Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

miércoles, 28 de septiembre de 2011

COROLARIO                   


Despois da Armenteira-Altefrankfurt-A Illa e da crónica magistral de Rafael, literaria e fotográfica, e do inspirado poema mariñeiro de Antonio, o meu agradecemento aos organizadores da xuntanza e aos xenerosos técnicos de imaxe  Barral e Henrique.
Os mellores desexos para Rafael, que hoxe, xa 29, está de santo. Que o arcanxo  tocaio o protexa por moitos anos, como acompañou  na viaxe a Tobías e á súa dona. E que lle preste as ás para seguir obsequiándonos con perlas como a de Quino, que acabo de ler.
Este ano descendeu bastante o número de asistentes, esperemos que por razóns conxunturais e non estruturais, como din agora os economistas. Somos unha Quinta que case non ten cura: só tivemos 2,30; o decimal é a proporción de tempo de estancia dun dos curas.
Abren tan poucos o blog, que xa non vai servir para dar avisos. A deserción de antigos escribentes quizais estea motivada polo convencemento de que estamos…
Atrapados na rede
A rede ten nome de trampa: facemos clic para eliminar e o texto desaparece da pantalla, vai á papeleira e alí espera unha segunda oportunidade para seguir existindo. O programa pregúntache se o queres borrar definitivamente; apretamos a tecla e pensamos, incautos, que o texto/imaxe quedou eliminado para sempre. Pero non é así, o que facemos é enterralo nunha cela secreta do disco duro e tirar a chave. Chave que pode atopar doadamente un experto informático, ou un policía que siga unha pista por orde dun xuíz.
Se entramos na rede, xa nunca estaremos a salvo. Se metemos a pata na trampa-rede de Google, quedamos atrapados.
Pola contra, a rede tamén te pode levar á inmortalidade: calquera feito, dato, sentimento ou soño emborcado en Internet seguirá estando vivo e espallarase no tempo por todo o universo. Se fomos absoltos dun presunto crime, se recibimos un premio, seguiremos eternamente sentados no banquiño do reo ou sendo felicitados pola autoridade. Se fixemos o burro en facebook ou en twitter, aí seguirá ata a fin dos tempos.  
Se o inferno é un estado de ánimo, podería ser este labirinto-rede onde nos sentimos vixiados, condenados e inmortais a un tempo.
Non é esta a razón? Pois seguide o exemplo do xefe B16. Susan (Su Santidad) xa ten twitter  e navega polos camiños das novas tecnologías… cara a Trento II.
 Oitocentos aniversario da catedral de Santiago

O 13 de abril de 1211 consagrouse a catedral. A conmemoración celebrouse cun acto original e barato: unha cadea humana rodeou a catedral mentres repinicaban as campás.
O destino, a desidia e a avaricia fixeron coincidir no 2011 esta data festiva cun feito lamentable: a desaparición da xoia bibliográfica máis antiga cá mesma catedral: o Códice Calixtino, de finais do século XII. As empresas patrocinadoras do evento están contactando con Colombo para rastrexar a pista do deán: “Os ladróns sabían moi ben o que buscaban”.
O fiscal pide que se controlen as chaves para evitar o expolio do patrimonio religioso.
Saúdos. Eduardo Seco.

No hay comentarios:

Publicar un comentario