Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

sábado, 4 de octubre de 2014

FIESTRA ABERTA 3

Seguindo coas lerias do curso pasado e para ver que no tempo en que un mozo,posible fill@ dalgúns tarda ou tardou en facer toda unha carreira, o certo é que a realidade social pouco mudou. O que se dicía hai 5 anos ten hoxe,parécemo a min a forza de sempre. Será aquilo de nihil novum sub sole que dicían os antigos. Pois aí queda iso.

Otubre 2010

“”PERSOAS  COHERENTES

        Hai  noticias ás que non se lles dá a relevancia que teñen e que son dignas de eloxio, enxalzamento e gabanza pola rareza coa que acontecen nestes tempos. Estoume a referir a renuncia do escritor Agustín Fernández Paz a recibir o Premio Cultura Galega de Literatura 2010 creado pola Xunta este ano.
        Este Mestre de Ensino Primario,Perito Industrial Mecánico e Licenciado en Ciencias da Educación foi durante algúns anos  membro do do Gabinete de Estudos para a Reforma Educativa da Consellería de Educación. Preparou os Deseños Curriculares de Lingua Galega para Primaria e Secundaria. Foi premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2008 . A súa obra que é moita mereceu abundantes premios e recoñecementos,traducida a diversas linguas é hoxe un referente incuestionable da literatura infantil-xuvenil galega. Está presente en todas as bibliotecas escolares sendo os seus libros dos mais lidos entre os nosos adolescentes dos Institutos.
       
        As razóns polas que rexeita o premio recóllense no manifesto que asignaron moitos traballadores dos diversos ámbitos da Cultura Galega que contiña a seguinte aseveración: ”Manifestamos que nin a actual Xunta nin o seu Presidente,responsables ante a Historia de lexislaren por primeira vez contra a nosa lingua,e polo tanto contra o marco xurídico e fronte ao consenso que posibilitou a súa presenza publica,poden atribuírse agora o papel de benfeitores da cultura galega”.

        Cando comunicou a súa renuncia manifestou que Rosalía de Castro nunca aceptaría ese premio. Con persoas de tan fortes conviccións e principios rexos, levados ás últimas consecuencias, espéranlle a nosa lingua miles de primaveras axudándonos a todos a considerar a lingua como patrimonio cultural de Galicia a e de todos os galegos.

OCTUBRE 2011

DEFENDAMOS O PUBLICO

                En tempos de crise económica, como os actuais,vivimos todos asustados e cun medo a veces paralizante .Cando vemos os recortes que nas distintas autonomías se levan a cabo na educación e na sanidade uns opinan,os mais pesimistas, que isto acaba de empezar e veremos como remata e outros sostemos que a sanidade e mais educación universais e gratuítas son unha conquista social das mais importantes que todos defenderemos con uñas e dentes se fixer falta.

                Se hai moi pouco tempo alguén nos dixese que as Caixas de Aforros  galegas se ían converter en bancos e os seus donos,os accionistas, serían os fondos americanos,chineses,rusos ou da India moitos diríannos que iso non podería ser de ningunha das maneiras.

                Todo é posible neste mundo tan cambiante  e a velocidade mareante que nin deixa tempo para pensar. Haberá por tanto que ir asumindo que están en perigo e dispoñernos a defender como sexa e onde sexa unha das mellores sanidades do mundo universais  e gratuítas e unha educación que son mellorables pero valiosas. Se soamente puidesen estudar e curarse  os que teñan cartos parece que non valería moito a pena vivir nun mundo así. Seriamos capaces?


Octubre 2012

ELECCIONS ABERTAS

O día 21 escolleremos a quen nos vai representar durante os próximos catro anos. Pensamos algúns que nunca os resultados que se coñezan nesa noite foron tan incertos. Pode pasar calquera cousa. O tsunami azul e as gaivotas que nos arrasaron, vai para un ano, poucos presaxian que se repita.
O que nos doe a moitos galegos é que mentres nas dúas nacionalidades históricas,Cataluña e o Pais Vasco,a meirande parte da poboación previsiblemente elixa a partidos nacionalistas nós aquí votamos a aqueles que pensan que somos unha rexión de España. Non se retraen moitas veces de referirse a nós como o Noroeste. Isto leva a que nos ignoren e que nin se nos cite, nalgunhas ocasións, como nacionalidade en igualdade de condicións coas outras dúas.

Imos ter ocasión de deixar constancia da nosa existencia na próxima cita electoral. Non é admisible que cataláns e vascos,pobos ricos e cultos,onde se pagan as pensións mais altas de España,mentres en Galicia son as mais baixas, estean trabucados e  nos vaia  ir mellor cando eliximos,de modo distinto, aos nosos representantes.

Octubre 2013

HAI XUÍCES EN BERLÍN

Así lle respondeu un campesiño alemán ao Rei de Prusia,Federico II O Grande, cando lle quixo expropiar un muíño de vento, construído por el pedra a pedra, para edificar un castelo nas aforas da cidade. Ofreceulle diñeiro e ao non ceder o campesiño ameazouno con confiscarllo. Iso podería facelo Maxestade se non houbese xuíces en Berlín. O monarca acatou sentenza e rodeou o muíño deixándollo enclavado e co ancho dun camiño para que o dono entrase e saíse sen pedir autorización. E alí quedou un letreiro indicando que o muíño se conserva como recordo eterno do amor e respecto a Xustiza.
Ven a conto do que lle pasou a un mozo ourensán que padece unha doenza rara que,de non tratala cun fármaco biolóxico de última xeración, correría perigo a súa vida. O tratamento que dispensan no hospital ten un custo de aproximadamente trescentos mil Euros ao ano. O Servizo Galego de Saúde non o autorizou alegando razóns de austeridade orzamentaria. O xuíz na sentencia obriga a dispensalo e pagalo e ditamina que ao denegarllo vulnerouse o dereito constitucional do enfermo a vida e a integridade física e moral, prescindindo do criterio médico sen outra presumible razón mais ca do aforro. Cualifica de insólito que se lle tivese denegado.
E unha boa noticia para todos aqueles enfermos crónicos que nos tratamos con eses fármacos biolóxicos que nos permiten levar unha vida de certa calidade. Que siga habendo xuíces tanto en Berlín como no resto do mundo que lles paren os pés a quen toma decisións inxustas.

Setembro 2014

CONTO DA BOA PIPA

Os que xa somos pensionistas,segundo o Isolino do bo debuxante e ilustrador Xaquín Marín,somos os que agora mesmo mellor futuro temos. Dispoñemos ademais de tempo para ler a prensa,escoitar e ver faladoiros, e manternos ao tanto de moito do que nos contan e pasa tanto aquí como noutras partes. Temos,penso que moitos, a sensación de que os nosos gobernantes cóntannos aquel conto inexistente chamado da boa pipa co que facíannos adoecer os maiores aos pequerrechos.
Parece que é conto o que a sanidade e maila educación van ben, aos enfermos de hepatite dáselle o tratamento que os cura,estamos saíndo da crise, cada vez hai mais traballo,a xuventude ten onde empregarse,os salarios non baixan,a corrupción son casos illados,a xustiza é rápida e igual para todos, e poderiamos seguir facendo unha lista como de aquí a mañá.
Pero aínda o que mais indigna e nos acende e cando sabemos que hai mais de cinco millóns de parados dos que case a metade non teñen ningún tipo de protección social. O que levou ao propio Fiscal de Estado,na inauguración do ano xudicial, a recoñecer que preto da cuarta parte da poboación está por debaixo do límite da pobreza. Sábeno ben os colaboradores dos bancos de alimentos que xuntan caixas e caixas do que a xente deixa non centros comerciais.
Contrasta esta realidade con que os directivos das 35 empresas mais importantes de España ,(Ibex 35),cobraron o ano pasado de media 75´5 veces mais cos empregados de cadansúa empresa. Por non falar dos chamados paracaídas dourados,plans multimillonarios de pensións, que marearían a un de termos que contalos en billetes de cen euros. Parece que nun estado social de dereito, como di a Constitución,que propugna como valores superiores a xustiza e a igualdade non se pode permitir que tanta xente sen traballo,con dependentes sen axudas e nenos ao seu cargo, poidan esperar mais sen un goberno que evite estas desigualdades. Non poden seguir contándonos o conto da boa pipa.””

Como neste mes aínda non escribín nada poño a de finais do mes pasado. Pedíronme alguén dos poucos que miran esta fiestra que o fixera e queda feito. Saúdos para toda a parroquia como lle chama Dona Helena Villar Janeiro,excelsa mestra e galeguista de pes a cabeza , aos numerosos amigos que a seguen en Facebook. Parroquía feibusquiana. Saúdos para todos como sempre. Rafael


3 comentarios:

  1. Pois, eu, léote, Rafael, a ti e a algún que outro dos poucos que entran nesta humilde escola. E, porque te leo, non estou d´acordo con iso que estás a decir, de que os pensionistas temos tempo abondo pa moitas cousas. No meu caso, polo menos, non é asi.
    Ö único tempo libre que me dan fillos, netos, amas de casa, sogras e damais tropas colaterais, é de 8 a 9 AM, despois dese relax, rematou o recreo, e comezan os títeres: corre pa aquí, corre pa ala, na corda floxa, como mandan os cánones de Pinito del Loro.
    En fin, cada quen é un mundo, e, o meu, é un circo.
    Unha aperta, compañeiro
    Antonio Puertas

    ResponderEliminar
  2. Tes toda a razón do mundo Antonio e non teño mais remedio que concedercha. Cando dixen que os xubilados temos tempo para ler e ver ou escoitar os faladoiros debín dicir algúns. A realidade dos avós a voas escravizados e visible e palpable sobre todo no verán en que os netos non teñen escola. Tamén hai outros e cónstame que son felices cos netos e gozan como seguramente, segundo algún, non o fixeron cos fillos por aquilo de non sentir a responsabilidade da educación tan directamente como os pais. Cando escribo,a veces poño que mo parece a min,pero sempre se trata dunha opinión persoal sometida a contraste. Un saúdo. Rafael

    ResponderEliminar
  3. Rafael, os que nunca se equivocan, son os que calan a boca jajaja. Ti e mais eu, seguiremos equivocándonos a cotío. I, eso, está ben. Así é que, ADIANTE COMPAÑEIRO, que o campo ten moitas leiras que arar.
    Unha gran aperta amigo
    Antonio

    ResponderEliminar