Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

lunes, 31 de agosto de 2009

É TEMPO DE SILENCIO?

A gusto remata agosto
repleto de augustos días
consagrados a cen santos
con festas e romarías...

A sol, paseo e lecturas,
a cañas, tapas variadas,
con permiso disgustante
da Tensión acelerada.

Pantagruel, Colesterol,
traballo, setembro outonal
dadivoso en alimentos
e convivencia anual.

Na miña cota de lectura entraron dous libros distantes no tempo e curiosamente complementarios:
"Tiempo de silencio", que Luís Martínez-Santos sitúa no 1949.
"A corpo aberto", no que Manolo Rivas, Xerais 2008, retrata a época actual.
Ambos os dous son documento, crónica, noticia dos tempos respectivos.

Ricardo Gullón explica así a relación espazo-temporal do primeiro título:
"Mostra unha situación opresiva, inxustiza sistematizada, miseria extrema, brutalidade en distintos niveis, degradación ou destrución, que é o que adoita agocharse tras do silencio forzado por unha situación ditatorial".

Xesús Pardo, prologuista, completa:
"Engádese a alternativa mortal en que vivía todo o que pensase, por pouco que fose, e non se sentise identificado co réxime: calar ou expoñerse á represión, que podía ter moitos aspectos: desde o cárcere ou o exilio ata a persecución no ambiente de traballo e incluso na vida cotidiana".

Ao final da novela, Pedro, protagonista derrotado polo ambiente, pensa en voz alta:
"Hai algo que explica por que me estou deixando capar e por que nin sequera berro cando me capan".

E conta unha historia didáctica:
"Cando os turcos capaban aos seus escravos nas praias de Anatolia para producir eunucos de harén, deixábanos enterrados na area da praia e a moitas millas de distancia, os navegantes en alta mar podían oír arreo[...] os seus berros de dor , de protesta ou de despedida da súa virilidade.
Sistema eficaz de asegurar a asepsia, enterrados ata o van na area, que é substancia limpa, absorbente, que non permite que se pudran as secrecións, que as elimina e carece de xermes patóxenos, impreganada en ido e outros sales mariños de acción carminativa".

Segue pensando:
Pero mellor isto de agora, en que non só non se berra, senón que nin sequera se sente dor e, por tanto, non se pode servir de faro acústico aos incautos navegantes"[...]
"É un tempo de silencio".

No polo oposto deste imán septuaxenario que aínda atrapa a moitos, están os capítulos de "A corpo aberto":
- "Garzón, Antígona e a memoria histórica". Páxina 213.
- "O barco da memoria". A historia esquecida dos pescadores republicanos.
Páxina 218.

Rivas achéganos á dor silenciosa da familia de tantas persoas paseadas (vaites co eufemismo!)e desaparecidas durante a guerra e na década dos corenta, coa guerra oficialmente rematada, e a barbarie continuada. A historia da familia de Isaac Díaz Pardo pon os pelos de punta.

¿Non teñen dereito a recuperar os restos dos seres queridos tirados en foxos anónimos?
¿Seguimos en tempo de silencio?
A coiraza defensiva impide abrir o corpo á xustiza e á caridade. Non resucitan vellos fantasmas nin inauguran laboratorios sociais prebélicos. Por razóns humanitarias, simplemente, parece ruín negarlles o dereito. Outros están aínda nas fachadas das igrexas, como "caídos por Dios y por la Patria". Trátase só de ter o corpo aberto á dor dos vencidos, que só tiñan a forza da razón.
Estes días atoparon en Lario (León)os restos unha mestra e dun mestre torturados e asasinados no 36. Laurentino, o fillo dela, dixo: "Sinto dor, pero peor sería irme sen atopala". O fillo ten agora 91 anos.

¿Por que seguimos esixindo silencio no 2009, despois de 70 anos? Xa non é por medo, senón por querer interpretar a historia con gafas de cego, por temor a descubrirlles a outros a verdade (realidade)da guerra e dos primeiros anos de ditadura. Hai persoas que aínda senten dor coma os escravos da historia.

¿Por que se pon tanto reparo á recuperación de corpos e da memoria por parte de certas faccións da dereita e da Conferencia episcopal?
Só alcanzo a descubrir dúas razóns:
- Apego inconfesado ao franquismo.
- Odio ao presidente do Goberno.
A asignación razón-grupo corre da túa conta, lector amigo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario