Repetindo experimento
Toc..! Pun..! Toc..!
Pun…! Non insisto porque isto está como o deixei, cun cartel de
venda/aluguer na cancela.
Volvín para avisarlle ao
dono ou á axencia inmobiliaria que deixara todo aberto. Os okupas
terano máis doado, coa atenuante de que non usaron violencia física
para entrar. O can segue alí e algo vixía, pero sabemos que sofre
inanición e dorme moito; a esperanza de vida do canis
canis é moi curta e
ás veces, por debilidade e deshidratación, danlle desmaios,
episodios normais, dado o seu estado, segundo o albéitar de
cabeceira que o atende. Especialmente graves son os desmaios no mes
V, cando os días son máis longos ca un día sen pan.
A verdadeira razón de
volver por aquí foi Quinto, a quen lle trouxen penso e auga
abundante. Emocionoume comprobar que me recoñecía, supoño que
polas concomitancias etimolóxicas entre Quinto e Quinta, pois
séntese tocaio, porque eu o nome non llo dixen , xa que debo ocultar
identidade porque me buscan por Granada. A fidelidade de Quinto non
fallou, a pesar do meu aspecto fantasmagórico e de que perdín vinte
quilos pola maldita dieta a base de fume de loureiro e H2O
vaporizada.
Volvendo ao conto, lin na
prensa que un concelleiro granadino afirmou ter visto unha pantasma.
É posible que se referise a min, que pasei unhas horas escoitando a
sinfonía oloracuática do Xeneralife. E centos de persoas botáronse
aos recunchos das rúas, das casas abandonadas e das naves
industriais; os máis atléticos subiron ás abas da Serra Nevada,
sospeitando que estaría camuflada na paisaxe nívea. Uns e outros,
armados ata os dentes con espadas láser, pistolas paralizantes e
amplos gañapáns. Malpoucados, parecían extras de Cazapantasmas 5.
Eu xa aboio tranquila e
segura polo val do Mero, perfectamente integrada na paisaxe. As
néboas frecuentes, a humidade relativa, a vexetación frondosa e as
sinuosidades da paisaxe fanme case invisible; cando logre dominar a
gama dos verdes, terei o acubillo perfecto para os veráns; estou
facendo un cursiño na Escola Universitaria Camaleónica. Para os
días do cotío logrei unha cor grisalla matizada polos raios que me
queren atravesar e disipar. Non acusedes o río de complicidade na
miña camuflaxe, por Deus, é un mero río. Vouvos contar un
segredo: cando algúen se ocupe de Quinto, pasarei tempadas de lecer
no val do Lérez e nas covas do Pico Sacro, que me poden levar ao río
Ulla. Nos salóns do primeiro e nas illas do segundo compartirei
animadas tertulias (espero) con fadas, ninfas e nereidas en
escenarios vaporosos. De paso despisto a PEC (policía especial
cazapantasmas).
Tamén vos podo contar
que arrastramos a maldición de asustar á xente. Só un colega de
profesión, disfrazado de milenario teixo monstroso, acadou non
asustar, senón enternecer a Conor O’Malley, un rapaz de 13 anos,
e a miles de espectadores nas salas de cines, grazas á mestría do
director Xoán Antonio Bayona, e a Patrick Ness, que antes escribiu o
libro e tamén o guión da película.
Poderá esta árbore, que
cobrou vida na imaxinación de Conor, superar os problemas deste
atribulado solitario?
Pechei a cancela tras de
min, pendurei a saba dun amieiro e crucei a liña de sombra para
entrar na área da luz, no mundo dos seres corpóreos; para exercitar
os sentidos e gozar da explosión deste verán. Sentinme a gusto
neste tempo, quizais porque disque este é un país de pantasmas ou
fantasmas; con todo, cómpre volver ás orixes, á forma tanxible e
identificable: esperando a Godot, ou que agromen os xeranios do
pórtico da Quinta.
Mentres esperaba e
viaxaba polos currunchos preferidos, lin:
Todo esto te daré.
Dolores Redondo. Planeta 2016.
O título está sacado da
terceira tentación de Xesús no deserto (Mt. 4, 9).
É una novela de intriga
desenvolvida na Ribeira Sacra, con referencias toponímicas a Lugo,
Ourense, Lalín, Rodeiro, Chantada, Arousa, Corme… A autora naceu
en Donostia pero corre esencia de mencía e godello polas súas veas,
é filla de emigrantes galegos. Mentres nos vai liando coa
investigación de tres asasinatos, desfilan realidades como a
homosexualidade, o amor invencible, a pederastia, a fidelidade, a
soberbia e outros conflictos de pasións.
Entre os personaxes, un
cura (de Nosa Señora do Corpiño), un escritor, un empresario, un
prior de convento, algún marqués, un garda civil retirado…
Hai tempo que as novelas
adoitan introducir palabras e frases inglesas. Esta intercala
palabras e frases galegas para mellor describir os personaxes. Por
este detalle merece un premio, ademais do Planeta 2016, que xa posúe.
Óense ruídos
sospeitosos, non me vaian descubrir no escenario do delicto.
Que teñades bos e
fantasmais días
A
mesma, que haberlas hailas.