Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

lunes, 31 de agosto de 2009

PRIMA LECTIO ( 09-10) Rafael

Hoxe, 31de Agosto, día de San Ramón Nonato, acábase o periplo de descanso. Tal día como hoxe, de neno, erguiámonos co canto dos galos para que miña mai preparase as tortillas de pan e ovo para ir á romaría do San Ramón a Bealo (Boiro).Polos atallos estaba a tres horas do Cabo da Cruz
Facíanse coa rede vella que se lle quitaba aos copos dos aparellos, cando os reparaban as redeiras das desfeitas dos arroases, unhas bolsas na que se metían as sandías e as gasosas que se mercaban no campo da festa. Ao chegarmos había que buscar unha casa que che deixasen meter no pozo esas bolsas amarradas cun cordel, dos das canaveiras dos foguetes que eran moi resistentes, e que se ían a buscar a hora do xantar, despois da procesión, para refrescar o viño que acompañaba ao xantar. As sandías así, ao dereito do pozo, eran un auténtico manxar refrescante naquela tarde de verán xeralmente calorosa.

Non había neveiras naqueles tempos pero había imaxinación. Era obrigado por a roupa dos días santos. -Este ano anuncian un programa especial por celebraren o 250 aniversario-. De pequeno non me collía na cabeza que lle chamasen capela a unha Igrexa que era mais grande que case todas as Igrexas parroquiais do municipio.(Vid. foto)


Ademais ten dúas torres de campanario e un balcón accesible desde a tribuna. A súa historia recóllea o cura de Fruime D. Diego Antonio Cernadas e Castro de quen nos ten falado moito D. Manuel Garcia Garcia (Ceuta) nas clases de literatura galega que tiñamos en filosofía. Parece que se abriu ao culto en 1759. Acudían familias enteiras, ségueno facendo, do Barbanza, sobre todo mulleres embarazadas, hoxe apenas perceptibles, porque é o santo que axuda a ben nacer as criaturas. O Padre Sarmiento fala de certos lugares de Galicia no que se practicaban,dende tempos inmemoriais, ritos precristiáns vencellados á fertilidade entre os que se topaba o campo dos outeiriños onde se levantou a ermida. Alí está aínda hoxe, a chamada cama de pedra:


Alí deben durmir, facendo o conveniente, as parellas que queiran ter un fillo e non lles veña de seu polos medios ordinarios. Conteñen uns petroglifos que son testemuña deses ritos ancestrais. É un de tantos casos en Galicia que se cristianizan para substituír os ritos pagáns por cristiáns. De aí que se elixise a San Ramón Nonato como patrón do santuario en época relativamente recente.

Manterei o rótulo desta comunicación pola preguiza de non borralo. En realidade o que levo escrito non corresponde a lección ningunha. Imitando a un colega de filosofía que non daba a primeira clase do curso nin a última, alegando unha costume inmemorial universitaria, proveniente da pontificia de Salamanca que materializaba neste aserto latino: “Prima lectio non datur et última suprimatur”. Para el o costume era lei de obrigado cumprimento.

En consecuencia hoxe non hai lección e que o San Ramón teña éxito na edición do seu 250 aniversario.

Un saúdo afectuoso a todos despois desta folganza estival. Que a gripe “A” non vos desacougue porque pode ter un resultado parecido á gripe aviar. Vou intentar colgar un audiovisual, a ver se o consigo, que pode ilustrar este mundo sen sentido no que a veces temos que facer inxentes esforzos para non acabar toleando se intentamos pensar sobre o que acontece ao noso arredor.


En próximas intervencións farei algunhas anotacións a última paréstica de Ramón Senín. Segue participando que é interesante o que nos contas igual que os demais participantes.

Nora boa ao autor da última intervención de hoxe mesmo: E tempo de silencio? Intervirei decontado falando da memoria que é unha potencia da alma que se ha de cultivar como ensinaba o padre Astete.

A Antonio Puertas darlle ánimos para que pronto salga do val de bagoas en que a veces nos mete esta vida de duros contrastes, Que o netiño que empeza a vivir, ao que lle adicou eses versos tan bonitos lle serva de alivio e de esperanza. Despois do día ven a noite pero a roda non se para e sempre hai un amencer.

A Luciano Pena que dea sinais de vida. Se non ten tinta que colla o lapis ,aínda que sexa de carpinteiro, e nos aclare esta tese: “Utrum galescola aut gallina glauca sunt ad educandum puerum Enmanuelitun aut Balvinum?Se ten algunha dúbida que se aconselle con Neira Vilas que o ten perto de Bandeira en Merza..


A Eduardo darlle parabéns polas reflexións tan acertadas sobre as galiñas azuis. O estilo retranqueiro e ao “Francisco Gómez de Quevedo y Villegas” é moi chocante e deixa claro o que se quer dicir. Por hoxe mais nada. Saúde para todos e que todos se asomen a esta xanela para contarnos algo que, aínda que teñan pouca sustancia como o que hoxe eu vos conto, sempre é unha ledicia lervos. Rafael

Hoxe, tendo xa por empezado o novo curso académico, aí vos vai:

Información Legal:

Este verán foi tema de conversación e de preguntas, dos leigos en dereito, sobre se é legal gravar conversacións. En principio hai que distinguir sobre se son conversacións nas que un é participante ou non.
No caso de que un sexa partícipe da conversación pódense gravar sen ningún problema coa lei aínda que o interlocutor ignore que está sendo gravado. No caso de que un non participe desa conversación estariamos ante o vulgarmente coñecido como espionaxe e neste caso cometeriamos un delito que ademais de atentar contra o artigo 18 da Constitución: “-Se garante o secreto das comunicacións e, en especial, das postais, telegráficas e telefónicas,  salvo resolución xudicial.-”está tipificado no artigo 197 do Código Penal cunhas penas moi graves de 4 anos de prisión e multa de 12 a 24 meses: “ -O que, para descubrir os secretos ou vulnerar a intimidade de outro, sen o seu consentimento, se apodere dos seus papeis, cartas, mensaxes de correo electrónico o calquera outros documentos ou efectos persoais, ou intercepte as súas telecomunicacións ou utilice artificios técnicos de escoita, transmisión, gravación ou reprodución do son ou de imaxe, ou de calquera outra sinal de comunicación, será castigado coas penas de prisión de un a catro anos e multa de doce a vintecatro meses-”

A participación debe deducirse da conversación gravada. O razoamento que nos dan os “Iuris prudens” -de aí ven xurisprudencia-, maxistrados, tanto do Tribunal Constitucional como do Supremo, resúmese nesta cita que aparece en todas as sentencias que afirman a legalidade das gravacións:
"[...] la grabación de una conversación que tiene lugar entre dos personas y que uno de los intervinientes desea conservar para tener constancia fidedigna de lo tratado entre ambos, no supone una invasión de la intimidad o espacio reservado de la persona ya que el que resulta grabado ha accedido voluntariamente a tener ese contacto y es tributario y responsable de las expresiones utilizadas y del contenido de la conservación, que bien se puede grabar magnetofónicamente o dejar constancia de su contenido por cualquier otro método escrito. Cuando una persona emite voluntariamente sus opiniones o secretos a un contertulio sabe de antemano que se despoja de sus intimidades y se las trasmite, más o menos confiadamente, a los que les escuchan, los cuales podrán usar su contenido sin incurrir en ningún reproche jurídico."

Outra cousa, digo eu, é a ética ou moral do que se adica a gravar conversacións sen advertilo previamente. O dereito regula o mínimo para a convivencia e a ética que un se impoña pode ser mais rigorosa.

Gracias a legalidade destas gravacións pódense perseguir condutas que doutro modo quedarían impunes. Deica a próxima.




1 comentario:

  1. Non logrei colgar o vídeo. Resumo o seu contido. A música e a fotografía sacádea do maxín:
    MALARIA: No mundo cada ano morren dous millóns:Evitaríanse con simples mosquiteiros de protección.
    DIARREA: Morre a mesma cantidade. Con soro que custa 25 céntimos poríaselle remedio.
    XARAMPÓN,NEUMONÍA e OUTRAS Enfermidades curables provocan a norte de 10 millos cada ano. ¿Por que abren os noticiarios en todo o mundo coa información dos mortos pola Gripe A e non polas outras? Sábeno ROCHE e RALENZA as grandes empresas farmacéuticas mundiais que obteñen miles de millóns de ganancias.Rafael

    ResponderEliminar