Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

viernes, 12 de junio de 2009

Comentar actualidade

Está de actualidade a noticia que publican varios medios.Se vos apetece comentala aí queda. Como dicía Severino (Deus o teña na gloria segundo o pai de Andrés) estando entre estudantes de curas,curas e ex-curas non imos falar de mulleres nen de futbol que a liga xa rematou.Nin todo vai ser nostalxía. A actualidade manda. Está tomada do "Galicia hoxe" xornal de Santiago que antes era "O correo galego"

Censura a Torres Queiruga

Indignación entre movementos cristiáns e intelectuais galegos ante a intención da Comisión Episcopal para a Doutrina da Fe, na que están os bispos de Lugo e de Ourense, de condenar a obra do galego

MARGA TOJO . SANTIAGO

O teólogo galego e profesor da USC Andrés Torres Queiruga FOTO: Antonio Hernández

O teólogo galego e profesor da USC Andrés Torres Queiruga
FOTO: Antonio Hernández

A noticia chegábanos a primeira hora da tarde a través dunha chamada telefónica da escritora Helena Villar. A Comisión Episcopal para a Doutrina da Fe, organismo herdeiro da Inquisición que vixía a hortoxia, da que son membros os bispos de Lugo -Alfonso Carrasco Rouco, sobriño de Rouco Varela- e de Ourense -Luis Quinteiro- puxo o ollo nos escritos de Torres Queiruga e elaborou un informe contrario ao seu pensamento. Un decreto condenatorio que, segundo diversos medios de comunidación, "podería facerse público a próxima semana".

Dicía Ramón Piñeiro de Andrés Torres Queiruga (Aguiño, 1940) que era o primeiro e gran teólogo galego. Un filósofo de prestixio estatal e internacional, cuxa obra serviu de acicate a varias xeracións de crentes que viron nas súas reflexións a única vía de comuñón coa fé nunha sociedade posmoderna. Por iso a noticia foi recibida entre a sorpresa e a indignación polo círculos cristiáns e entre os intelectuais galegos.

A curia nin afirma nin desmente

A xerarquía eclesiástica dá a calada por resposta. "Nada que alegar". Foi o que contestaron ambos os dous bispados a preguntas deste xornal. E na Conferencia Episcopal "que só traballa polas mañás e esta semana fan ponte porque mañá (por hoxe) é festivo", segundo un operario, tampouco nos puideron axudar. Mentres o profesor Torres Quei­ruga, que coñecera a noticia o día anterior de man do xornalista madrileño José Manuel Vidal, voaba xa cara a Chicago onde participa desde nunha reunión cos teólogos da prestixiosa revista "Concilium". Antes, o teólogo afirmaba descoñecer as intencións da Conferencia Episcopal: "Non sei nada e estráñame moito, porque ninguén falou comigo. Pero estou tranquilo porque sei que resultaría totalmente contrario ao Evanxeo cuestionar a fe e emitir un xuízo condenatorio dun teólogo sen escoitalo previamente". Defendía, en calquera caso, a súa teoloxía porque "é sempre positiva: non só é dialogante e nunca agresiva, senón que xamais cuestionei a interpretación tradicional dalgunha verdade da fe, esforzándome ao mesmo tempo por buscar unha alternativa construtiva e actualizada".

"Pobres de nós porque van vir a por todos"

En palabras de Engracia Vidal - voceira de Mulleres Cristiás Galegas e cofundadora da revista Encrucillada-, Queiruga é un sacerdote "que non nega ningún dogma, pero dálle á relixión unha explicación filosófica cunha linguaxe adaptada aos tempos para que os crentes que vivimos unha fe un pouco racional poidamos seguir a crer e a vivir na comunidade cristiá", "pero prefiro non crer que isto é verdade, prefiro pensar que é un díxome-díxome, porque, por exemplo, Quinteiro coñéceo perfectamente desde que foi compañeiro seu no Seminario, apréciao, eu creo, e se ten dous dedos de fronte non tomará unha decisión así". Daquela a relación de Queiruga coa Igrexa ofial é cordial? "En fin -continúa Vidal- hai indirectamente unha presión e a el a chámano de todas as partes do mundo, mentres a Igrexa ofial de aquí non conta con el practicamente nunca, pero que non sintan simpatía é moi distinto a que vaian condenar os seus textos, polos que deberiamos sentir orgullo".

E á "admiración" que en Galiza "habería que ter por que se faga alta teoloxía, alto pensamento, desde a nosa terra e en galego", alude tamén o profesor Francisco Fernández Rei, académico da lingua galega canda Queiruga, "moi sorprendido" pola noticia. "Creo que forma parte desta onda de extrema dereita que nos invade e nos pode ver como terroristas só por falarmos galego", expresa o filólogo, "e esperemos que todo quede nun susto ou pobres de nós porque van vir a por todos". E é que, tal como considera Ramón Villares, "prudente" porque descoñece "a veracidade da noticia, que de ser certa é lamentábel" "cos rumbos que está a tomar a Igrexa oficial tampouco me estraña".

Para a filósofa e membro do Consello da Cultura Galega María Xosé Agra, supón tamén unha volta ao "fundamentalismo, ao non deixar que ninguén abra mentes, por máis que esta abertura se basee no respecto, no intelecto, na cultura, o que dá unha mostra máis de cara a onde quere camiñar a curia".

Onte pola tarde, diversas asociacións de igrexa de base galegas, como Somos Igrexa, Encrucillada e outras, integradas na Coordinadora de Crentes Galegos, anunciaron que preparaban unha comunicación conxunta en defensa do pensador galego.


No hay comentarios:

Publicar un comentario