Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

lunes, 5 de septiembre de 2011

ARMENTEIRA 2


Sirvo outro aperitivo, aínda que as entradas de Rafael e  Antonio son pratos principais.

IGREXA E MOSTEIRO

Localización

Na parroquia de Santa María de Armenteira, concello de Meis. O millar de fegreses están distribuídos en 15 aldeas, na aba norte do monte Castrove, liña divisoria de augas na península que separa a ría de Pontevedra da ría de Arousa. Dista uns seis quilómetros da capital do municipio e de Ribadumia-Barrantes. Por alí pasa o regueiro Armenteira, que desemboca en Dena.

Fundación

O abade Ero comezou as obras da igrexa actual no ano 1167, segundo confirma unha inscrición nos piares da capela maior. Quedou rematada no 1212, segundo outra inscrición do pórtico. Ero morreu sen ver a obra culminada, porque unha doazón de Paio Pérez, en 1176, xa foi recibida polo abade Martiño.
No machón do lado do Evanxeo da ábside central aparece a inscrición fundacional: “Abbas Domnus Erus fecit  memoriae Sancte Marie”.
O achado dunha lauda de estola, prerrománica, no exterior da cabeceira da igrexa abre a posibilidade de remontar as orixes do mosteiro á época prerrománica. De ser así, Ero incorporaría o mosteiro existente á orde do Cister.
Tras a morte de Ero, primeiro abade, o mosteiro recibiu moitas doazóns dos nobres da comarca e dos reis Afonso VII e Fernando II. Gondes, Raxó, Arra, Serantellos, Barcia e Lantaño… e outras propiedades do Salnés pasaron á xurisdición do mosteiro.
En Arra-Serantellos e Lantaño tivo o mosteiro cadanseu priorato; o primeiro mosteiro de Lantaño pasou a depender de Armenteira.
As doazóns continuaron durante séculos e as propiedades de Armenteira estendíanse polo val do Salnés ata Cambados.
A incapacidade dalgúns abades, moitas veces laicos, e a desamortización esfarelaron esta riqueza da Igrexa.
La relación escrita del convento de Armenteira, 1624, de Frei Dionisio Duarte, recolle a historia do mosteiro de Armenteira.

Arquitectura

A igrexa é unha xoia do románico galego da segunda metade do século XII. Consérvase intacta e en óptimo estado. O mosteiro sufriu as consecuencias desastrosas da desamortización de Mendizábal e pedras labradas foron arrincadas para edificios particulares circundantes. Polos anos setenta aínda o vin en estado ruinoso. Foi restaurado por Amigos de Armenteira.
Do resto do edificio non se conserva nada desta época, pero o conxunto é unha fermosa mostra da arquitectura barroca do século XVIII. A bóveda do claustro é renacentista, do século XVI.
O conxunto foi declarado Monumento histórico-artístico no 1931. Hoxe é tamén Ben de Interese Cultural (BIC).
Despois desta restauración, acolle unha pequena comunidade cisterciense feminina. Supoño que non sería por facerlle xustiza á dona de Ero, protagonista do soño en que a Virxe lle ordenaba levantar un mosteiro para mulleres.
Igrexa
 De planta basilical, de tres naves de catro tramos, separados por piares cruciformes.
Ambiente interior
O interior é plenamente cisterciense pola súa sinxeleza e austeridade. Suprimiron capiteis e columnas, o arco sepárase do seu soporte por unha imposta con nacela inferior e listel superior.
Sobre os arcos formeiros, a partir do primeiro tramo, ábrense ventás de derrame interno, en aresta viva e en arco semicircular, que penetra no arranque da bóveda. Hoxe  están cegadas.
As naves laterais reciben iluminación directa a través de ventás con arco de medio punto e dobre derrame, en aresta viva.
En cada testeiro do cruceiro ábrese unha ventá con arco de medio punto e sendas portas:
-          A do norte tapiada por un retablo na antiga porta dos mortos.
-          A do sur coa sacristía; enriba a antiga porta de maitíns e ao fondo, no mesmo lado, a porta dos irmáns conversos e a porta que comunica co claustro.
Ata a próxima.
Eduardo Seco

No hay comentarios:

Publicar un comentario