Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

viernes, 9 de septiembre de 2011

ARMENTEIRA 3


Para entrar no recinto do mosteiro pasaremos baixo un arco cun baixorrelevo que representa a san Ero engaiolado polo canto do paxariño durante 300 anos.    
Noutros lugares do mundo reclaman o milagre para si e para algún mito local.
A igrexa é obra de Petrus Froya.
No baldaquino do retablo principal da igrexa está a imaxe da Virxe das Cabezas.
O conxunto do mosteiro empezouse a restaurar no 1963, por Amigos de Armenteira.
No 1989 chegaron as primeiras monxas, cistercienses.
Patrimonio Artístico Nacional e a Xunta continuaron a restauración  a partir de 1990.
Se alguén quere quedarse, por se se repite a mostra dos leceres do paraíso…  ten hospedaría con 13 habitacións.  Que avise na casa que vai faltar 300 anos.     

DETALLES DA ARQUITECTURA

1.     Interior da igrexa

Nave central
·         Bóveda de canón apuntado.
·         Arcos faixóns apuntados e dobrados, que se apoian en piastras adosadas ao núcleo central do piar, cruciforme.
·         Arcos formeiros que separan a nave central das laterais: arcos tamén apuntados e dobrados.
·         Máis alta e ancha cás naves laterais.

Naves laterais
·         Bóvedas de aresta.
·          Separadas por arcos faixóns, que se prolongan en robustos contrafortes graduados.

Cruceiro
·         Unha nave, máis ancha cá nave central.
·         Tramos laterais: bóveda de canón apuntado.
·         Tramo central: cúpula.
-          A cúpula contrasta co estilo do resto da igrexa, importado da Borgoña.
-          Lixeiramente esquifada.
-          Repousa sobre catro trompas cónicas, que transforman a planta cadrada en octogonal.
-          Dous nervios de sección rectangular en aresta viva, paralelos, crúzanse perpendicularmente con outros dous nervios.
-          Na parte central forman un cadrado.
-          Catro nervios, un por lado, unen en diagonal as trompas coa intersección dos nervios anteriores.
-          Esta cúpula ten estrutura única en Galicia. Similar, na capela das Claustrillas do mosteiro das Huelgas, tamén cisterciense.
-          Está inspirada nas cúpulas da mesquita de Córdoba. É de tradición islámica.


Cabeceira
·         Tres ábsidas de planta semicircular, precedidas por un tramo recto
·         Os tramos rectos cóbrense con bóveda de canón apuntado.
·         Os tramos semicirculares, con bóvedas de cascarón.
·         Acceso ás ábsidas: mediante arcos apuntados e dobrados, dos que destaca o da capela maior, que ten a mesma  altura da nave central.

Coro
·         Aos pés da igrexa.
·         Ocupa o derradeiro tramo; nun principio ocupaba dous.
·         Sostido por dous arcos rebaixados, que obrigaron a destruír os modillóns de remate das piastras.
·         Sobre unha das portas de acceso aparecía a data da construción do coro: 1779.
 Agora está no dintel da porta do antigo refectorio.

2. Exterior da igrexa

Fachada occidental
·         Interesante polo trazado e por ser un dos tres mosteiros galegos que conserva a fachada de orixe, co de Meira e o de San Clodio.
·         Dividida en tres rúas por macizos contrafortes, responsións dos arcos formeiros que separan a nave central das laterais.
·         Outros dous contrafortes nos extremos.
·         Lado esquerdo: entre os contrafortes, porta que comunica coa nave lateral do evanxeo.
·         Esta porta ten no interior un tímpano semicircular sostido por dúas mochetas e decorado cunha cruz grega.
·         Pequena ventá sobre a porta. Arco de medio punto.
·         Lado dereito: repetíase o deseño, pero esta porta quedou tapada pola fachada do mosteiro, do século XVIII, perpendicular á fachada da igrexa.
·         Ángulos da fachada: dúas escaleiras de caracol, abertas no grosor do muro, iluminadas por seteiras.
·         Tramo central da fachada: dous corpos, separados por un tornachuvias, decorado con xadrezado e sostido por canzorros lisos, semellantes aos da cornixa de todo o edificio.
·         Portada: Baixo o tornachuvias.
-          Abocinada.
-          Seis archivoltas e chambrana.
-          Todo moi decorado, en contraste coa austeridade cisterciense do interior.
-          Arquivoltas: molduradas en baquetóns e escocias.
-          Catro escocias, as exteriores, e a cambrana decoradas con xadrezado.
-          Arco interior de baquetóns matando as arestas, entre as que se pon unha escocia decorada con motivos florais.
-          Arquivolta exterior: decoración de arquiños de ferradura. Semellantes, na catedral de Santiago.
-          Arquivoltas: todas de medio punto, descansan sobre columnas con fustes alternativamente cilíndricos e prismáticos de sección poligonal.
-          Capiteis: decoración vexetal de follas sinxelas con cimacios en macela, lisos. Basas: perfil ático sobre plintos. Na basa dereita: ERA MCCL, é decir, ano 1212.

·         Rosetón: sobre o tornachuvias.
-          Para iluminar a nave central.
-          Composto por rosetas, lóbulos…, en árculos concéntricos arredor dun núcleo central circular con arquiños de ferradura dispostos radialmente.
·         Cabeceira: tres ábsidas circulares.
-          Ábsida central: dividida en tramos mediante contrafortes.

3. Outras edificacións do mosteiro
·         Campanario
-          Do 1778, segundo inscrición do claustro.
-          Barroco final.

·         Sancristía
-          Planta cadrada.
-          Cuberta plana de granito, sostida por catro arcos rebaixados.
-          Arcos centrais: descansan en grosas piastras de orde toscana.
-          Arcos estremos: descansan en ménsulas.
-          Neoclásica, século XVIII.

·         Claustro
-          Adosado á parede sur da igrexa. Arredor, dependencias do mosteiro.
-          Planta cadrada.
-          Dous pisos. Planta baixa, do século XVI.  Planta alta, do século XVIII.
-          Galerías: seis tramos por lado, cubertos con bóvedas de cruzaría, con claves chamativas.
-          Nervaduras: molduradas, apoiadas en ménsulas simples.
-          Cerre ao xardín: seis arcos de medio punto en cada lado, sobre  piastras decoradas.
-          Muro interior sur do claustro: é o románico da igrexa, con porta renacentista.
-          Bóveda da esquina nordeste do claustro: represéntase un anxo.

·         Sala capitular: cuberta moderna.
·         Cociña: conserva a disposición original.
-          Planta rectangular.
-          Gran bóveda de canón, que arrinca de grosa imposta. 
-          Grandes piares.
-          Fogar: dúas columnas sosteñen alta campá.
-          No exterior: Ano 1766. SIENDO ABAD EL R.P.M. LUIS DE PARGA.



N. B.: Este aperitivo saíu chuletón de quilo e medio, de elefante, duro de roer. Pasa por facer un leigo experimentos na cociña.  

Ata a próxima.
Eduardo Seco.

No hay comentarios:

Publicar un comentario