Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

domingo, 15 de noviembre de 2009

MISCELÁNEA ET CÉTERA


  Amigos blogueiros participantes, activos e pasivos, escribidores e lectores. A contribución desta semana, a esta nosa bitácora , vai ser acerca destes tres puntos:

1º.- Información sobre a Misa polo finado compañeiro Constantino e mais sobre a meteoroloxía adversa.


2º.- Degustación e proba das saudables macedonias que o amigo Eduardo pon a nosa disposición.


3º.- Proposta de futuras colaboracións.


1º.- Ao comezo da semana o amigo Andrés, tennos un pouco esquecidos, pero xa sabe que ten escusa sobradamente recoñecida por todos, mandounos un correo avisando de que o Venres as 7 e media, na Igrexa das Escravas habería unha misa por Constantino Trillo Varela.

A esa hora,xa venteaba con forza, como tirando pola choiva. Alí me presentei faltando cinco minutos para a hora indicada e xa me sorprendeu non ver a ninguén na porta. Como a inclemencia do tempo era forte esperei dentro onde había moi pouca xente e coñecido soamente Andrés.

A Misa concelebrada por Andrés e por Guillermo Eiris, compañeiro profesor de Relixión de Constantino, foi un acto emotivo. Guillermo xubilouse hai algúns anos e coincidiu coa xubilación dun compañeiro meu da Laboral destinado no Masculino. Nesa cea tanto Constantino como Guillermo fixeron uns discursos moi sentimentais e conmovedores recoñecéndose mutuamente o traballo realizado coas familias e alumnos mais necesitados de afecto e de atención, na area urbana que corresponde ao Instituto e mais a parroquia de San Pío X, que utiliza a Igrexa das escravas como sede parroquial


A homilía estivo nesa liña de que todo o que fagas para axudar ao necesitado terá sempre recompensa. Puro sermón do monte. Algo semellante a oración que fixo Andrés , moi fermosa, que está no blog na data do pasamento.


Ao final saudei aos concelebrantes e a Romero Mengoti, que estudou con nós e había compañeiros do Instituto pero desta quinta unha,como vedes, pequena representación. Parece que o sistema de comunicación, nesta era das TIC, non funcionou moi ben e ademais había unha alerta activada aconsellando que non se saíse á rúa. Se algún pensaba ir ao mellor foi acertado que non viñese. Xa durante a celebración, de vez en cando iluminábase o cimborrio da Igrexa producindo uns efectos luminosos especiais. A saída, venres 13/11 ás 8 do serán, encontrámonos cun espectáculo visual que poucas veces un ten a ocasión de contemplar en directo. A tormenta perfecta. Raios e centellas. Ventos en remuíño. Tromba de augas. Os ceos que se abren. Un raio céganos como se fose un potente flax. Andrés mais eu lembrámonos do profesor de física:Lado Ríos e preguntámonos, mirando ao reloxo, a que velocidade viaxa o son?. Aos 8 segundos escoitamos un estrondo como se a terra se lle abrisen as entrañas. Dicimos caeu lonxe. Estamos enxoitos debaixo do cuberto da entrada da Igrexa. Contemplamos como os da TVG se mollan gravando o momento. Temos ocasión de falar e comentar un pouco de todo. Hai que esperar así non se pode ir a ningún sitio. Repítense os lóstregos e relampos. Os ventos por momentos van a mais. O tráfico párase en Riazor. Segue caendo auga a manchea. Seguimos conversando. Había tempo que Andrés e mais eu non tiñamos unha comunicación tan intensa i extensa. Pasada medía hora empeza a clarexar un pouco. Amaina a choiva e os ventos. Dirixímonos cara ao aparcadoiro, onde deixara o coche,e non se pode entrar .Tornouse nunha pía e segue anegándose. Aos coches xa case non se lle ven as rodas. Os empregados impiden a entrada. Andrés bríndase para acercarme á casa. O seu coche estaba no exterior. Seguimos falando. Saímos de Riazor ,cara a Eirís, onde vive Andrés, en dirección monte arriba. Escapando da auga que inundaba as zonas baixas. Deixoume na porta da casa de miña sogra. Quedeille moi agradecido polo transporte e pola ocasión que tivemos de falar de moitas cousas. Gracias Andrés. Xa sabe que ao final o que parecía un diluvio amainou. As 10 chamei ao aparcadoiro e xa abriran os aliviadoiros e puiden retiralo vehículo sen dano algún. Xa vedes que a Misa dou pé para describir a tormenta anunciada e vivida en primeira fila. A realidade supera a ficción. Poño a Andrés por testemuña.


O punto 2º ,ao terme alongado tanto, tratareino con brevidade. Os cuncos da macedonia do amigo Eduardo teñen moi boa presentación. Agora .A película está en carteleira. Téñoa fichada para ver. Penso que non andas desacertado no comentario que fas. Confirmareicho despois que a vexa.


Que a verdade padece pero non perece é un axioma que por definición non necesita demostración . E deses que algúns mestres copiaban no encerado a primeira hora e seguía alí toda a xeira despois de copialo todos e facer un comentario. Sábeno ben os que se adican a investigación criminal que tardan anos pero de teren medios suficientes poucos delitos quedarían sen esclarecer. Fas referencia a moitas cousas coas que en esencia coincido. Este verán por fin lin o libro de D. Manuel Silva Ferreiro: “Galicia y el Movimiento Nacional” (1938): Foi cóengo e profesor no Seminario. E un documento de excepción para coñecer o comportamento xeral, con honrosas e escasas excepcións,que tivo a Igrexa antes, durante e nos anos inmediatamente seguintes á guerra fratricida. A nós xa non nos dou clase. Eu lin,xa hai tempo e non teño localizado onde,que despois do ano 50 adicouse a recorrer Galicia e parte de España para mercar os exemplares que quedaban nas librarías e queimalos. Sentíase avergoñado do que tiña escrito.


Ao longo da semana, se hai vagar ,seguirei degustando os teus produtos culinarios, amigo Eduardo. Agora ao rememorar o episodio da tormenta quedei un pouco esgotado.


O punto 3º é, se vos parece ben, agora neste tempo invernal propicio a recuperar a memoria aquelas cousas mais compracentes,que escribades sobre que profesores en Humanidades, Filosofía e Teoloxía vos marcaron mais,dos que tedes bo recordo,que mais vos ensinaron e que deixaron marca. En definitiva de aqueles que foron uns verdadeiros mestres para nós. Eu lin hai anos un libro no que diversos personaxes públicos relataban o que significaran algúns profesores nas súas vidas e debera ser un libro de obrigatoria lectura nos CAP ,agora máster , para exercer de profesor. As veces facemos cos educandos cousas que os marcan de por vida, para ben,as que os marcan para mal téndese a esquecelas, sen decatarnos da transcendencia.


Conto como anécdota,con isto termino, o que narra, nun libro del, o amigo Agustín Fernández Paz. Estudou Mestría Industrial na Laboral de Xixón. Un profesor que remataba moi pronto a materia líalles na clase libros de suspense para mantelos en orde. A el gustábanlle as historias que se contaban. Logo sacaba da biblioteca libros parecidos e líaos pola noite cunha lanterna debaixo das sabas .Aí empezou a súa vocación literaria. Hoxe é o mellor escritor de España en literatura da chamada “infanto-xuvenil”.Despois da mestría fíxose perito industrial e traballou uns anos para aforrar e facerse mestre. Estudou aquí na Coruña onde eu o tratei. Estaba sempre disposto a colaborar no que se lle pedise. O profesor, creo que era de Tecnoloxía,o menos que pensaba era despertar unha vocación literaria, pero vaia se o fixo. Animádevos se vos parece interesante a idea. E Domingo polo serán e hai que prepararse para convivir unha semana cos adolescentes,a poder ser, intentando que aprendan algo que lles sexa útil para vivir. Deica a próxima. Rafael

No hay comentarios:

Publicar un comentario