacteria, nacida nunha poza, ata Obama, que conseguiu cazar a Bin Laden, cada un fai o posible por sobrevivir, todos formamos unha familia chamada vida. Non hai moita diferenza entre Einstein e as pulgas do seu can.
   A etoloxía humana móstranos unha característica exclusiva: o odio, que non compartimos co resto dos animais. O odio é un desequilibrio do espírito. O máis refinado é o odio teolóxico que establecemos  os seguidores das tres relixións monoteístas: guerras santas con ríos de sangue.
   No noso país dáse un rancor autóctono, o da estirpe de Caín, o odio entre políticos: o debate entre adversarios converteuse nun enxamio de odio persoal, nun modo de entrar a matar contra a bancada de en fronte.
   Pensarían as bacterias que esta loita política é falta de intelixencia, incapacidade para adaptarse ao medio. Unha maioría opta por ver o rancor ideolóxico, desde a grada, como un espectador. É un recurso para sentirse a salvo? Para non indignarse? Para non comprometerse? Para non reaccionar?
   A Semana de Filosofía  de Pontevedra tratou este ano a mentira, a manupulación da realidade desde distintos ángulos, incluídos os medios de comunicación.

Repensar o mal
Vin o vídeo recomendado por Rafael sobre o libro de Torres Queiruga. Fixera a mesma síntese nunha conferencia pronunciada en Pontevedra antes de publicar o libro. Parece que non di nada grave, pero dálle un revolcón á teoloxía ou ao xeito de explicala ata agora. Realmente o que fai é sacar conclusións lóxicas dunhas premisas. É contraditorio "un Deus que consiste en estar amando" cun Deus que castiga e se vinga dos pecadores. Procura non caer en contradiciónn teolóxica. Igual ca un Deus xusto, que tratamos de comprar con recomendacións directas ou a través dos santos; isto último non o dixo Andrés, é ocorrencia miña.
   Ese é o camiño para repensar a teoloxía e recuperar a salvación. Tamén fala con descaro da necesidade urxente de que a Igrexa asuma a democracia e escoite máis o pobo, que tamén está asistido polo Espírito.
   Sobre galego e coloquialidade deste blog falarei outro día, se cadra.

* Apocalípfero: persoa que leva a destrución no ADN mental. DESP.

               Saúdos.
               Eduardo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario