Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

lunes, 8 de abril de 2013



















































































DICIAMOS ONTE...

Despois de ver as fotos de Sobrado e do Burgo, comprendín o conto de Dieste: O neno suicida. “Canto mellor é vir de vello para mozo que de mozo para vello”.
O que empezou por accidente doméstico, que aproveitei para quedar coxo e manco por un tempo, por se había recortes en caídas, resultou ser un longo embarazo que alumeou acontecementos destacables, que tampouco animaron este blog, vivo grazas a Rafael, Antonio, Andrés e Miguel.
Subliñaría estes feitos:
  1. Crítico testamento espiritual de Carlo María Martini, que non quixo publicar mentres vivise.
  2. Prohibición de: Jesús. Una aproximación histórica. A Inquisición do Vaticano declarou que o libro non contén herexías. Pero a CEE non quere autorizar a reedición. Era clandestino desde 2009. Supoño que volverá ás librarías e que Pagola rematará os “cinco anos de calvario”. Xosé Antonio foi discípulo de Martini e non porque tomase licor aperitivo.
  3. Escándalo do Vatileaks. Os papas empezan o mandato no balcón do Vaticano, diante dunha multitude, pero gardan celosamente segredos e misterios, non precisamente teolóxicos, nos sumidoiros do minúsculo Estado.
  4. Aparición de dialectos, tecnicamente idiolectos, como o guindés, o montorano, o soraiés, o matés e o milagreiro de Fátima. Hai outros, aínda non descifrados, como o marianés e cuspedaliano. Pertencen todos á familia lingüística chiripitifláutica. Wert para crer.
  5. Imposición do axioma “coa que está caendo”, que se repite coa naturalidade con que chove, neva ou entra a primavera, iniciada este ano o 20 por recortes no inverno. Repetindo esta frase, e outras similares, como algo fatalista, inevitable, estamos validando estratexias de gobernantes destrutores, que se apoderaron da democracia, das institucións e da felicidade do pobo. Aproveitando a lexislación inxusta, tamén queren saír impunes.
    Pero en economía non todo cae; hai exemplos de emprendedores creativos que se superan con pequenas empresas familiares, como o bar Cenas Suculentas, de Madrid.
  6. Varias sentenzas xudiciais que condenan, total ou parcialmente, decretos do Goberno central ou de autonomías: decreto de plurilingüísmo en Galicia, subvención a colexios segregacionistas, recortes sanitarios. Pero “se están buscando fórmulas para evitar el cumplimiento de las sentencias”.
  7. Dimisión e recambio na presidencia da Real Academia Galega. Sorpendente, pero non tanto, polo malestar que se percibía.
  8. Celebración sonora do L aniversario do Vaticano II, cando Bieito XVI o estivo freando e ata seique escribiu un libro nesa liña. Que tipo de Igrexa se quere potenciar co Ano da Fe?
  9. Renuncia do Papa. Cónclave e Papa Francisco.
    Un novo Papa, con outro a poucos quilómetros sen perigo de cisma, merece algunha atención. Está dando boas sensacións, transmitindo enerxías positivas. Doutrinalmente parece que non se vai afastar dos seus predecesores. Non pode saír un papa reformista dun cónclave de conservadores, nomeados por Xoán Paulo II e Bieito XVI.
    Pero un papa que conta chistes, que tivo noiva, que viaxou en metro sendo cardeal, que escoitaba tangos, que vivía so e pobremente nun apartamento pequeno, que renuncia aos zapatos cerimoniais, ás cruces de ouro... sorprende moito vendo tanto purpurado principesco medieval. Que sorprenda xa me parece grave. Renunciar a certos boatos e usos vaticanos é positivo e necesario.
    No cónclave,nós librámonos de Schola; Bergoglio, dos corvos do Vaticano. Pero os forofos do San Lorenzo celebraron ter un Papa Corvo. Cousas da vida.
    Este Papa inaugura moitas portas: primeiro Francisco, latinoamericano, xesuíta, case primeiro castelán-falante, primeiro papa que non pode berrar a todo pulmón cando queira poñer orde no Estado e no rabaño.
    Sendo arxentino, ex veciño de Diestéfano e compatriota de Messi, sempre poderá marcar algun gol imposible coa selección albiamarela cando o partido se poña difícil.
    Ademais, é psicólogo, como bo arxentino, e poderá curarnos ou convencernos no diván. Reto non doado porque hoxe o Paraíso de sempre compite cos 52 paraísos fiscais.
    Desexamos que o Papa Paco non sexa un Papa Poco, dicía unha fervorosa arxentina.
    Como se chama? Pensamos que sería Francisco I, pero non por agora. Só nun futuro pode ser I. Chamémoslle, pois, Francisco de Momento.
    Confío en que, pensando nas virxes de Luján e de Guadalupe, non declare Ano Mariano na Igrexa universal. En España perdería devotos, quizais.
  10. Torrente Ballester escribiu Crónica do rei pasmado. Publicarase en breve Crónica do PP ou do Presidente Plasmado. Libro colectivo dos múltiples Sufridores Escrachados polo plasma omnipotente e omnilacerante. Estamos instalados no abuso de autoridade.
    Corto porque teño que facer unha simulación de embarque en iate para aboar alí unha indemnización en diferido.
    Saúdos.
    Eduardo.













1 comentario:

  1. Benvido mister Eduardo a estes lares. Que a recuperación e rahabilitación sexa total. Deixáchesnos un decálogo coa dose de acedume e ironía, ou retranca, que te honra e caracteriza. De momento este comentario. A ver se esta semana ou a entrante,dispoño de xeito para probar toda esa macedonia de froitas que nos deixaches e darei a miña opinión. Polo de pronto un saúdo cos mellores desexos para ti,”in person”,como din os que noutra época lles chamabamos pedantese, e mais para a túa parentela.

    ResponderEliminar