Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

viernes, 5 de junio de 2009

FALAR POR FALAR

Prezados amigos e compañeiros:
Saúdos a todos.

Un carnotán fumador veciño meu, despois de vinte anos sen tabaco, comezou de novo a fumar, e cando lle preguntei pola recaída, díxome, cargado de razón, que xa non podía agauntar máis.
Eu tampouco podo vencer por máis tempo a tentación de intervir nesta conversa, aínda que -xa o advirto- non teño nada especial que dicir. Por iso o que vou a poñer aquí é perfectamente prescindible. ¡Quedades avisados!

En primeiro lugar, quero expresar a pena que me produciu a morte do amigo Severino, que en paz descanse, e ao mesmo tempo a ledicia porque inauguramos unha nova canle de intercomunicación á que asomarnos. Grazas a quen o fixo posible.

Achégome agora á porta para que saibades que tamén estou aquí seguindo as conversas. O formato de blog permite separar comentarios ou respostas ás comunicacións máis sesudas, serias e académicas das outras que, como esta miña, só pretende ser "arregla pero informal" (Martirio dixit). Como se sabe, a páxina tamén permite colgar fotos, así que esperamos todos que vaian véndose moitas das antigas que conservamos dos nosos anos do seminario, así como das xuntanzas estivais. ¿Sería posible que alguén experto publicase unhas instrucións para colgalas?

Fai tempo que pensaba mandar unhas letras ao correo. Agora o medio é diferente, pero teño que referirme ao que se ten dito na páxina anterior. Desde que circulan estas mensaxes, foron aparecendo intervencións ben razoadas e rigorosas, algunhas brillantes. Moitas delas foron xa valoradas noutras posteriores. Parece que alguén suxeriu que o círculo dos que interviñan debería ser máis amplo. Algúns non saímos da casa daquela non por medo a choiva de ideas, que estas molladuras sempre son de agradecer, senón por considerar, alomenos no meu caso, que fóra dela nada proveitoso sobre tales asuntos podiamos engadir. Así que aquí parece de aplicación o tópico que recomenda calar se falar non o mellora.

Coido que foi Eduardo quen dixo que contestar é de lei. Pero non se debería concluir do silencio de quen non participa nestes intercambios de opinións que se debe a que se está incómodo ou molesto no debate, como se ten sospeitado. Pola miña parte, seguín e sigo con interese e atención todo o que se vai publicando. Tamén con admiración e unha certa envexa (envexa da boa), porque o nivel e competencia de moitos comunicados son sobresaíntes. Discrepo de Luciano cando di que a literatura galega perdeu uns bos escritores. Polo que vemos, as plumas siguen en forma; os editores poden esperar. As plumas en forma e as mentes lúcidas. Sospeito que aos nosos anos, cando un xa ten case chea a faldriqueira das crenzas e principios, non é doado que nos terreos disputados polos que andivemos e andaremos chegue alguén a convencernos do contrario ao que pensamos, pero admiro o ben que defendedes as vosas posicións. Nese contexto de dificultade para convencer ao discrepante entendín o risco da inutilidade das polénicas, que xa fai tempo se ten apuntado. Non sei se entendín ben. De calquera xeito, sabemos que a discrepancia enriquece (permitídeme outro pobre tópico). Dicía aquel que onde todos pensan igual, ninguén pensa moito.

Van aparecendo tamén frecuentes referencias ao pasado . É lóxico que os que estiveches en filosofía e teoloxía xuntos teñades moitas experiencias comúns e tan ben sementadas que non paran de agromar. Os que non pasamos de Belvís levamos o anecdotario máis baleiro, pero co mesmo afecto. Eu descoñecía, por exemplo, a habilidade romanceira de Seco, ou as competencias de Tacón no eido argumental e outras moitas facetas dos demais. Desde aquela o tempo foi tecendo a historia de cada un, ás veces por camiños imprevistos, pero non foi quen de destruir a amizade que nos une. Por certo, que admirable memoria tendes algúns, como Rafael ou Ramón Senín, a quen a súa titulación en ciencias non lle impide ter tanto latín vivindo na cabeza. Dicía o poeta que a memoria é o freo do tempo. Pero ¡que logo pasa e que arte se da o condenado para ir facendo vellos daqueles nenos do 57!

Disculpade o rollo e a súa pouca substancia. Non pretende máis que dar sinais de vida.

A Rafael, paciencia e unha boa e pronta recuperación. E a todos unha aperta moi afectuosa.

Manuel López


1 comentario:

  1. Amigo Manuel:Agora hai algún tempo que non podo mandarche saúdos polo conserxe, homónimo teu. Obrigado polos teus bos desexos. Estas avarías do sistema inmunolóxico teñen mal arranxo. Non me queixo por afectarme en idade tardía. Temos unha asociación na Coruña, federada coa nacional e coa europea e americana e os estragos que fai na xente moza e estarrecedor, non en todos e de momento descoñécese a causa. Dicíame o finado Severino que o que mais lle doía de ter que irse era non poder observar a evolución da medicina neste próximos anos. Contemos con velo. A túa intervención non foi tan prescindible como ti a cualificas. Segue comunicándote. Con afecto. Rafael

    ResponderEliminar