AÍNDA VEXO
Aínda vexo ao meu querer,
ó contemplar teus encantos,
cos recordos que quero ver,
buligando polo meu ser,
e alporizando meus prantos.
Aínda vexo polas hortas
ó noso Muíño do Vento,
entre corredoiras tortas
ca súa pedra sen portas
polas que entro sen alento.
Aínda vexo faldriqueiras
no sollado de Isolina,
con panos de palilleiras;
bolos do lar nas lareiras,
e “chiquitos “ na Cantina.
Aínda vexo a bisbarra
ateigada de piñeiros;
a Arximiro na gabarra,
ca súa moura zamarra,
escallando ós rapaceiros.
Aínda vexo a fogueira
pola outra banda da ría,
e ao Nacho nesa xeira,
escorado na traiñeira,
por Merexo, cando ardía.
Aínda vexo enfornadas,
cas fábricas á fumear,
e as tripadas entubadas,
escorrendo mesturadas
en Cerdeiras i en Aguiar.
…E ao pombal de meu pai
enriba do galiñeiro;
e a botica da miña nai;
e aos zapatóns que me fai
Modesto do zapateiro.
…E lebres no monte da Vela,
e ó Tubío con Lucero
polos carreiros d´Arnela;
ou polas leiras de Insuela
a paus de:“ aquí vos espero”
E sinto tocar o corno
dende a Praza ata Merexo;
e, apañando no patexo,
deica os agros dun entorno
por onde axexa o conexo.
Aínda vexo o carniceiro,
fachendoso no cabalo,
apeándose nun balo
con bestas de bo vaqueiro,
mentres vai cantar o galo.
Aínda, á Fonte Barreira,
baixando co río do Prado,
e, mesmo a carón no lado,
pegadiñas pola beira,
espadanas polo estrado.
E o estrume por medio, perde
a Mariano da Cabreira,
que, na Grixa, ou a Lontreira,
cargara con toxo verde
pa queimalo na lareira.
E as ascuas po incensario
que tiña encargado o cura,
eran as de mais perdura,
dende a igrexa ó campanario,
colmando incenso en fartura.
E os Campaña e mailos Nito
tensando a corda, cun pano
de fronteirizo mediano,
pa ver quen fai o “ machito “
polo Carme d´aquel ano.
Vexo, aínda, Camariñas,
dende lonxe o noso faro,
e, requirindo o amparo,
nosas aboiadas barquiñas
que na néboa ven seu claro.
¡ Hai! que preto da terriña
vexo a casiña onde nacín,
¡ hai ! que lonxe dela vivín
crecendo coa morriña;
…lonxe, moi lonxe, eu, me sentín.
Antonio Puertas
Moi interesante blog de exseminaristas. Saúdos desde Semlugo66, exseminarista en Lugo desde 1966
ResponderEliminarO voso blog de exseminaristas Semlugo66, que acabo de ver, non está nada mal que digamos. Dende aqui, a Quinta do 57, de Belvis, un agarimoso saudo.
ResponderEliminarAntonio Puertas