Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

jueves, 10 de septiembre de 2009

Magnum portentum. (Rafael)

Estimados condiscípulos,uns de dous díxitos, na conta dos cursos de Seminario e outros de menos, pero non por iso menos compañeiros a todos os efectos e afectos: adiántovos, en plan delator (ao Ledo López? Lembrades canto rebumbio se armou e a que baleiro o sometemos ,eu creo que case que todos?.Exercitade a memoria que é a mellor vacina contra o deterioro das neuronas) que na convivencia anual teremos unha monumental sorpresa e asombro que nos dará un compañeiro a quen deberemos nomear cronista oficial e notario maior dos acontecementos gráficos desta “quintado57”.

A súa condición de economista, profesor de longa carreira e licenciado en leis e outros saberes, garante con calidade o labor realizado en todas as súas facetas . Ata aí podo dicir. A realidade superará o que estaredes sospeitando.

Adiantaba que faría algún comentario sobre dúas cousas que nos dixo Ramón Senín, un saúdo afectuoso extensivo a todos,na última intervención. Respecto ao finado bispo Guerra Campos a quen cualificou como Gloria da Igrexa compostelán. No senso en que el o refire de arqueólogo e con gran capacitación e saber paréceme que é totalmente certo. Eu quería engadir algo que me sorprendeu ao sabelo. Na década dos 50, como profesor e coengo tiña moitos admiradores en Santiago. Iso me teñen comentado. Era alto,elegante, dicían as beatas que moi ben feito e nas súas prédicas caían en éxtase moitas seareiras. Xunto con D. Xesús Precedo e algún outro foron cregos de moda en Santiago.

Xosé Ramón Barreiro ,o da Academia, conta tamén que foi nun principio un crego progresista. No ano 1957 escribiu en Compostelanum un artigo sobre Teilhard de Charding e o cardeal Quiroga, preocupado, ordenou que un profesor do Seminario revisase os seus artigos antes da súa publicación.

Despois como perito conciliar foi famosa a súa intervención sobre marxismo. Aos que lle dou clase a verdade é que contan marabillas del. A nós, no 64 – 65, que nos correspondería,xa foi cando o nomearon bispo e xa non o collemos.

En Madrid foi moi controvertido. No 66 descabezou a Xunta Nacional de Acción Católica por falta de espiritualidade nos seus membros e significouse como o bispo mais retrógrado, reaccionario, ultraconservador e anticonciliar.

El que acusaba de temporalismo aos demais e foi 10 anos Procurador en Cortes por designación directa de Franco.

No 1976 votou en contra do proxecto de lei de reforma política xunto con Girón de Velasco, Fernández Cuesta, Oriol e Blas Piñar. Foi a Lei que autofagocitou aos Procuradores en Cortes e dou lugar á transición á democracia.

Pediu o voto en contra da Constitución ,participou en mitins de “Fuerza Nueva”. Presidiu a Asociación de curas integristas. Non asistía á Conferencia Episcopal e o Papa Pablo VI negouse a recibilo mentres non se puxese en comuñón co resto dos bispos. Os restantes dicían del que con tanta intelixencia parecía que non tiña ningunha.A culpa, os mais xenerosos botábanlla aos que o andaban aclamando como bispo de España.
Estendinme porque tan é verdade o que di Senín como estes feitos. A vida ten brancos e negros.
Respecto a memoria chamada histórica, o que di Senín provócame frecuentes discusións amigables cunha compañeira de despacho continuamente. Ela tamén defende que se debe un de esquecer da guerra civil, que todos fixeron barbaridades, que falar diso non conduce a nada mais que a enfrontamentos. Que as rúas e monumentos están ben e non tocalos que son xa Historia. Eu adiántovos que non penso exactamente así .Cada un é fillo das súas circunstancias, das súas vivencias, da súa historia. Eu penso que a Lei de Memoria histórica, a estas alturas era necesaria e conveniente. Animaladas é certo que houbo algunhas cometidas por xente que estaba a favor da república e moitas polos que se levantaron en armas contra ela.Foron os que provocaron a guerra entre irmáns que é a meirande animalada que pode haber. Pero non debemos esquecer que as autoridades lexítimas, a través das urnas, democraticamente, igual que hoxe eran as da República e o alzamento nacional foi unha agresión á Constitución que partiu España en dúas e non tiña lexitimidade ningunha os militares para facelo.
Penso que todos debemos de coñecer o que pasou para que como di D. Isaac Diaz Pardo, (o día 22 cumprirá 89 anos e que lúcido está), a quen mencionou Eduardo, non volva a repetirse o que pasou daquela. El adicou a súa vida, ademais de deseñar esas estatuíñas tan churrusqueiras de Sargadelos que a todos gustan tanto, a recuperar a memoria de todo o que pasou desde o 1936. Na Colección “documentos para a historia contemporánea de Galicia” van polo libro nº 210 está recollida a historia do exilio e da represión e os testemuños directos de centos dos seus autores quedan aí para nós e para as xeracións futuras. Hoxe os que queiran poden falar e escribir diso e as familias teñen dereito a recuperar os corpos dos seus seres queridos .Por certo a fosa de Aranga abrírase pronto e grazas a colaboración dun crego de Mondoñedo, Alfonso Blanco de Guitíriz, a quen un dos que viven lle dixo onde estaban enterrados 16 paseados. As autoridades, xuíces, avogados,fiscais e todas as Administracións Públicas deben colaborar para que se cumpra a lei da memoria.
Alargueime un pouco,.O meu pai reprocháballe á miña nai que cando ía á Vila (Vilagarcía) se deixase a lingua na casa viría primeiro.
Si alguén non esta de acordo co que creo e penso, parece que sobra dicilo, ten todo o dereito do mundo a discrepar. Dixo López González ,sen darlle importancia, que se nun grupo todos pensan igual e que pensan pouco ou nada Espero que nos vexamos, os mais que poidades, na Guarda. Será un bonito día, seguro, para vivir, revivir e compartir como nos di sempre o noso ben querido e prezado Andrés a quen todos lle debemos estas xuntanzas e o queremos moito. El é un accidente substancial nesta quintado57. Se non escribo nada mais deica vernos e se non deica a próxima. Rafael

Información legal: Cando non expresamos sen rigor e sen precisións conceptuais,como facemos todos case sempre, é o normal, tendemos a considerar como sinónimos ou palabras que significan case o mesmo as seguintes:
Apropiación indebida
Furto
Roubo
Estafa
Legalmente son cousas moi distintas e cunhas consecuencias tamén distintas,Apropiación indebida é cando un ten algo no seu poder,poñamos diñeiro que é un ben valioso e escaso, de modo legal por un tempo determinado pero en vez de darlle a finalidade prevista, quédase con el incorporando ao seu patrimonio. Ex. Entréganche 1000 euros para pagar o I.R.P.F de outro e ingrésalos nunha conta túa,Se a apropiación e dun valor superior a 400 euros cometes un delito que pode ter unha pena de 6 meses a tres anos de cadea, Se é menor a 400 sería unha falta que nunca teñen penas de cadea. Multas de pouca contía e como máximo o chamado arresto domiciliario.
Furto cométeo o que, con ánimo de lucro, colle algo, contra a vontade do seu dono e se queda con el, Se supera o valor de 400 Euros é delito con pena de prisión de 6 meses a 18.Se non o supera ten o mesmo tratamento que a apropiación.
Roubo cométeo o que tamén con ánimo de lucro se apodera de cousas alleas empregando forza nas cousas para acceder a onde están ou exerce violencia ou intimidación sobre as persoas que as teñen ou gardan. O culpable de roubo, con independencia do valor do roubado ten unha pena de prisión de 2 a 5 anos. O roubo nunca se considera falta.
Estafa cométena os que con ánimo de lucro utilizan o engano suficiente para producir un error noutra persoa de forma que realice un acto de disposición en prexuizo propio ou alleo. Tamén se supera o valor de 400 euros ten unha pena de seis meses a tres anos e se non os supera considérase unha falta con penas leves.
E frecuente que todo isto se confunda e apareza unha noticia así: O concelleiro de urbanismo apropiase ilegalmente de 14.000 euros que estafou ao Concello cobrando por unha obra non realizada co que furtou esa cantidade as arcas municipais mediante semellante roubo.
Os delincuentes profesionais son uns auténticos especialistas en dereito penal. Asi que se vos venden un longines falsificado por 399 euros e vale 10 traído de China, dádevos por fodidos que ao estafador saíralle barato,
Para hoxe mais nada. O que queira saber mais que vaia a Salamanca.

No hay comentarios:

Publicar un comentario