Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

domingo, 19 de enero de 2014

BALANCE
BALANCE

Todo negocio fai balance a final de ano. Rematamos 2013 e cómpre mirar atrás para garantir o futuro.
Finalmente quedamos no blog catro bloques resistindo os vendavais da apatía. O edificio nunca foi o Partenón, pero agora resultamos unha ruína digna de visitas do Imserso. Non se diga que a actualidade foi aburrida. E, por se faltaba algo, na Noiteboa arde o santuario da Barca. Conta a lenda que Santiago, o fillo do trono, foi confortado pola Virxe nestas bravías paraxes. Aí están as probas da barca que a trouxo: a pedra de abalar (quilla) e a pedra dos cadrís (vela). Así naceu a mítica igrexa. Sorprende agora que o fillo do trono, é decir, o raio, arrasase o santuario. Así se pagan os favores.
No ecosistema blogueiro só quedamos catro especies, ainda que a riqueza da vida se manifesta na biodiversidade.
Que podemos facer para sobrevivir? Coidármonos. Reguemos as musas poética e prosística de Antonio, a información e humanidade de Rafael (fondos de cohesión) e a lóxica argumentativa de Andrés, porque o ecosistema Quinta 57 está en perigo de extinción.

Prospecto
De momento, a vida trátanos ben: aparecemos nas latas de cocacola. Xa non temos que desgastarnos na Pecoc (plataforma de esquecidos de cocacola) onde protestan os Nepomucenos, Tiburcios, Eustaquios e Sinforosos, cabreados por seren excluídos.
Que unha multinacional personalice botes ten graza e orixina situacións cómicas: polas propiedades terapéuticas e polos efectos secundarios, pois esta beberaxe naceu da fórmula maxistral inventada polo farmacéutico John Pemberton (1892) para aliviar males estomacais:
  • Podemos bebernos a nós mesmos. Tomamos ración dobre estando eufóricos e subiranos a moral nos momentos depresivos.
  • Hai tempo que nos ves un amigo/a? Bebes un bote co seu nome e refréscache os bos recordos.
  • Unha lata Alberto pode abortarche a dixestión.
  • Un bote José Ignacio dáche arrotos e gases en público: perdes a educación propia da túa cultura.
  • Unha lata de María Dolores e sofres as temidas xaquecas.
  • Cun bote Soraya quedas estrinxido temporalmente, coas reciclaxes biológicas controladas.
  • Cun bote Jorge metes a pata compulsivamente.
  • Cunha lata Fátima recuperas en sete días o posto de traballo perdido.
  • Tomas unha lata Ana e as bacterias malignas empezan a matar leucocitos, con degoiros de probar a de botella.
  • Cun bote de Miguel éntrache complexo de supermillonario e florece a agricultura.
  • Cun bote Felipe vólveste monarquicano, é dicir, monárquico e republicano.
  • Tomas un José Luís e notas sarabullo.
  • Cun Alfredo podes quedar calvo.
  • Bebes un bote Mariano no aeroporto e non sabes se vás ou vés.

O outro día estabamos tres nun bar e dous pediron cocacola.
O camareiro dixo que só lle quedaban dúas latas: Mariano e Alberto.
- A min dáme unha pepsi, corrixiu un.
- A min ponme as dúas, porfa, di o outro.
Eu pedira unha relaxing cup of café con leche.

Estou coleccionando botes personalizados; teño catro: Rafael, Antonio, Andrés e Eduardo. Quería ampliar a colección.

Alguén dixo que a única revolución posible se fai con luz nas mentes e calor nos corazóns. Quizais, pero co prezo da electricidade esa revolución sae aquí moi cara.
Saúdos cordiais.
Eduardo.

1 comentario:

  1. Eu, Eduardo, quixera, coma ti,regar a mais de catro cos botes que ti coleccionas. Malia que vai ser con auga bendicida, porque a fonte, case que vai seca.
    Pola miña parte, non ha secar este xardín, ainda que eu tan só prante toxos.
    Unha aperta pa ti, pos outros tres carabeles frescos e lúcidos; e, po resto, o meu hisopo con auga milagreira.
    Antonio Puertas

    ResponderEliminar