Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

viernes, 2 de septiembre de 2011

ARMENTEIRA 1

ERO DE ARMENTARIA: HISTORIA E LENDA


Pasaron moitas cousas nestes tres últimos tres meses, como a desaparición do Códice Calixtino, a XMX Madrid 2011, entradas interesantes no blog ou reforma da Constitución, pero hoxe tocan aperitivos fríos para o banquete do 17.

Ero de Armentaria foi un cabaleiro do século XII, fundador do Mosteiro que imos visitar. De familia nobre do Salnés, estudou artes liberais e guerreou na Reconquista como compañeiro de armas do rei Afonso VI. Retirouse da guerra, casou e volveu ao Salnés. O matrimonio non tiña descendencia e pedíalle un fillo a Deus.
Unha noite soñaron, por separado, que se lle aparecía a Virxe, contáronse os soños, idénticos, e concluíron que a Virxe lles ordenaba que fundasen dous mosteiros: un masculino e outro feminino. Así aseguraban descendencia espiritual, máis importante ca os fillos carnais, segundo o soño.
Ero converteu o pazo en mosteiro e a capela en ermida, vendeu as propiedades e retirouse como ermitán.
Atraído, Ero, polo florecemento do cister, pois xa existían os mosteiros cistercienses de Oia, Melón, Oseira, Meira e Sobrado dos Monxes (actual Desván de los Monjes) pediulle ao abade de Claraval, Bernaldo, monxes para fundar e dirixir un mosteiro. Chegaron catro en xuño de 1149 e elixiron abade a Ero en 1150.
Foi collendo fama o mosteiro e Ero quixo construír  unha igrexa suntuosa. Pediulle axuda económica ao amigo Afonso VI, que doou ao mosteiro as súas pertenzas reais no couto de Armenteira e todo o couto de Barrantes; tomou baixo a súa protección o mosteiro e os vasalos, que quedaron exentos do pagamento de tributos.
Este privilexio foi asinado por Afonso VI e polos seus fillos Sancho e Fernando, e confirmado por todos os seus sucesores ata Henrique III.
Seguiron outras doazóns durante os 25 anos que durou a abadía de Ero, que non erótica.
A fama de Ero converteuse en lenda popular:
Saiu Ero ao bosque do mosteiro, perdeuse e sentou a descansar. Oiu o canto dun paxariño, que o engaiolou durante 200 anos. Cando volveu ao mosteiro, preguntou polos compañeiros, que ninguén coñecía. Identificouse e comprenderon o milagre: 200 anos fundidos nunhas horas; o cacho de pan quente co que saíra do convento aínda non arrefriara ao regreso. Quixérono nomear de novo abade, pero Ero non aceptou.
Faleceu ao pouco tempo e ninguén, de momento, atopou a súa tumba, a pesar de ser buscada en diversas épocas. O abade Matías Peralta ata puxo a toda a comunidade a xaxún de pan e auga durante a busca.
A lenda do paxariño foi recollida en libros marianos europeos e tamén nas  Cantigas de Santa María, cantiga 103.
Esta obra do rei Afonso X está na biblioteca de El Escorial, é a primeira xoia literaria das linguas románicas, escrita en galego, e ignorada nos nosos tempos de estudantes e aínda agora por algún guía do Escorial.
Filgueira Valverde, en tese de doutoramento, chegou á conclusión de que foi un milagre concedido pola Virxe, a quen Ero lle pedía que lle mostrase como era a eternidade.
A igrexa está baixo a advocación da Virxe, Virxe das Cabezas. O luns de Pascua celébrase unha romaría moi popular na comarca, para  curar as doenzas da cheminea
Ata a próxima.
Eduardo Seco

No hay comentarios:

Publicar un comentario