Naqueles tempos,nos que escribiamos mais nesta
nube, deixou o compañeiro Eduardo unha macedonia de froitas parecida
a esta última para que se comentase. Desta vez deixounos un decálogo
de temas que teñen candente actualidade. De cada un poderíase
escribir unha tese. Como non estamos no eido académico deixarei
uns comentarios, a modo de pinceladas,sobre cadanseu.
1- Testamento do Cardeal Martini: Foi unha mente
lúcida que debeu sufrir moito polo rumbo que lle marcaron a barca de
Pedro. A impotencia que se sente cando se navega atravesado ao
vento,polo medo a ir a pique, ten que ser inmensa. A sensación de
predicar no deserto tamén ten que ser amarga. Nesta entrevista vense
as preguntas e interrogantes que son elocuentes por si mesmas.
Podedes velas aqui:
¡Viva el Cardenal Martini! Texto auténtico de su ´Testamento espiritual
¿Que pasará?¿Terán resposta?¿Sabeo alguén?O tempo o dirá.
2- Prohibición do libro de Pagola. Algo que non
ten xeito nin ... Todo un sen sentido. Nestes tempos poñerlle portas
ao campo val para pouco. Eu lino por curiosidade. Pódese baixar da
rede. O Vaticano di varios anos despois que non contén herexías
pero aínda así lle poñen pegas.
3- Vatileaks. E un pozo sen fondo a información
que xera en internet esa palabra. Quen logre poñer orde pasará a
historia como un xenio. Pobres ratos. Con tanto gato
solto,¿quen se atreve a poñerlle o axóuxere ao gato?.Polo menos
que dea tempo a escapar. Cando detivo a policía italiana ao
anterior director do IOR doulle unha gran alegría saber que eran
policías italianos.. Temía o peor.Que viñeran a por el para
desaparecelo. Xa anteriormente depositara nunha notaría un escrito
para no caso de que desaparecese o dese a coñecer
publicamente.
4- Aparición de dialectos. Ademais dos nomeados
con moita gracia por Eduardo, ao estilo do intermedio da sexta, o
mais grave é a perversión intencionada da linguaxe. Esa forma de
contar terxiversando todo. Nunca a figura literaria do eufemismo
tivo, fora da narrativa, na linguaxe informativa, tanta utilización
en cantidade e calidade. Unha das mais recentes é a da ministra de
emprego chamándolle a emigración dos mozos mobilidade
exterior.(Isto é en fatimés ¿non?)
Xa,hai case trinta anos,cando Armando de Miguel era
alguén, como di Castelao de Vicente Risco no Sempre en
Galiza,escribiu o libro “La perversión del lenguaje”non creo que
pensase que aquel fenómeno ía acadar as cotas de manipulación
descarada que ten hoxe.
5- Imposición do axioma “coa que está
caendo”.E certo que o pesimismo que transmiten esas frases é
tremendo. Ademais é paralizante. Supoño que os vellos que temos
mais tempo para ler,ver o castravexo,e andar de parladoiro cos
veciños contribuímos a ese clima xeneralizado. Pero tamén é certo
que o que está caendo e tanto como a auga neste inverno pasado.
6- Varias sentenzas xudiciais. Teñen nome
feminino. Todos lle facemos as beiras ou a corte cando favorecen os
nosos intereses. Cando non é así apélanse. E cando son firmes hai
que pedir a execución e caben incidentes de execución que a veces
superan en folios ao preito principal. Ademais o tempo para iso non
conta. Mira o decreto do galego no ensino o que tardou no Tribunal
Superior de Xustiza de Galicia que está aquí na Coruña. Agora no
Supremo pode tardar tranquilamente uns dez anos. O da Gurtel
morreremos sen ver a Sentencia, amigo Eduardo, aínda que vivamos
longos anos como che desexo a ti e a todos.
7- Dimisión e recambio na presidencia da Real
Academia Galega. Aí hai mar de fondo. Ferrín é unha personalidade
e foi pena que se fose. Esta crise parece que é total e non deixa
títere con cabeza. Magoa. O programa é idéntico o dos dous
candidatos. O peor son as feridas que deixan sempre estas batallas. O
afogamento económico e unha concausa tamén da situación.
8 - Celebración sonora do L aniversario do
Vaticano II. Pouco hai que celebrar.
9
- Renuncia
do Papa. Cónclave e Papa Francisco. O
da renuncia habería que saber cal foi a causa.
Que
tivese cansado tanto o corpo como a ánima,como dixo,sorprendeu a
todos. A frase que escandalizou a moitos:“las
aguas bajaban agitadas, Dios parecía dormido”. Ten
moitas interpretacións. Cando había desgracias e morría unha mai
deixando criaturas pequenas meu pai tamén dicía se Deus estaría
durmindo para permitir aquelo.
Eu afeito a escoitar que Deus escribía dereito con
liñas torcidas e que os designios son inescrutables parecíame un
pecado grande pero se o dixo o Papa vai a misa e de pecado nin
escándalo nada.
O conclave foi noticia. O espectáculo visual é grande
e da moi ben en pantalla. Non tardou moito a fumata branca
indubidadamente.
O
novo Papa hai que recoñecer que xerou moita simpatía en moita
xente. De momento case todos, ou todos, falan moi ben del. Non hai
mais que ver como
o
tratan nos medios. Incluso os mais reaccionarios de momento non
queren dar a nota por medo a perder o paraugas que tiveron nos
anteriores. Fai ben non ir para os palacios papais. O breve Juan
Pablo I o día que mostrou ao secretario de estado os cambios que ía
facer na curia,eran
os papeis que tiña entre as mans e non a meditación de cristo por
Tomás de Kempis,como dixeron nun principio,ao día seguinte a
apareceu morto como consecuencia de un vasodilatador que lle
administraron da farmacia do vaticano a el que era hipotenso. Morreu
placidamente sen loitar coa morte. Cos papeis da reforma da curia
entre as mans.
Este
Papa con cara de boa persoa e valente polos xestos que leva feito de
lavarlle os pes a dúas mulleres presas,unha musulmán, teríalle que
devolver e retornar a honra aos xa mortos como a Bernhard Hering,
autor da Lei de Cristo,libro de texto polo que aprendemos Moral
Católica, e vivos: Marciano Vidal ,Gustavo Gutierrez, José María
Castillo,Juan Masia e tantos x tantos que son todos eles “Vir
bonus”e mais abrir unha investigación sobre a morte de Juan Pablo
I. Se non o fai nun tempo prudencial dun ano ou dous a decepción
será aínda mais grande. Parécemo a min pero doutores ten a Igrexa.
A
propósito Juan Masía estivo en Vigo hai uns días nunha conferencia
e o Bispo de Vigo perdeu unha boa ocasión de estar calado. Sacou
unha nota fundado nunha información dun periódico.
O
catecismo que recomenda debe lelo el solo.
10 -Torrente Ballester ou calquera da sa talla
podería escribir as novelas, calquera novela que sempre a
realidade superaría a ficción,con mais suspense e misterio que
concibir se pode. Argumento moi socorrido nos nosos anos de formación
en San Martiño Pinario tanto en Filosofía como en Teoloxía.
Villasante chamáballe o ungüento amarelo. A propósito o noso
compañeiro de Seminario, non de curso, Carlos Vázquez
escribiu hai un ano no seu artigo da contraportada da Opinión dos
Sábados,un artigo titulado así. Se o queredes ler:
El ungüento amarillo - La Opinión A Coruña
(Se pinchades na parte dereita da pax. onde aparece unha lupa e
poñedes /cartas a laila/ podedes ler todos as artigos que escribe
cada Sábado e que eu leo sempre con sumo gusto.
Pois xa cumprín probando a macedonia
de Eduardo. Serviume de guión para estas puntadas mal ganduxadas.
Saúdos para todos. Cos mellores desexos. Rafael
Cumpriches, e ben. Os demais, estamos fermentando ideas mirando pa quen escribe.
ResponderEliminarUnha aperta, Rafael.